Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concelleiro de Medioambiente reitera que a titularidade da Muralla corresponde á Consellería de Cultura


# Venres, 03/08/2007
As distintas concellerías afectadas están a avaliar se o borrador de convenio é beneficioso para a cidade

O Concello xa supera as inversións plantexadas pola Consellería e inviste en tres anos 620.883 euros fronte aos 500.000 euros propostos pola Consellería

O Concelleiro de Medioambiente, Lino González Dopeso, clarificou esta mañá a situación do estudo que está a realizar o Concello de Lugo do borrador de convenio para a conservación da Muralla enviado pola Consellería de Cultura o pasado mes de abril, logo de sete anos da declaración de Patrimonio da Humanidade.

O edil reiterou que a titularidade do monumento máis importante da provincia de Lugo corresponde exclusivamente á Consellería de Cultura.

Lino González Dopeso aproveitou para explicar que o borrador de convenio está a ser estudado pormenarizadamente por cada unha das concellerías implicadas na conservación da Muralla -Cultura, Medioambiente, Infraestruturas, Protección á Comunidade, Urbanismo, e Economía- co fin de garantir en todo momento a defensa dos intereses dos lucenses.

O concelleiro explicou que “sería unha irresponsabilidade e unha desidia por parte do goberno lucense asinar un convenio sen analizar se é óptimo e beneficioso para os intereses da cidade”.

Ademais, detallou que esta proposta establece dúas partidas de 500.000 euros para investir ao longo de tres anos, unha da Consellería de Cultura e outra do Ministerio de Cultura. Cada unha destas institucións, se o convenio fose asinado, destinarían 200.000 euros para investir o primeiro ano e 150.000 euros para a segunda e a terceira anualidade respectivamente. O edil negou que o Concello de Lugo xa dispoña de dita cantidade.

Lino González Dopeso indicou que fronte a estas cantidades o Concello de Lugo está a investir na actualidade 206.921 euros ao ano, que suman 620.883 euros en tres anos e superan a cantidade proposta pola Consellería de Cultura.

O edil manifestou o seu desconcerto ante o feito de que a institución que ten a titularidade do monumento teña previsto investir menos que o Concello de Lugo. Lino González Dopeso engadiu que “hai que estudar unha negociación para que tanto a Concellería como o Ministerio destinen máis orzamento para a conservación da Muralla, ou polo menos que o igualen ao destinado polo Concello de Lugo”.

O edil explicou que “sen estar establecido en ningún convenio”, o Concello de Lugo afronta anualmente gastos nos seguintes campos de actuación:

- Mantemento do alumeado ornamental exterior: 43.228 euros
- Consumo do alumeado ornamental exterior: 13.821 euros
- Servizos de limpeza: 109.958 euros
- Mantemento de zonas verdes: 29.874 euros
- Vixianza policial: 10.079 euros


Premio Cidade Patrimonio da Humanidade

Ao longo dos últimos oito anos, o Concello de Lugo leva investidos 7.530.138 euros nas actuacións que lle corresponden e que teñen que ver con: tarefas de promoción e posta en valor da Muralla, mantemento do seu entorno ou labores de vixiancia e protección policial, e conservación dos espazos colindantes co monumento, e que lle valeron o recoñecemento do segundo premio Cidade Patrimonio da Humanidade.

O concelleiro insistiu en que a limpeza da Muralla é responsabilidade exclusiva da Consellería de Cultura por ser a titular do monumento e “a falta dun convenio non a exime das súas responsabilidades con respecto ao monumento máis importante de Lugo”


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova