Imprimir

LUGO CONTARÁ CUNHA PLANTA PIONEIRA EN GALICIA DE RECICLAXE E RESIDUOS DA CONSTRUCIÓN


7/11/2006 O Alcalde e o Presidente da APEC asinaron hoxe o convenio de colaboración

Lugo terá unha planta innovadora e pioneira en Galicia para a reciclaxe e tratamento de residuos de derrubamentos e da construción e máis un vertedoiro para este tipo de materiais non perigosos. O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Asociación de Empresarios da Construción (APEC), Hipólito Trinidad Losada, asinaron esta mañá un convenio de colaboración con este fin. A nova planta permitirá a recuperación do 90% dos materiais a través de tecnoloxía punteira. No transcurso do acto, os técnicos presentaron as características desta infraestrutura, que terá unha capacidade de tratamento de 235.000 metros cúbicos ó ano, suporá un investimento de 3.884.307 euros e creará 15 postos de traballo. Está situada no termo municipal de Lugo, na parroquia de Santa María de Bóveda, nos terreos alterados pola antigua canteira de Prebetong S.L. A actuación tamén inclúe a recuperación medioambiental da canteira e diversas actuacións medioambientais. A construción desta planta fronte a outras alternativas de xestión está firmemente sustentada na lexislación vixente e materia de residuos, xa que prioriza a reutilización e a reciclaxe fronte ó depósito en vertedoiros. O Alcalde destacou "o paso adiante que da hoxe Lugo" grazas á colaboración e esforzo de todas as partes implicadas. López Orozco animou á APEC a continuar traballando a prol do municipio e da provincia, "onde está a desenvolver un papel económico moi importante". Subraiou que a colaboración entre Concello e construtores ten "cauces de comunicación claros e transparentes. Que non se meta no mesmo saco a institución e os construtores co que está a psar noutros lados". Pola súa banda, Hipólito Trinidad agradeceu ó Alcalde o seu apoio porque "este convenio é un luxo para Lugo". O presidente da APEC afirmou que "a lei di que só nós somos responsables deste servizo, pero el quixo axudar". Trinidad explicou que "con este proxecto aforramos un mínimo do 30%, aínda que eu creo que será do 50%, do que estamos pagando neste momento para almacenar residuos".