Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Os nenos lucenses dispoñen desde o pasado luns de 5 modernos parques infantís


# Martes, 17/04/2007
As novas instalacións están situados en Illa Verde, Acea de Olga, Sagrado Corazón, Casas Sindicais e Praza de Augas Férreas

As obras suman un orzamento de 187.037 euros

Os nenos lucenses contan con 5 novos parques de xogos infantís distribuídos en distintos barrios da cidade, 1 de nova creación e 4 remodelados. O pasado luns abríronse ao público as áreas de xogos de Illa Verde, Sagrado Corazón, Casas Sindicais, Acea de Olga e Praza de Augas Férreas, cunha gran afluenza de pequenos que deron boa conta das instalacións.

Durante os últimos catro anos o Concello incrementou considerablemente a creación de zonas de xogos públicas e gratuítas para os nenos, polo que está a desenvolver en todo o municipio obras de rehabilitación e construción de espazos axeitados ás necesidades dos máis pequenos. O Concello de Lugo investiu 604.951 euros, máis de cen millóns das antigas pesetas, en 12 novos parques infantís creados desde o ano 2003 na cidade, ós que hai que sumar este novo orzamento dos 5 parques.

Abertos ó xogo

As últimas obras executadas en 5 parques infantís contaron cun orzamento de 187.037 euros. Os cartos foron repartidos para as obras de recuperación en catro parques, que se elevaron a 123.226 euros, e para a construción dunha nova zona de xogos na Praza de Augas Férreas, que contou con 63.811 euros.

Nos parques de xogos infantís de Illa Verde, Sagrado Corazón, Casas Sindicais e Acea de Olga, o Concello realizou diferentes obras de rehabilitación e acondicionamento das antigas instalacións, ademais de instalar un novo pavimento de seguridade e modernos xogos. Todos eles contan con: bambáns, resortes, tobogáns e vaivéns axeitados ás necesidades de ocio infantil e para fomentar a psicomotrocidade e sociabilización dos nenos de 3 a 12 anos de idade.

Praza de Augas Férreas

Este parque de xogos infantís de nova construción foi aberto ao público o pasado luns e está situado na Praza de Augas Férreas para dar servizo ao gran número de familias que viven nesta zona da capital e cubrir a demanda existente.

As obras consistiron no acondicionamento do espazo para a posterior instalación do pavimento especial de seguridade -que amortigua os golpes e non causa feridas- e dos distintos aparellos de xogos, como vaivéns, tobogáns, bambáns, ou resortes. Como é habitual a zona conta cun vaiado de seguridade.

En vindeiras datas abrirase outra área de xogos infantís na Praza da Fonte dos Ranchos, que vai situada xunto a pista de monopatín.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova