Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo achega un ano máis o San Froilán de Lugo ós veciños de Barcelona


# Xoves, 27/09/2007
Na Cidade Condal, José López Orozco participou na presentación conxunta do San Froilán das dúas cidades

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, asistiu este xoves á presentación oficial conxunta das festas do San Froilán de Lugo e do distrito barcelonés de Nou Barris. O acto tivo lugar ás nove da noite no Salón de Plenos do Concello deste distrito catalán. O Alcalde eloxiou a integración da colonia galega en Cataluña e a excelente relación entre Lugo e os galegos que alí viven “unha vez máis unimos Lugo con Cataluña a través dos embaixadores que temos alí, centos de galegos que viven nestas terras e que celebran as nosa festas patronais co mesmo cariño que nós”.

Como ven sendo habitual dende que López Orozco é Alcalde de Lugo, ámbalas dúas cidades renovaron os seus lazos de amizade e unión. O Alcalde de Lugo é un home moi querido polos galegos residentes na cidade condal.

Hai máis de 10 anos -concretamente 13 anos- que comezaron con esta celebración, que recupera o tradicional estilo popular do San Froilán lucense, con música galega, verbenas, sesión vermú, postos coa típica gastronomía de Lugo e unha procesión multitudinaria. Para os que viviron o San Froilán nas dúas cidades, o ambiente que se respira en Barcelona fai que, no lugar de parecer unha cidade catalana, pareza a cidade da muralla.

Este ano o Alcalde de Lugo coñeceu á nova rexidora de Nou Barris, Carmen Andrés i Añón, á que agasallou cunha escultura de Sargadelos que representa a figura de María Castaña. Tamén aproveitou para deixar na cidade centos de programas cos festexos de San Froilán para este ano 2007 e material turístico de Lugo.


A cita en Cataluña xa é un clásico previo ó San Froilán. O mandatario lucense acode sempre nos últimos anos a esta presentación para promocionar as festas de Lugo e apoiar o labor realizado por un grupo de emigrantes lucenses agrupados neste barrio como Asociación de Amigos do San Froilán. Precisamente os empresarios galegos forman un dos grupos máis poderosos en Cataluña e nunca faltan a estes festexos.

Na presentación desta festa estiveron presentes, ademais do Alcalde de Lugo, a rexedora Carmen Andrés i Añón, o Presidente das Entidades Galegas, Luis Lamas e representantes da Asociación de Amigos do San Froilán. Máis de duacentas persoas estiveron acompañando a López Orozco na presentación das festas máis importantes de Lugo. Por suposto, tamén participaron os presidentes das distintas entidades empresariais e culturais galegas con presencia en Cataluña.

O San Froilán de Nou Barris terá lugar os días 5, 6 e 7 de Outubro. Estas festas do San Froilán barcelonesas son visitadas por máis de 40.000 persoas, segundo os datos que manexa a Garda Urbana. Polo tanto, están consideradas como as segundas festas máis importantes da capital, despois da tradicional Merced. Todos os anos acoden a elas personalidades da vida política, cultural e social catalana.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova