Cargando....
Concello de Lugo
18/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O irmanamento da Muralla de Lugo coa Gran Muralla China protagoniza o día de China en Lugo


# Sábado, 06/10/2007
Máis de trinta actividades programadas para festexar este sábado de San Froilán

Macaco e The Pinker Tones presentarán os seus últimos traballos
Unha serie de variadas actividades deportivas completan a axenda do día


O programa elaborado polo Concello de Lugo para conmemorar o Día de China en Lugo comprende máis de trinta actividades que arrincan cedo coa emisión en directo do programa de radio “No es un día cualquiera” de RNE a partir das 8:00 horas desde o círculo das Artes.

Ás 11:00 horas ábrese a zona de xogos do San Froilanciño situada na carpa do Edificio Administrativo do Concello.

O público que queira asistir á realización dun programa televisivo poderá achegarse entre as 11:30 e as 12:30 horas á carpa que Telelugo ten instalada ao carón da Casa Consistorial.

Os actos oficiais comezan ás 11:30 horas coa apertura da Porta da Estación a cargo de María Luisa Menéndez Miramontes representante do Colexio Oficial Enxeñería de Camiños, Canles e Portos. Dende esta porta sairá as 11:45 horas o pasarrúas do grupo de música tradicional Andaina.

Os actos principais do día de China en Lugo arrincan as 12:00 horas coa recepción da Corporación Municipal presidida polo Alcalde de Lugo ao embaixador de China en España. Despois da recepción, a comitiva de autoridades trasladarase ao tramo peonil da Ronda da Muralla onde ás 12:30 horas terá lugar o acto de irmanamento entre a Muralla de China e a de Lugo. Este acto está aberto ao público, en especial, está convidada toda a comunidade China que reside en Lugo e todas as familias que teñen fillos adoptados de orixe chinés.

Paralelamente, ás 12:00 horas comezan os espectáculos do Festival Internacional de Monicreques (Galicreques 2007) coa obra “La gata María” que representará o grupo andaluz Surterráneo Teatro na carpa de Praza Anxo Fernández Gómez. Empregando a técnica de marote e sombras contarán a historia da gata María que sempre anda asexando a tumba da filósofa María Zambrano. É unha gata vella e fungona que lle rouba o espírito á filósofa para traela ao escenario.

Os actos do serán comezan ás 17:00 horas coa recepción na Casa Consistorial aos grupos participantes no V Festival de Folclore Tradicional. As representacións dos grupos terán lugar a partir das 18:00 horas na Praza de Santa María.Tamén ás 17:00 horas reábrese a carpa de xogos do San Froilanciño,que permanecerá aberta ao público ata as 20:00 horas.

Os nenos gozarán a partir das 18:00 horas coa representación da obra “Cinco historias para unha man” representada pola compañía galega Spaguetti dentro do Festival Internacional de Monicreques. Esta actividade gratuita terá lugar na zona de espectáculos do San Froilanciño,na carpa da Praza Anxo Fernández Gómez. Ao remate desta representación, comezará ás 19:30 horas o espectáculo de maxia e globoflexia “Magia al aire de los globos”, que ofrecerá Jean Philippe.

A animación na rúa estará protagonizada polo repertorio que a Brassa Brand ofrecera no tramo peonil da Ronda da Muralla ás 20:00 horas.

A tradicional verbena, amenizada polas orquestras Tambo e Ceniza, comezará ás 21:30 horas na Praza Maior. Á mesma hora Os Pelúdez ofrecerán o seu espectáculo na Praza Maior.

A Praza Nova de Ramón Ferreiro acollerá a partir das 22:00 horas os concertos gratuítos de Macaco e The Pinker Tones. Macaco presentará o seu último traballo “Ingravittatio” no que se pode recoñecer a mestura de estilos e a fusión cultural das que este compositor impregnouse nas súas viaxes polo mundo.

Os barceloneses The Pinker Tones presentarán o seu último traballo More colours! que conta coas colaboracións de máis de trinta artistas com Kinki, Alex Acosta, Dyko ou Úrsula 1000, entre outros.

A música continuará ata ben entrada a noite coa actuación que os Festicultores ofrecerán ás 1:00 horas na Rúa Nova e coa animación na rúa protagonizada pola charanga Trompo das Nicras.

Programación deportiva
O deporte cobra protagonismo neste sábado 6 de outubro con 8 actividades deportivas.

O programa elaborado pola Concellería de Deportes comeza ás 11:00 horas coas seguintes actividades:

-X Torneo de Golf San Froilán, que se celebrará no Club de Golf.
-Campionato Galego de Maquetas Aéreas no Campo de Voó das Gándaras.
-I Torneo San Froilán de Tiro con Arco que terá lugar no Polideportivo do Instituto Politécnico.
-O Master Autonómico de Billar a Tres Bandas que acollerá o Círculo das Artes.

Continúan ás 12:00 horas co X Descenso-Ascenso Río Miño de Piragüismo Club Fluvial.

Pola tarde terá lugar ás 16:00 horas o VII Gran Premio Ciclista San Froilán que terá a saída na Avenida de Ramón Ferreiro.

As 17:00 horas comezará o IX Torneo San Froilán de Rugby no Estadio Gregorio Pérez Rivera.

Remata a xornada deportiva co encontro de Futbol Sala entre o Azkar Lugo e Autos Lobelle, que terá lugar ás 18:00 horas no Pavillón Municipal.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova