Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

104 equipos participarán no Rallye San Froilán do 24 ó 26 de agosto


# Martes, 21/08/2007


O 29º Rallye San Froilán, que se celebrará do 24 ó 26 de agosto, será puntuable para o Campionato Galego de Rallyes e contará coa presenza de 104 coches e a participación de 40.000 persoas. A proba deportiva foi presentada esta mañá nun acto presidido polo titular da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antón Bao.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, destacou a importancia desta proba, "unha das punteiras da nosa comunidade e un referente a nivel nacional, na que se agarda a presenza de entre 30.000 e 40.000 persoas ó longo do seu percorrido". Gómez Besteiro tamén subliñou a "repercusión que a proba terá a nivel galego, o que beneficiará a toda a provincia".

Pola súa banda, o Vicepresidente Primeiro da Deputación, Xosé Antón Bao, desexou que o Rallye sexa todo un éxito. Tamén felicitou a todos os concellos implicados na proba e dixo que "a Deputación debe colaborar cos diversos concellos porque así se beneficia a toda a provincia".

O Rallye ten un presuposto de preto de 115.000 euros, dos que a Deputación Provincial de Lugo aporta 36.000 euros, o Concello de Lugo 18.000, a Xunta de Galicia 5.500 e os Concellos de Rábade e Outeiro de Rei 6.000 euros cada un.

Datos técnicos
A proba consta de 436,870 kilómetros, dos cales 86,460 corresponden a 8 treitos cronometrados por estradas pechadas ó tráfico. O percorrido está dividido nunha etapa e dúas seccións. Os treitos cronometrados percorrerán os Concellos de Lugo, O Corgo, Castroverde e Outeiro de Rei.

A proba, organizada pola Escudería Miño-Lugo, foi presentada hoxe nos xardíns traseiros do Pazo Provincial de Lugo coa presenza de varios dos coches que participarán no Rallye. O Presidente da Deputación de Lugo destacou que haberá máis presentacións nos xardíns para "abrir ó público os espazos da Deputación, moitos deles descoñecidos para a maioría dos cidadáns".

Na presentación do Rallye tamén participaron o Delegado de Deportes da Deputación, Antonio Veiga; o Delegado provincial da Consellería de Cultura e Deportes, Juan José Molina; os Alcaldes de Castroverde, Xosé María Arias, Outeiro de Rei, José Pardo e o Tenente de Alcalde de Rábade, Ángel Manuel Lage; o Concelleiro de Deportes do Concello de Lugo, José Manuel Díaz Grandío; o presidente da Escudería Miño-Lugo, Calos Íñiguez e a vicepresidenta da Escudería Miño-Lugo, Maite Vilanova.

O presidente da Escudería Miño destacou a importancia desta proba, da que podería saír o vencedor do Campionato Galego de Rallyes, que se está a disputar entre o lucense Luis Vilariño e José Martínez Barreiro "Bamarti". Carlos Íñiguez fixo un chamamento ós afeccionados "para que respecten as ordes da organización co fin de garantir a seguridade do público". Destacou o importante esforzo realizado pola organización, na que participan más de 400 persoas. O máximo responsable da Escudería tambén anunciou que o ano que vén, no que se cumprirá o 30 aniversario do Rallye San Froilán, farase un especial esforzo co obxectivo de que se celebre en setembro.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova