Cargando....
Concello de Lugo
04/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello inviste máis de douscentos mil euros en obras de mellora e conservación do cemiterio municipal


# Martes, 20/11/2007
Continúan os traballos de revisión das concesións do cemiterio e de dixitalización dos documentos

A Concellería de Servizos Xerais organiza dúas charlas sobre a relación do ser humano coa morte

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou as novas iniciativas que está a desenvolver o Concello de Lugo no cemiterio municipal. Entre elas, a concelleira destacou a organización de dúas charlas abertas a todo o público nas que acreditados profesionais do sector sanitario afondarán en cuestións relacionadas co ser humano e a aceptación da propia morte e da dos seres queridos.

A edil explicou que “vivimos nunha sociedade que ignora a morte e fomenta a cultura da inmortalidade deixando as persoas soas ante a morte” e engadiu que “hai que aprender a aceptar a morte como un feito natural que forma parte do ciclo da vida”.

A primeira destas charlas, titulada “Coidados paliativos:necesidade para o home mortal”, terá lugar no Centro Social Uxío Novoneyra, o mércores 21 de novembro ás 19:30 horas, e será impartida por Jesús Giménez García, médico especialista en coidados paliativos. Este doutor realizará un percorrido sobre a relación do home coa morte ao longo da historia, prestando especial atención aos aspectos máis controvertidos dos coidados paliativos nos enfermos.

A psicóloga-terapeuta Esther Viña Gundín será a encargada de impartir a conferencia titulada “Manexar construtivamente a morte” que se celebrará o día 28 de novembro ás 19:30 horas no Centro Social Uxío Novoneyra. O obxectivo desta charla é aportar unha reflexión sobre a mortalidade do ser humano e aportar estratexias que permitan perderlle o medo á morte, sen que este feito supoña un obstáculo para gozar da vida.

Obras de mantemento e mellora do cemiterio

No que vai de ano, o Concello investiu 203.223 euros en distintas obras de mellora e conservación do cemiterio municipal. Entre as obras acometidas figuran a renovación das cubertas de nichos correspondentes á segunda e terceira fase; a renovación do sistema de canalización de augas pluviais nas seccións 4 e 5; diversos arranxos no muro de entrada; reforma do pavimento nas seccións 4, 5 e 30 e reformas da instalación eléctrica -entre elas a ampliación da potencia na sala de autopsias-.

A intervención que destacou a concelleira foi a instlación de pequenos monolitos de pedra e metacrilato que recollen poemas relacionados coa vida, a morte, a dor, o consolo e outros temas metafísicos que se están a instalar en distintas partes do cemiterio co fin de humanizar este espazo e aportar respostas ante a dor pola desaparición dos seres queridos.

Revisión das concesións

Desde que o ano pasado o pleno municipal aprobara unha modificación de varios puntos da ordenanza municipal do cemeterio para axilizar a renovación das concesións de sepulturas, os técnicos municipais están a desenvolver os traballos de revisión, actualización e dixitalización dos expedientes. O Concello ten máis de 10.000 concesións no cemiterio divididas en 47 seccións das que se levan revisadas 1.954 que corresponden a nove seccións. Os traballadores do Concello iniciaron os traballos polas concesións moi antigas e o problema máis frecuente ao que se enfrontan e a dificultade de contactar coas persoas que figuran na concesión o que ralentiza a súa labor.

Estas concesións son periódicas e antes de que se modificara a normativa en 1994, que establece as concesións por un tempo de 25 anos, concedíanse por espazo de 99 ou de 15 anos. A maior parte destas últimas están caducadas e nestes casos o Concello ponse en contacto coas familias para que procedan á renovación da concesión por outros 25 anos despois de pagar o canon correspondente.

Os prezos das distintas unidades de enterramento establecense segundo o tipo e a capacidade, deste xeito o prezo dos nichos é de 1.554 euros, os columbarios custan 333 euros, as sepulturas castelas 3.911 euros, as sepulturas para tres corpos 5.688 euros e as sepulturas para seis corpos 8.248 euros.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova