Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

As principais institucións da Eurorrexión apostan pola I+D para o próximo período de Fondos Comunitarios


# Martes, 12/06/2007
Gabinete de Comunicación do Eixo Atlántico

Hoxe reuníronse na sede do Eixo Atlántico en Vigo as principais institucións Eurorrexionais para analizar a posibilidade de creación dunha rede Galicia-Norte de Portugal para a competitividade e a I+D, así como definir as estratexias de crecemento e innovación para o novo período de programación dos Fondos Comunitarios 2007-2013.

Na reunión presentouse a iniciativa “Rexións polo cambio económico” promovida pola Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, que foi presentada en Bruxelas o pasado mes de marzo. Esta iniciativa xurdiu da convicción de que as estratexias de crecemento e innovación eficaces deben complementarse con estratexias locais e rexionais que fagan partícipes a todos os protagonistas do desenvolvemento socioeconómico.


Dende a Comisión Europea concederase financiamento prioritario á creación de redes rexionais e locais para a I+D e a competitividade que aporten unha vantaxe competitiva. Ainda que as redes deben ter un caracter rexional, as particularidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal suxiren o aproveitamento do caracter transfronteirizo como a súa principal vantaxe competitiva para a creación dunha rede que identifique os ámbitos prioritarios de interese común para o sector público e privado. Bruxelas aposta polas estratexias de I+D como elemento principal das próximas candidaturas ao Programa de Cooperación Interrexional INTERREG IVC, que conta cun orzamento de 321 millóns de euros.


Este marco coincide plenamente coa estratexia do Eixo Atlántico tendente a promover a modernización da Administración local a través da implementación de novas tecnoloxías para a sociedade da información, no marco da promoción da gobernanza.

Na reunión estiveron presentes o Director Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, D. Aureliano García Gonzáles-Llanos, o Vicepresidente da CCDR-N, Dr. Paulo Gomes, o Secretario Xeral do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, D. Xoan V. Mao, o Profesor Luis Domínguez, titular da Cátedra Jean Monet da Universidade de Vigo e Director do Servizo de Estudios do Eixo Atlántico, e o Director da OPIDI, Xabier Alcalá. Asimesmo tamén asistiron representantes da Confederación de Empresarios de Galicia e da Asociación de Empresarios de Portugal.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova