Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello realiza un estudo das glicineas que adornan a pérgola do Parque de Rosalía


# Xoves, 19/07/2007
Un especialista diagnóstica a boa saúde destas dúas árbores octoxenarias

O Concello de Lugo continúa cos traballos de restauración da pérgola do Parque de Rosalía de Castro e esta mañá levou a cabo unha nova etapa do proxecto de recuperación deste emblemático espazo arquitectónico da cidade.

Desde as 10:00 horas da mañá, os especialistas contratados polo Concello estiveron traballando no diagnose do estado de saúde das glicinias octoxenarias que adornan a pérgola. O Enxeñeiro de Montes e Arborista, Javier Fernández, realizou un estudo fitopatolóxico desenvolto en dúas fases. Para elo levou a cabo unha inspección visual do estado xeral da árbore e, a continuación, unha tomografía tridimensional para avaliar a conservación interna do tronco.

Para este procedemento empregou un tomógrafo sónico que é o instrumento máis punteiro do sector. Esta é unha ferramenta non invasora que traballa con doce sensores e un programa informático específico que xera imaxes tridimensionais a partir dos ultrasóns para detectar oquedades no tronco ou madeira en mal estado.

O especialista destacou o extraordinario estado de conservación das glicineas, que xa teñen preto de 85 anos de idade e son os exemplares máis antigos e máis desenvoltos de Galicia e posiblemente de España, tal e como indicou Javier Fernández.

A partir dos resultados deste escáner e do diagnose mecánica realizarase unha proposta de actuación para limpar as partes máis deterioradas.

As obras de rehabilitación da pérgola iniciáronse o pasado mes de xuño e contan cun prazo de execución de cinco meses. Durante esta semana estase a levar a cabo a limpeza da estrutura de formigón a través dun sistema de limpeza con microesferas de pó de silicato, aplicado cun mecanismo de rotación que non dana os materiais.

A pérgola do Parque de Rosalía é unha construción pioneira en Galicia, pois o seu arquitecto, Ramiro Sáiz, introduciu por vez primeira o emprego do formigón armado como material construtivo, que tivo que importarse de Inglaterra, e supuxo a entrada en Galicia dos novos materiais desenvolvidos na Revolución Industrial. Ademais, realizou un deseño inspirado na tradición arquitéctonica andaluza con ornamentación en lousetas de cerámica, que foron adquiridos no seu momento nunha fábrica de Andalucía.

Esta construción, que foi executada na década dos anos vinte, está sendo rehabilitada respetando ao máximo o seu aspecto orixinal.

Fonte de San Vicente
Doutra banda, a empresa Resconsa iniciou esta mañá a instalación do valado de protección da Fonte de San Vicente para poder comezar as obras de rehabilitación deste monumento proximamente.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova