Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Ofrenda a San Froilán e o inicio do San Froilanciño protagonizan o día grande das festas patronais de Lugo


# Xoves, 04/10/2007
Unha trintena de actividades conmemoran o día de San Froilán

Os concertos estelares de Luis Eduardo Aute, Burning e Ilegales poñen a banda sonora á velada festiva

Comeza o Festival Internacional de Monicreques (Galicreques 2007)


Lugo celebra o 5 de outubro o día grande das festas de San Froilán 2007 conmemorando a onomástica do seu patrón. O acto principal do día é a tradicional Ofrenda a San Froilán que a Corporación Municipal lle realiza ao santo todos os anos en representación de todos os lucenses.

O programa inclúe unha trintena de actividades que comezan ás 11:00 horas coa apertura da Porta de San Pedro a cargo de Eduardo Núñez-Torrón, representante do Colexio Oficial de Xestores Administrativos.

Á mesma hora inaugúrase, na Carpa do Edificio Administrativo do Concello, o San Froilanciño 2007, un programa de actividades de ocio e de espectáculos deseñado especialmente para os cativos. Encadrado nesta programación infantil, arrinca o Festival Internacional de Monicreques (Galicreques 2007) coa representación da obra do Sastrecillo Valiente a cargo da compañía madrileña Hilando Títeres ás 12:00 horas na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez. Coas técnicas dos fíos, luvas e varillas contarán a historia dUn xastre mozo, cansado do seu oficio e da rutina diaria, ve como un feito fortuíto lle pode cambiar a vida. A partir dese momento e utilizando sempre a súa astucia e intelixencia, consigue que todos o consideren un ser de excepcional valentía.

A música tomará protagonismo a partir das 11:15 horas co pasarrúas de música tradicional galega que ofrecerá o grupo María Castaña desde a Porta de San Pedro, ao que se unirán as formacións de Cantar das Eiras, entro de Danza de Lugo, e Cantigas e Frores na súa animación polas rúas do centro histórico a partir das 12:00 horas.

A rúa da Raíña servirá de escenario para emisión en directo do programa radiofónico “San Froilán en la onda” de Ondacero a partir das 12:35 horas.

Os Pelúdez, que representarán o seu tradicional espectáculo pola Praza Maior ás 13:30 horas, poñerán fin aos actos matinais.

O progama de serán arrinca ás 17:00 horas co pasarrúas circense formado por pallasos, zancudos e malabaristas que amosarán as súas piruetas e números no tramo peonil da Ronda da Muralla. A mesma hora, ábrese a zona de xogos do San Froilanciño, que estará aberta ata as 20:00 horas na Carpa do Edificio Administrativo do Concello.

A animación na rúa estará amenizada a partir das 18:00 horas pola actuación que os grupos de música tradicional Cantar das Eiras, Centro de Danza de Lugo, María Castaña e Cantigas e Frores ofrecerán polas rúas do centro histórico.

A compañía turca The magic tree deleitará, a partir das 18:00 horas, aos pequenos coa representación da obra A árbore máxica. Para elo empregará a técnica de sombras tradicionais. Esta obra é unha peza moi dinámica baseada nas obras dos séculos XVIII e XIX. Nela atópanse os máis pequenos detalles propios das obras clásicas de Karagöz (o teatro de sombras tradicional). Ao remate deste espectáculo, os pallasos Lilla e Paspallás provocarán as risas dos máis pequenos a partir das 19:30 horas.

A rúa da Raíña acollerá a emisión en directo do programa radiofónico “Gente Viajera” a partir das 19:00 horas, que contara coa presencia do Alcalde de Lugo, José López Orozco, que falará das festas.

A música cobra protagonismo a partir das 20:00 horas co concerto de Luis Eduardo Aute. A Praza de Santa María acollerá a actuación do cantautor que achegará ao público o seu último traballo, A día de hoy. Neste álbum, este mestre do escepticismo presenta 14 novas cancións que son poesía sobre a vida cotiá, o mundo e o amor.

O rock fará vibrar o escenario da Praza Nova de Ramón Ferreiro, que acollerá a actuación dos míticos grupos españois Los Ilegales e Burning.
A partir das 22:15 horas a empresa Pirotecnia Astariz iluminará o ceo da cidade cun espectáculo de fogos artificiais que se poderán contemplar dende o adarve da Muralla, o recinto feiral e o Campo Castelo.

Os amantes do baile, poderán gozar dunha velada de música coa verbena popular que amenizarán as orquestras Foliada e Son Orquestra Televisión, a partir das 22:30 horas, na Praza Maior.

A noite festiva continuará nas rúas do centro histórico e no recinto feiral coas barracas, as casetas do polbo e a animación da charanga Terrachá e do grupo Os Festicultores..


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova