Imprimir

CONTINÚA O PROGRAMA DA SEMANA DA MOBILIDADE COA ACTIVIDADE EDÚCATE E PROTÉXETE


19/9/2007 Contará coa participación dos nenos da Ocioteca de Fontiñas

O programa elaborado polo Concello de Lugo para celebrar a Semana da Mobilidade continúa este xoves, día 20 de setembro, coa actividade Edúcate e Protéxete, na que participarán os nenos da Ocioteca de Fontiñas.

Edúcate e Protéxete está deseñada polo Gabinete de Tráfico para concienciar aos nenos dos perigos da circulación e para achegarlles certas medidas de precaución relacionadas coa seguridade vial, tanto para cando circulan como peóns, como para cando se desprazan en bicicleta ou monopatín.

O Concelleiro de Protección á Comunidade, José Rábade, acompañará aos vintecinco pequenos nos distintos actos programados dentro da actividade, que comezará as 17:00 horas na ocioteca coa chegada do edil e dun autobús adaptado que os conducirá ata as dependencias da Policía Local.

Os rapaces asistirán a unha charla sobre educación vial que lles impartirá un axente da Policía Local e visitarán a oficina do Gabinete de Tráfico, onde poderán comprobar cómo se regula o tráfico da cidade.

Unha das finalidades desta actividade e que os pequenos coñezan os comportamentos máis seguros que deben adoptar segundo usan os distintos medios de transporte. Por este motivo, a viaxe en autobús servirá para que aprendan a baixarse con precaución e que comprendan que poden quedar ocultos polo vehículo para os condutores. Tamén aprenderán a desplazarse como peóns responsables, polo que darán un paseo desde as oficinas da Policía Local ata a Casa Consistorial, acompañados por José Rábade, que lles guiará nunha visita pola Casa do Concello.