Imprimir

A LECTURA DO PREGÓN E O CONCERTO DE JARABE DE PALO ABREN O PROGRAMA FESTIVO DO SAN FROILÁN 2007


3/10/2007 Preto de 150 actividades comprenden un programa deseñado para todos os gustos

Marta Rivera de la Cruz é a pregoeira deste 253 aniversario do San Froilán

O grupo de Pau Donés estrea un cartel de concertos que inclúe 22 actuacións


O programa festivo do San froilán 2007 arrinca este xoves, 4 de outubro, coa lectura do pregón e co concerto de Jarabe de Palo. Un total de 145 actividades comprenden un programa deseñado polo Concello de Lugo na procura de satisfacer os gustos de toda a poboación.

A lectura do pregón, que este ano corre a cargo da escritora e xornalista lucense Marta Rivera de la Cruz, será o primeiro acto oficial desta 253 edición das festas de San Froilán. abre o programa festivo do San Froilán 2007. Como marca a tradición, o balcón da Casa Consistorial acollerá a lectura do pregón ás 20:30 horas, onde toda a Corporación Municipal e as distintas autoridades locais e convidados acompañarán á pregoeira. Todos os anos, milleiros de lucenses e visitantes congréganse na Praza Maior para dar, ao grito de “Viva San Froilán!”, o pistoletazo de saída ás festas máis populares de Galicia. Ao remate do pregón, os Pelúdez protagonizarán a tradicional visita á Casa Consistorial onde serán recibidos polo Alcalde, para continuar co seu espectáculo polas rúas da cidade.

Os actos oficiais desta xornada continúan ás 21:15 horas coa apertura da Porta do Cárcere a cargo dun representante do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Minas. Unha sesión de fogos artificiais a cargo da empresa Pirotecnia Pablo estrea ás 21:30 horas a noite de festa. O espectáculo pirotécnico poderá contemplarse desde a Praza do Campo Castelo, o adarve da Muralla e o recinto feiral.

A partir das 22:00 horas, a Praza Nova de Ramón Ferreiro acollerá o concerto de Jarabe de Palo, que abre un programa de actuacións musicais que inclúe 22 concertos de grupos de primeiro nivel. O grupo que lidera Pau Donés achega a Lugo os temas do seu último traballo Adelantando publicado o pasado mes de abril.

Os amantes do baile, poderán gozar dunha velada de música coa verbena popular que amenizarán as orquestras París de Noia e Sintonía de Vigo a partir das 22:30 horas na Praza Maior.

A noite festiva continuará nas rúas do centro histórico e no recinto feiral coas barracas, as casetas do polbo e a animación das charangas Garrafón.com e Os amigos de Manolo, que percorrerán a cidade cos seus ritmos.