Imprimir

O CONCELLO INFORMA ÓS VECIÑOS, HOSTALEIROS E COMERCIANTES SOBRE A RECOLLIDA SELECTIVA DE RESIDUOS


20/4/2004 O 22 de abril inicia unha serie de coloquios abertos a tódolos cidadáns, enmarcados nunha campaña de comunicación

A Concellería de Medio Ambiente aborda o seguinte paso da súa campaña informativa sobre a recollida selectiva de residuos sólidos urbanos que iniciou a finais do ano pasado. O seguinte paso da campaña, que empezou coa realización de enquisas e recollida de información entre hosteleiros e comerciantes da zona centro, será informar á cidadanía, ós hostaleiros e ós comerciantes sobre a recollida, buscando a máxima participación posible. A partir do vindeiro xoves, 22 de abril, e ata o 28 deste mes os técnicos informarán a través de 5 coloquios dirixidos ós veciños dos distintos centros sociais e tamén convocará dúas charlas específicas para hostaleiros e comerciantes. A través destes actos, o Concello pretende reforzar a información que teñen os veciños sobre o sistema de recollida de lixo establecido no Concello de Lugo, as pautas de selección e depósito requeridas ós cidadáns e a xestión realizada cos residuos recollidos selectivamente. A Concellería de Medio Ambiente lembra que a recollida selectiva do lixo é unha oportunidade de colaborar na reciclaxe de moitos dos materiais habituais na bolsa do lixo, ademais de contribuír á protección do medio ambiente, un ben común de tódolos cidadáns. Por iso, a Concellería convida ós veciños, comerciantes e hosteleiros a participar, solucionar calquera dúbida ó respecto e solicita a súa colaboración na convocatoria dos coloquios para acadar a máxima participación posible. O seguinte paso da campaña informativa será a organización dun Curso de introducción á xestión de residuos dirixido ós empresarios do Polígono Industrial do Ceao.