Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Arredor de 900.000 persoas visitaron Lugo nas festas de San Froilán 2007


# Sábado, 13/10/2007
O Domingo das Mozas estiveron en Lugo 250.000 persoas chegadas de toda España

17.000 persoas pasaron polas Oficinas de Atención turística do Concello

O San Froilanciño recibiu nas festas a máis de 15.000 cativos


A páxina web específica de San Froilán, recibiu 56.346 visitas en só 18 días

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, fixeron balance das Festas de San Froilán 2007. Cualificáronas de “extraordinarias” pola gran afluencia de xente á cidade.

En só 9 días de festa pasaron pola capital lucense arredor de 900.000 persoas o que supón que se multiplique por dez o número de habitantes de Lugo, e que se garanta, polo tanto, a inversión na cidade.

López Orozco dixo estar satisfeito, “pero debemos continuar traballando para que estas festas sexan capaces de atraer cada vez máis turistas á cidade”. O Alcalde suliñou que o éxito do San Froilán débese sobre todo “ó pobo de Lugo e ó gran esforzo que fan os organizadores implicados nestas festas”.

Concepción Burgo destacou o traballo en equipo que permite que as festas saian ben. “Detrás do San Froilán está a labor calada dun numeroso grupo de profesionais”.

San Froilán 2008
A Concelleira adiantou ademais que xa están traballando na organización das festas do 2008. “Haberá novidades, queremos levar o teatro cómico á rúa e achegar diferentes estilos musicais á xente. O vindeiro ano temos pensado ademais traer grandes orquestras sinfónicas que permitan que o San Froilán xunte diferentes estilos musicais”.

O San Froilán 2007 en cifras
En nove días de festa pasaron por Lugo unhas 900.000 persoas.

Os días de maior afluencia foron, o Domingo das Mozas con 250.000 visitantes e o Día do Pilar con 220.000 persoas

Os concertos congregaron nas prazas de Lugo a 90.000 persoas, sendo os máis numerosos os de Los Tigres del Norte, con 12.000 espectadores, El Sueño de Morfeo con 10.000, David Bisbal con 6.000 e Mago de Oz con 5.000 persoas.

O San Froilanciño recibiu a máis de 15.000 cativos nas dúas carpas instaladas no centro de Lugo.

As Oficinas Municipais de Turismo (a da Praza da Constitución e a do fondo da Praza Maior) atenderon a 16.180 persoas. No ano 2006 atenderon a 10.576 visitantes.

O lugar de procedencia da maioría dos visitantes neste San Froilán 2007 foi: Galicia -3.185 persoas-, Castela e León -256 visitantes-, Madrid -236- e Asturias -152-.

Pero o San Froilán cada vez chama máis a atención fóra das nosas fronteiras. Este ano pasaron por Lugo en festas, 81 americanos, 79 alemáns, 68 portugueses e arxentinos e 67 franceses.

A ocupación hoteleira estivo ó 100% nos días festivos, e en picos do 60-70% o resto da semana, o que supón que en pleno mes de outubro e en días laborables, se acadan cifras moi similiares á temporada alta das vacacións.

As visitas ós museos tamén tiveron un notable incremento nestas datas. Dende o día 1 de Outubro:

- Casa dos Mosaicos: 982 visitantes
- Porta Miñá: 105 visitantes
- Centro arqueolóxico de San Roque: 213 visitantes

Editáronse 45.000 programas de festas.

A web de San Froilán, posta en marcha específicamente para as festas, duplicou as visitas con respecto ó ano 2006. Dende o 24 de setembro (día no que se activou): a web recibiu 56.346 visitas -no mesmo período do ano 2006, recibiu 24.721 visitas-. Os días de máis visitas foron:

- O xoves 4 de outubro: 5.383 visitas
- O venres 5 de outubro: 5.104 visitas

A maioría dos visitantes accederon á parte do programa -43.140 visitas- e de concertos -30.644 visitas-.

En canto á procedencia dos internautas dentro de www.lugo.es, destaca a presenza de ingleses (94), norteamericanos (92) e arxentinos (82)

As visitas de españois á web de San Froilán está encabezada polos coruñeses con 12.411 visitas, seguidos do madrileños con 10.199 .

Esto indica que a web municipal xa se está consolidando como unha canle de comunicación coa cidadanía.

As descargas do programa en bluetooth tamén foron moi positivas: 6.708 descargas desde o día 5 que se activou nos 5 dispositivos instalados entre a Praza Maior e a Capela de Santa María.

Este ano o San Froilán saiu en medios de comunicación nacionais e internacionais. Tivemos en Lugo programas nacionais e rexionais en directo dende as nosas rúas como RNE, Onda Cero, Radiovoz, Radio Galega que permitiron que o San Froilán chegase a todos os puntos do país.

Fixéronse campañas de publicidade nacionais e houbo un gran interese de revistas estranxeiras por recibir información das festas e dos monumentos da cidade.

Houbo unha gran cobertura de Localia Telelugo, El Progreso, La Voz de Galicia, e presenza en medios nacionais como Telecinco, La Sexta ou El País.

O irmanamento coa Gran Muralla China espertou tamén a curiosidade dos xornalistas chinos e a presenza do San Froilán en webs de todo o mundo.

En canto á recollida de lixo, destaca o bo traballo e rapidez do servizo de limpeza en Lugo. Nas festas recolleron arredor de 1.500 toneladas de lixo da cidade e permitiron que a cidade espertase sempre limpa.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova