Cargando....
Ayuntamiento de Lugo
25/04/24
NOTICIAS
Escucha esta página

A letra de Negra Sombra, núcleo da ofrenda a Rosalía de Castro no San Froilán


# Domingo, 07/10/2007
Pilar Martínez Conde "Pilocha" cantou algunhas das poesías máis coñecidas da escritora, entre elas a máis importante de Cantares Gallegos: Adiós ríos, adiós fontes

As letras máis coñecidas dos poemas de Rosalía na voz de Pilar Martínez Conde, “Pilocha”, foron o acto central da tradicional Ofrenda á escritora galega neste Domingo das Mozas do San Froilán 2007.

A Corporación, presidida polo Alcalde de Lugo, José López Orozco -e con moitos Concelleiros vestidos co traxe tradicional galego- dirixiuse dende o Concello cara o Parque Rosalía de Castro. Ían acompañados polos integrantes da agrupación compostelá Amigos do Traxe e da lucense María Castaña participantes na Mostra do Traxe Tradicional.

Xa no Parque, e diante o busto que representa á poetisa galega Rosalía de Castro, tivo lugar a ofrenda. A Concelleira de Muller, Servizos Sociais e Xuventude, Carmen Basadre, foi a encargada de presentar á cantante Pilocha, responsable este ano da ofrenda.

Basadre destacou a traxectoria da oferente no eido musical galego, “ninguén mellor que Pilocha, a gran cantora nosa, para realizar a tradicional ofrenda a Rosalía, a gran muller que foi unhas das grandes poetas do mundo do seu tempo, e que co seu xenio representou o máis grandioso comezo da literatura galega moderna”.

Pilar Martínez Conde non defraudou ó numeroso público que se concentrou no parque, e cantou, “é o que mellor sei facer”, as letras de Rosalía na súa ofrenda.

Aproveitou ademais para facer un chamamento á cidadanía e ás autoridades políticas e pedir “unha nova carga de valores e medidas que sirvan para avanzar na loita contra as violencias e no respecto ás minorías étnicas, sexuais”.

Foi un acto moi emotivo que rematou coa colocación dun centro de rosas brancas diante do busto da escritora e a interpretación do himno galego.

OFRENDA DE PILAR MARTÍNEZ CONDE “PILOCHA” A ROSALÍA DE CASTRO

Caravel de caraveles,
Veño de lonxe por verte...

O meu primeiro contacto contigo ven de lonxe , ven de lonxe na miña memoria e xunguido aos de Bécquer, Byron e demáis poetas románticos que estudaba no instituto por imposición académica. Mofabámonos tantas veces das tuas palabras, aos nosos ollos faltas de forza política, cando estabamos en pleno e ardoroso empeño adoescente por cambiar o mundo e comezabamos a descubrir en qué momento da historia nos atopábamos.
Non podiamos imaxinar qué esforzo fixeran daquela algúns dos nosos profesores por incluirte nas nosas clases. Non se atopaban, é verdade, entre os nosos textos académicos, máis que os teus versos máis íntimos que co tempo aprendín a valorar; todos aqueles que falaban da situación social que ti viviras e que tan ben soubeches denunciar e reflectir na tua obra non eran para nós tan accesibles xa que a censura daquela (pleno final do franquismo) funcionaba ainda con unha maquinaria perfecta.
Tivo que pasar algún tempo para que no meu labor como cantante, poidese dar coa tua verdadeira plenitude; plenitude como persoa, plenitude como muller comprometida, plenitude como escritora...
Moitos dos meus colegas, traballadores da canción no noso país, Galiza, que utilizan como base textos do teu (xa noso) patrimonio literario, acertaron a dar coas músicas axeitadas para ensalzar a tua obra. Pero hai un, que xa quixera eu poder dicirme colega seu, que foi quen de musicar (e de qué fermosísima maneira) un dos textos máis duros que unha persoa pode chegar a escreber e que denota un tormento interior sen límites. O músico, qué dúbida cabe, foi o mestre Montes e o texto o teu tantas veces cantado Negra Sombra, que fai parte xa do noso acervo cultural galego coma si do propio pobo tivese emanado e pertencente ao teu libro “Follas Novas”.

Negra Sombra

Cando penso que te fuches
Negra sombra que me asombras
ó pé dos meus cabezales
tornas facendome mofa.

Cando maxino que és ida
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila
i eres o vento que zoa.

Si cantan és ti que cantas;
si choran és ti que choras;
i es o marmurio do rio
i es a noite i es a aurora.

En todo está e ti és todo,
Para min i en min mesma moras,
Nin me abandonarás nunca,
Sombra que sempre me asombras.

Houbo moitos outros que en ti se inspiraron e nos inspiramos como fonte inagotável de letras, que con música de seu, se nos brindaron para encher discos, recitáis e xuntanzas da máis diversa índole.
Tamén hoxe con motivo desta xuntanza e diante de ti quixera lembrar a unha persoa que sempre che gardou un grandísimo afecto e admiración e que lamentablemente non pode acompañarnos porque xa non está con nós. Fáloche de Elena Tallo que tantas veces recitou os teus poemas na nosa cidade e que non deixou de reivindicar tantas cousas, como todos sabemos, ao seu xeito.
A min tamén me gustaría aproveitar a ocasión para pedir, ao meu xeito, a tódolos que ocupan cargos públicos, pero non só a eles, senón tamén a todos nós, cidadáns e cidadás, unha nova carga de valores, acordos e medidas que sirvan para avanzar máis na loita contra as violencias, no respeto ás minorías étnicas, sexuais..., no respeto ao medio ambiente e á ecoloxía, que inclúa parques que, como este, son o pulmón das cidades, rios e costas limpos; unha aposta pola cultura e a educación de verdade, por unha información fiable, non mediatizada por índices de audiencia, sometementos a consignas e burocracias nin intereses especulativos. En definitiva, pola liberdade, a solidariedade e a cultura.
Vaia un San Froilán máis como excusa para achegarnos a ti, primeira dama das nosas letras, tan inxustamente tratada ás veces por non ser entendida coa humanidade que deberamos amosarte, ti que fixeches polos teus conxéneres de testemuña viva para a posteridade, de cronista dos desmáns que sufriron os homes e mulleres da túa xeración e que eu quero hoxe agradecerte persoalmente. Como ti mesma traduciches de Ventura Ruiz de Aguilera vaian estos versos nesta miña ofrenda:

Neste ramo de froles
que che presento,
verás, lus dos meus ollos
un pensamento.
E é ¡miña xoia!
que, anque ti olvidar sabes, de ti se acordan.


Adiós ríos, adiós fontes;
adiós regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
Terra donde me eu criei,
Hortiña que quero tanto
Figueiriñas que prantéi...



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre ventana nueva Instituto de Crédito Oficial,Abre ventana nueva