Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

María Dolores Pradera actuará no VII Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade


# Martes, 20/11/2007
O concerto terá lugar o 30 de novembro no Auditorio Gustavo Freire

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, anunciou que con motivo do VII Aniversario da declaración da Muralla de Lugo pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade actuará na cidade a cantante María Dolores Pradera. O concerto terá lugar no Auditorio Gustavo Freire o venres 30 de novembro ás 21:00 horas.

A Concelleira expresou a súa ledicia por “contar nesta data tan especial para a cidade cunha estrela deste calibre”. Esta gran dama da música e do teatro español conta con máis de 40 discos e aproximadamente 500 cancións. A súa suave voz e capacidade de cambio permiten atopar na súa discografía diversos rexistros: baladas, boleros, coplas, rancheras, fados, etc.

María Dolores Pradera e tamén unha gran dama do teatro. Protagonizou diferentes obras como: La Inés de D. Juan Tenorio, Soledad de Unamuno, El Rey se muere, El jardín de los cerezos o Cyrano de Bergerac. As súas grandes dotes dramáticas sobre o escenario fixérona merecedora do Premio Nacional de Teatro, da medalla de Bellas Artes, o premio Lara, a Medalla de Oro de Madrid ó Mérito Artístico, Medalla ó Mérito Cultural e Artístico da Universidad Complutense…

As entradas estarán á venda a partir do día 23 de novembro na páxina web: www.caixanova.es ou na taquilla telefónica 902 504 500. A Concelleira indicou que o prezo das entradas é popular, 8, 6 ou 4 euros según a zona.

Promoción da Muralla
A Concelleira recordou que a Muralla é o emblema da cidade, a imaxen que se proxecta de Lugo no exterior. E por iso, dende a súa Concellería “trátase de promocionar todo o posible o noso ben patrimonial máis preciado”, sobretodo estando presente en feiras nacionais e internacionais. No que vai de ano 2007 Turismo de Lugo acudiu a sete feiras, entre as que destacan FITUR en Madrid, FEIRA BIT en Milán ou World Travel Market en Londres. Na vindeira semana a Muralla de Lugo estará tamén presente na feira Intur de Valladolid, será do 22 ó 25 de novembro.

O Concello de Lugo realiza continuamente un gran esforzo inversor para a promoción e a posta en valor da Muralla, do mantemento do seu entorno ou labores de vixiancia e protección policial. Ó longo dos últimos oito anos, o Concello leva investidos 7.530.138 euros.

Entre as iniciativas do Goberno Local para promover o monumento bimilenario, destaca o Centro de Interpretación da Muralla. Este museo especializado servirá para difundir dous mil anos de historia da Muralla ós lucenses e visitantes.

As visitas teatralizadas, os materiais de información turística, a celebración do Arde Lucus, as festas de San Froilán, o recente irmanamento coa Muralla China... son algunhas das accións e acontecementos que contribúen ó coñecemento do monumento máis representativo da cidade de Lugo.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova