Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello fará realidade en dez anos as propostas da Axenda 21


# Martes, 27/03/2007
Despois da aprobación do documento en Pleno, comezarán a desenvolverse as 269 medidas do Plan de Acción

O Concello realizará dentro dos dez próximos anos as 269 propostas condensadas dentro do Plan de Acción da Axenda 21. Así o explicou hoxe o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, quen explicou a importancia deste documento, que condiciona a actuación municipal dos próximos anos.

A creación dun metro lixeiro na Avenida da Coruña, a peonalización do centro histórico, un tren turístico que una a cidade co Miño, os bancos de tempo ou un plan de aforro municipal son algunhas desa serie de propostas que se cumplirán a curto, medio e longo prazo.

O Instituto Lucus Augusti acolleu onte o último foro de participación para a elaboración deste Plan de Acción no que participaron un total de 150 persoas pertencentes a 98 entidades e a título particular.

As propostas presentadas, todas elas de ámbito municipal, estiveron divididas en cinco grandes áreas. 65 delas corresponden a desenvolvemento económico, 55 a ordenación do territorio, 92 a medio ambiente, 11 a servizos sociais e 46 a participación cidadá.

Durante este tempo de xestión, no que nun primeiro momento fíxose unha diagnose da situación do municipio, revisáronse, clasificáronse e agrupáronse todas as propostas en 18 liñas de traballo ou programas, para os que se formularon os seus correspondentes obxectivos.

Finalizado xa onte o traballo de aportacións e debate cidadá, dase por concluído o Plan de Acción da Axenda 21 e dentro do mes de abril será aprobado primeiro por unha comisión política e posteriormente será levado a Pleno, tamén para a súa aprobación.

O Concelleiro explicou que unha vez aprobado comezará a súa aplicación. Todas as concellerías e ámbitos de goberno estarán condicionados e vinculados a este plan, así como o resto da planificación e desenvolvemento urbanístico que se realice denda agora.

De feito, periodicamente unha comisión vixiará o grado de cumprimento deste plan de acción. Para a súa xestión e aplicación o Concello ten prevista a creación dunha oficina que funcionará como a do Plan Estratéxico, de forma independente.

O Concelleiro aproveitou tamén a ocasión para agradecer o traballo realizado polo enxeñeiro de Medio Ambiente do Concello ao longo de todo o proceso. Así mesmo, agradeceu “o apoio, obrigación e alento” prestado polo Alcalde en todo momento para poder ter este documento nun curto espacio de tempo.

Todos os proxectos do Plan de Acción da Axenda 21, cos seus tempos de aplicación, poden consultarse na web municipal, www.lugo.es, onde tamén se explican as peculiaridades deste proceso, que significa o eixo principal de participación cidadá.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova