Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Declaradas aptas para o consumo humano 20 fontes públicas municipais


# Xoves, 09/08/2007


O Concelleiro de Medioambiente, Lino González Dopeso, presentou un informe cos resultados das últimas análises practicadas nas 52 fontes públicas municipais. Segundo indican os parámetros resultantes, un total de 20 fontes son declaradas aptas para o consumo, aínda que o Concello non ofrece garantías sanitarias sobre o consumo de auga das mesmas.

As outras 32 fontes que existen foron declaradas non aptas para o consumo xa que tenden á non potabilidade.

O edil lembrou a todos os cidadáns que: “a pesar de que estas análises realízanse cunha periodicidade de dous a tres meses, a potabilidade da auga das fontes non está garantida as 24 horas do día”.

Datos Parque de Rosalía

O edil aproveitou a ocasión para presentar unha serie de datos sobre os investimentos e proxectos realizados polo equipo de goberno municipal no Parque de Rosalía.

Lino González Dopeso destacou a importancia do Plan Director do Parque de Rosalía xa que “por vez primeira nestes 87 anos de historia, vaise realizar un estudo profundo das necesidades do parque, que vai determinar as actuacións a medio e a longo prazo para a súa conservación e mantemento, e que vai servir para o seu arranxo total”.

Este plan, que conta cun orzamento de 60.577 euros, está a ser redactado pola Universidade de Santiago de Compostela para a posterior sinatura do convenio entre as dúas institucións. Para a súa redacción e a futura execución, conta cun equipo de profesionais de primeiro nivel que avalan coa súa traxectoria profesional como é o caso do arquitecto César Portela, o botánico e profesor Antonio Rigueiro e o historiador Adolfo Abel Vilela.

O plan director, ademais de sentar as bases para a conservación e mantemento do parque a nivel medioambiental, tamén fixará as liñas de actuación no ámbito arquitectónico. “Esta iniciativa é o proxecto máis ambicioso que se pode desenvolver porque atende a todas as necesidades do parque dun xeito global”, tal e como engadiu o concelleiro.

Un dos puntos fortes do proxecto será determinar o futuro da cafetería, xa que será revisado o seu deseño e a incorporación dos aseos públicos nas súas instalacións para retirar do palco da música os que existen na actualidade. Asimesmo, o edil indicou que “o plan tamén determinará qué se fará co galpón e coa paxareira, xa que son elementos alleos á construción orixinaria do parque”.

O concelleiro lamentou que o “Parque de Rosalía sexa un espazo verde que sofre todas as fins de semana agresións a causa do botellón pero, hai que destacar o esforzo que realizan os operarios de limpeza e mantemento por recuperar a dignidade do parque”.

Respecto ás tarefas de limpeza e mantemento do parque o Concello dispón do seguinte persoal:
- tres traballadores, dous a xornada completa e un a media, para as tarefas de mantemento.
- Da limpeza viaria ocúpanse a diario dous peóns cun motocarro.
- Do soplado de folla encárganse dous peóns e un condutor para o motocarro. O pasado mes de xullo, levouse a cabo os días 2, 7, 8, 16, 17, 19, 23, 24, 26, 29, 31 e no que vai de agosto, os días 1, 2 e 6.
- Para limpeza dos bancos, que en xullo se realizou os días 6, 9,10, 13, 14, 20, 26, 27 e 31, o Concello conta cun peón e unha hidrolimpadora.

Doutra banda, o Concello realiza unha limpeza periódica dos bustos e de pintadas en lugares como o templete da música, o mapa de España, a fonte das escaleiras da rúa Vila de Foz.

O edil realizou un balance das actuacións levadas a cabo polo equipo de goberno municipal no Parque de Rosalía e no seu contorno neste último mandato:

•En maio de 2007 foron postas en funcionamento na rúa Vila de Foz 34 luminarias de última xeración de 3.998w de potencia e por valor de 35.188 euros.
•Levouse a cabo a recuperación da Fonte dos Leóns, proxecto para o que se investiron 220.000 euros.
•Reurbanizouse a Avenida Rodríguez Mourelo, obras que contaron con 247.925 euros de orzamento.
•Acondicionouse unha pista de patinaxe na rúa Vila de Foz para o que se destinaron 228.770 euros.
•Renováronse os bordillos e o céspede de todos os xardins do parque cun custe de 24.000 euros.

Na actualidade, estanse a realizar as obras de recuperación da pérgola do parque, que foron iniciadas o pasado mes de xuño e se completan cun estudio científico do estado vital das glicíneas. Este proxecto conta cun orzamento de 90.000 euros e un prazo de execución de cinco meses.

Respecto á catalpa que se atopa apoiada nun poste de suxección, o edil explicou que esta árbore creceu torcida debido a un fresno que lle resta luz, polo que, por motivos da supervivencia do exemplar, tomouse a decisión de apoiala no poste xa fai lustros.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova