Cargando....
Concello de Lugo
17/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello estuda construír colectores soterrados nas novas urbanizacións


# Martes, 15/03/2005
Busca novos modelos de recollida de lixo

O Concello de Lugo está estudando a posibilidade de habilitar lugares específicos nas novas urbanizacións para ubicar os colectores soterrados. A intención do equipo de goberno é construír este tipo de colectores para dar servizo ás novas urbanizacións, evitando que ocupen espazo innecesario nas vías públicas e provoquen olores. Este foi un dos anuncios dados a coñecer polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, na presentación da Xornada técnica sobre a A xestión dos residuos urbanos, organizada polo Concello de Lugo. "Tamén estamos pensando en novos sistemas de recollida máis modernos, áxiles, menos ruidosos e máis limpos", dixo o mandatario municipal e puxo como exemplo empregar camións de carga lateral para baleirar os colectores. José López Orozco adiantou unha "boa nova para a cidade", xa que Ecovidro, entidade sen ánimo de lucro, subministrará próximamente 64 novos colectores, 32 deles nos próximos días. O Alcalde recordou que, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello ten un convenio para construír un punto limpo na cidade así como para instalar colectores soterrados no casco histórico. "Trátase, en definitiva, de mellorar a calidade de vida dos lucenses", afirmou. O edil fixo un chamamento ós cidadáns para que colaboren na limpeza da súa cidade. Cada día recóllense unha media de 100 toneladas de residuos sólidos urbanos, unha cifra que pode acadar os 140 nas festas do San Froilán. "Eu teño constancia de que existe unha grande preocupación dos cidadáns. Cada vez demandan máis colectores", afirmou. Por iso, incidiu en que "Lugo ten que ser unha cidade avanzada no que se refire ó coidado do medio e a reciclaxe de residuos sólidos urbanos". Por iso, o alcalde reiterou que "desde o Concello se apostou pola planta de compostaxe. Estamos á espera do informe do Consello Consultivo de Galicia. Non é un informe vinculante, sen embargo nós seguiremos o que nos indique". Con respecto á compostaxe, o Alcalde congratulouse de que o Conselleiro de Medio Ambiente anunciase no mes de novembro do ano pasado, nunha intervención no Parlamento galego, que a Xunta ía tratar o 15% dos residuos sólidos en plantas de compost". Xornada completa A xornada, que se desenvolve durante todo o día na Facultade de Humanidades, está dirixida a responsables políticos e funcionarios da administración local; técnicos e profesionais relacionados con esta materia; profesores de Educación Primaria e Secundaria; alumnos; e representantes de asociacións así como veciños interesados. Os expertos analizarán durante todo o día temas como a xestión dos residuos urbanos no Concello de Lugo, a recollida selectiva, o reciclaxe de envases e a concienciación cidadá. A xornada rematará cunha mesa redonda na que se tratará a participación cidadá na xestión dos residuos urbanos.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova