Imprimir

O TERCEIRO SAN FROILANCIÑO CONTARÁ CUNHA NOVA ZONA DE XOGOS


1/10/2007 A festa dos nenos ten cada vez máis forza nas festas patronais

A Concelleira de Cultura, Concepción Burgo, presentou hoxe o San Froilanciño, un programa dedicado íntegramente ós nenos, dentro do programa xeral das festas. “Cada vez ten máis forza a festa dos cativos dentro da festa xeral de San Froilán, ten a suficiente entidade para contar co seu propio programa” indicou Burgo.

Segundo a Concelleira, o San Froilanciño contou cunha partida de preto de 60.000 euros para a súa organización este ano. “Intentaremos que vaia aumentando aínda máis cada ano, para que os nenos lucenses se sintan como os protagonistas das festas”.

As actividades para os cativos terán dous escenarios: na carpa ubicada na praza Anxel Fernández Gómez e, como novidade deste ano, a gran zona de xogo situada no patio do edificio administrativo do Concello.

A programación inclúe todo tipo de actividades destinadas ó disfrute dos máis pequenos. Contará con teatro, maxia, pallasos e animación nas rúas.

Destaca o Festival Internacional de Monicreques no que participan as mellores compañías de Colombia, Venezuela, Rusia, Turquia, Francia, Suíza, Galicia, Andalucía e Madrid, con figuras que son verdadeiras pezas de coleccionista. Non faltarán os xogos populares máis tradicionais nos que pais e fillos o pasarán en grande.

A nova carpa

A gran zona de xogo infatil do San Froilanciño 2007 contará con diferentes áreas:

- Garabato de xogo: Máis de 30 xogos construídos con materiais reciclados. Os xogos fan pensar e son moi participativos.

- Labirinto: Un entramado de paredes e portas que presentará moitos desafíos ós participantes para poder abrilas.

- Talleres de iniciación ó circo e malabares: Do 5 ó 7 de outubro os rapaces e nenos maiores de 5 anos poderán achegarse a distintas disciplinas circenses: bolas, equilibrismos, pedaletas, monociclos, pratos chineses, diábolos, minibicis…

- Ciencia divertida: O 8 e 9 de outubro os rapaces de 4 a 13 anos poderán participar nos talleres científicos que desperterán a súa curiosidade polos experimentos que lles ensinarán os profesores chiflados.

- O Gato do retrato: Do 8 ó 12 de outubro, os rapaces disfrutarán con este parque lúdico e educativo que integra todo tipo de xogfos relacionados cos inicios do século XX.