Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Traballo investirá na cidade de Lugo máis de 21 millóns antes de que finalice a lexislatura


# Mércores, 21/11/2007
Ricardo Varela proponse que Lugo remate o ano 2009 con 2.800 afiliados máis, e que conte con outras 1.800 mulleres incorporadas ao mercado laboral

O obxectivo é lograr que o paro rexistrado na capital lucense fique en 4.100 desempregados, 834 persoas menos

Lugo, 21 de outubro de 2007.- O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, anunciou hoxe un investimento de 21,35 millóns de euros na cidade de Lugo antes de que remate a lexislatura. Matizou que, desta contía, 10,19 millóns están xa presupostados para 2008 e 11,16 corresponderán ao exercicio 2009.

Con ocasión dunha visita institucional ao Concello de Lugo, o titular de Traballo informou de que nos dous vindeiros anos serán destinados 13,8 millóns a políticas de emprego (6,5 en 2008 e 7,3 en 2009). Esta programación incluirá programas mixtos de formación-emprego; incentivos á contratación de mozos e mozas; e actuacións para fomentar a integración laboral de persoas con discapacidade, o autoemprego e o emprendemento, entre outras. Varela adiantou que máis de 1.550 persoas beneficiaranse destas accións.

Por outra banda, indicou que 7 millóns de euros serán dedicados a formación e orientación de traballadores e traballadoras. Concretamente, 3,2 millóns serán investidos en 2008 e 3,8 en 2009. O obxectivo desta partida é formar a máis de 4.800 persoas, das que máis de 3.000 serán mulleres.

Asemade, engadiu que 1 millón de euros será destinado a políticas de prevención de riscos laborais. En definitiva, destacou, “trátase dun incremento medio en 2008 dun 14,3% respecto a 2007 e dun investimento que supera os 10 millóns para o vindeiro ano”.

Obxectivos de cara a 2009

O máximo responsable en materia laboral da Xunta explicou que a programación destes orzamentos para a cidade de Lugo responde á necesidade de incrementar a afiliación á Seguridade social en máis de 2.800 persoas. A finalidade é chegar aos 55.200 afiliados. En segundo lugar, subliñou que Traballo pretende incorporar a outras 1.800 mulleres lucenses ao mercado laboral. Acadar esta cifra suporía elevar o índice de incorporación de mulleres ao 65% de todo o crecemento, cando na actualidade supoñen o 43%.

Ricardo Varela puntualizou que o incremento da afiliación na cidade de Lugo deberá ser acompañado por un descenso do paro rexistrado, ata que quede situado en 4.100 parados. Isto supón acadar unha diminución duns 800 rexistrados menos, dos que máis de 500 deberán ser mulleres.

Asemade, salientou que o Goberno galego quere reducir entre un 25% e un 33% o número de persoas con contrato temporal no sector privado, así como incrementar o número de afiliados ao réxime de autónomos para que superen os 8.800 (na actualidade hai en Lugo 6.571).

Distribución estimada dos orzamentos por áreas na cidade de Lugo


Análise da evolución dos dous últimos anos
Nos dous últimos anos creáronse en Lugo 4.815 postos de traballo, o que supón un incremento dun 10,7%. Cómpre destacar ademais que o 65,25% destes novos postos foron ocupados por mulleres. A afiliación feminina, por outra banda, incrementouse en 3.141 mulleres.

No devandito período o paro rexistrado baixou un 8,7%, xa que hai 418 demandantes menos. Tamén neste indicador foi salientable o comportamento laboral feminino: as mulleres supuxeron o 74,4% do total da redución, con 311 demandantes menos.

Así mesmo, este ano hai 780 traballadores máis cunha relación laboral estable, xa que os contratos indefinidos acumulados no que vai de ano incrementáronse un 48,5%. Neste apartado cómpre sinalar que a contratación indefinida de mulleres medrou 17,8 puntos máis cá dos homes, ata acadar o 55,4%. Da mesma maneira, a estabilidade dos mozos e mozas menores de 30 anos tivo un mellor comportamento ca do resto das idades, ao medrar 3,3 puntos máis, ata chegar ao 46,35%.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova