Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A música, os deportes e a cultura galega protagonizan os actos festivos do Domindo das Mozas


# Domingo, 07/10/2007
Unha mostra dos oficios tradicionais achegará o arte de mestres artesáns durante todo o día na Praza do Campo

Os grupos de Sondeseu e Mägo de Oz ofrecerán os seus particulares estilos de música folk

O programa de actividades conmemorativas do Domingo das Mozas arrinca ás 8:00 horas coa emisión en directo do programa “No es un día cualquiera” de RNE desde o Círculo das Artes.

Ás 10:00 horas comeza a Mostra dos Oficios Tradicionais que se prolongará durante todo o día nos soportais da Praza do Campo. O Concello de Lugo traslada a celebración desta actividade da Praza Maior á Praza do Campo aproveitando que xa remataron as obras de restauración da Fonte de San Vicente. Deste xeito, esta mostra recupera a súa ubicación tradicional. O seguinte grupo de mestres artesáns realizarán unha exhibición do seu arte e a súa destreza:

- Pilar Rodríguez, palilleira de Sarria
- Alberto Geada, zoqueiro de Alfoz
- Arturo Iglesias, torneiro de madeira de Grandas de Salime
- Fernando Mourón, oleiro de Buño
- Idoia Cuesta, cesteira e tecelá de alto lizo de Lugo
- Oliverio, ferreiro da Fonsagrada

Ás 11:00 horas apertura zona xogos do San Froilanciño na carpa instalada no patio do Edificio Administrativo do Concello. Esta área de xogos variados estará aberta ata as 14:00 horas pola mañá e reabrirá as súas portas pola tarde en horario de 17:00 a 20:00 horas. Os nenos poderán gozar nesta instalación de actividades como o Garabato de Xogo (no que poden descubrir máis de trinta xogos elaborados con materiais reciclados); o Laberinto ou obradoiros de malabares e de Ciencia Divertida.



Ós actos institucionais empezan ás 11:30 horas coa apertura da Porta do Bispo Aguirre a cargo do representante do Colexio Oficial de Procuradores.Ás 11:45 horas partirá desta porta o pasarrúas do grupo de música tradicional Volta do Agro.

A Casa Consistorial acollerá ás 12:00 horas a recepción oficial aos participantes na Mostra do Traxe Tradicional “Amigos do Traxe” de Santiago de Compostela e “María Castaña” de Lugo.

A continuación, terá lugar o paseo e exhibición desde o Concello ata o Parque de Rosalía de Castro onde se realizará a tradicional ofrenda á ilustre poetisa que este ano realizará María del Pilar Martínez Conde “Pilocha”.

Ás 12:00 horas, comeza na carpa da Praza de Anxo Fernández Gómez a xornada do Festival de Monicreques (Galicreques 2007) coa presentación por parte da compañía francesa La Compagnie du Petit Monde da obra “Pied nu”. Os actores empreñan a técnica de sombras, teatro e obxectos para representar a historia dun home moi desordenado que se desespera coa búsqueda dun calcetín.

Á mesma hora empezará a soar a animación na rúa co repertorio de pasarrúas de distintos grupos de música tradicional galega polo recinto histórico.

Os melómanos seguirán gozando da súa aficción co concerto que ofrecerá a Banda Municipal de Música a partir das 13:00 horas no Templete da Praza Maior.

A sesión de tarde arrinca ás 17:00 horas ao ritmo de pasarrúas de distintos grupos de música tradicional galega polo recinto histórico.

O Festival de Monicreques continúa pola tarde, ás 18:00 horas coa representación da obra “El gran deliro de Anacleto y Cascarrabias”, producida pola compañía arxentina Los Bufones. Os nenos quedarán abraiados con esta aventura de dous amigos separados por un pirata malvado e contada coa técnica das lubas. Ao remate desta obra, dará comezo ás 19:30 horas a actuación dos pallasos Don Gordito e Raúlez, que ofrecerán un espectáculo cómico-circense no que mesturan a música, a xestualidade e a técnica para crear un universo que atrapa a pequenos e maiores.

A Praza de Santa María acollerá os concertos de Iván e Josito e do grupo Color Café. A actuación prevista do conxunto Kentokaki foi suspendida debido a un problema de saúde dun dos membros deste grupo.

A familia máis popular do San Froilán, Os Pelúdez, pasearán a súas historias pola Rúa Nova a partir das 19:30 horas.

O ceo de Lugo iluminarase ás 20:45 horas co espectáculo de fogos artificiais que ofrecerá a empresa Pirotecnia Reiriz e poderase observar desde o adarve da Muralla, a Praza do Campo Castelo ou o inicio do recinto feiral.

A velada musical arrinca ás 21:00 horas coa actuacuón gratuíta de Sondeseu Orquestra Folc na Praza Nova de Ramón Ferreiro. Esta formación musical, fundada en 2001, está integrada por mestres e alumnos do Conservatorio de Música Tradicional da Escuela de Artes de Vigo. Un total de 35 músicos conforman a primeira orquestra folk de Galicia e de España e presentarán en Lugo o seu último traballo titulado “Trastempo”.

O Pazo Universitario vibrará ao ritmo poderoso da mestura de rock duro e folk elaborada polo grupo Mägo de Oz. O concerto comezará ás 21:30 horas, pero as portas do recinto xa estarán abertas desde unha hora antes. Asimesmo, os interesados en mercar as entradas para o concerto poden facelo a través da web de Caixanova ou ben na Oficina Municipal de Turismo ao prezo de seis euros.

A tradicional verbena popular comezará ás 21:30 horas na Praza Maior e estará amenizada polas orquestra Panorama e Suavecito. A charanga Madia Leva amenizará a noite lucense co seu repertorio.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova