Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo pon en marcha medidas para evitar que a seca afecte ó caudal do Miño


# Xoves, 08/11/2007
O Concello facilitará o subministro de auga nos núcleos rurais que vexan diminuir o seu abastecemento

A CHN activou o plan Especial de Actuación en situacións de Alerta e Eventual Seca e solicitou a colaboración do Concello

Na cidade de Lugo neste momento non hai risco de desabastecemento


O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso e o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, presentaron as medidas que o Concello adoptará ante a escasez de chuvias rexistrada nos últimos meses en Galicia.

Dende a Confederación Hidrográfica do Norte solicitaron ós responsables municipais dos Concellos polos que pasa a conca do Miño, a adopción dunha serie de medidas preventivas para evitar o desabastecemento. Destacan que a situación actual non o pon en risco o abastecemento na cidade de Lugo, pero que si afecta ós parámetros ambientais da conca.

A falta de precipitacións, inusual nestas datas, provocou que os caudais circulantes polos ríos sexan moi inferiores ós normais nesta época do ano. As medidas propostas non Plan de Seca presentado pola Confederación, e que o Concello xa está a poñer en marcha a través do seu Plan de Emerxencias Municipal, redundarán nunha maior seguridade do sistema de abastacemento para a cidade e permitirán manter as condicións mínimas do ecosistema fluvial.

O conxunto de medidas que o Concelleiro sinalou que se porán en marcha, e para as que o Concello solicita a colaboración dos veciños, son de fácil aplicación e consisten:

1) Na paralización do rego de xardíns, xa posto en marcha.

2) Limitación do baldeo nas rúas a 3 días á semana, antes era diario.

3) Dependendo da evolución do tempo, analizarase a medida de reducción da presión nocturna en redes urbanas.

González Dopeso dixo que a situación é de prealerta, polo tanto non é grave, pero que é importante que a cidadanía colabore para evitar problemas puntuais de abastecemento.

Actuacións especiais na zona rural
O responsable municipal de Medio Ambiente explicou que para os núcleos rurais que vexan diminuir o seu fluxo de auga o Concello porá en marcha un Plan especial de abastecemento a través dos servizos de Policía e Protección Civil. No caso de que algún veciño o precise, deberá poñerse en contacto con estos servizos municipais que lle subministrarán auga mediante o uso de cisternas.

Reiterou a necesidade de que a poboación colabore, “xa o fai, pero necesitamos que faga un esforzo un pouco maior”, tomando unha serie de medidas de control do consumo de auga :

- Pechar a billa do baño ó lavar ós dentes ou as mans.
- Evitar que as billas goteen.
- Ducharse en vez de bañarse.
- Non empregar o inodoro como cubo para o lixo.
- Non lavar o coche se non é imprescindible.
- Non regar en exceso.

Tamén pediu a colaboración das empresas para que incrementen os coidados no uso da auga e reparen as perdas na rede de abastecemento privada.

Estas medidas adoptadas dende o Concello permitirán un aforro do 10% do volume de auga que consumimos, que é o que marca a normativa para situacións de prealerta como esta.

Etapa inusual
O edil de Medio Ambiente tamén sinalou que a falta de precipitacións neste momento correspóndese cunha etapa de seca Cantábrica que desembocará nunha temporada de chuvias abundantes. Para previr o risco de inundacións, sinalou, “xa estamos tomando medidas dende o Concello”.

Lino González Dopeso explicou que o caudal do río ó seu paso por Lugo neste momento “está ben, pero ó longo da conca pódese ver afectado o caudal ecolóxico do Miño o que pode prexudicar ás especies vexetais e animais. Non hai risco de desabastecemento para a poboación de Lugo, pero si de que neste momento estemos consumindo parte do caudal ecolóxico do río”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova