Cargando....
Concello de Lugo
17/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e R ofrecen ata o domingo xogos gratuítos de novas tecnoloxías dirixidos a todos os públicos


# Xoves, 22/09/2005


O Concello de Lugo e o operador galego de comunicacións por fibra óptica R iniciaron hoxe as súas actividades didácticas, xogos e entretemento nunha orixinal cúpula inchable situada na Praza de Santa María. O obxectivo é achegar a Sociedade da Información a persoas de todas as idades. Desde este xoves e ata o domingo, os lucenses poderán coñecer a cúpula, que permanecerá aberta ó público de 11,00 a 14,00 h e de 17,30 h a 22,00 h. Catro monitores encargaranse de coordinar a entrada do público e de orientar ós visitantes no desfrute de calquera das actividades lúdicas da cúpula para que todos poidan aproveitar con comodidade as posibilidades que estes recintos ofrecen. Tras a súa estadía en Lugo, a cúpula viaxará ás localidades de Santiago de Compostela, Ourense, Betanzos e Arteixo. Pese á espectacularidade das cúpulas inchables, estas instalacións móntanse en só 20 minutos. Trátase dunha grande estrutura inchable -de 175 metros cadrados de superficie, 15 metros de diámetro e 9 de altura-, deseñada en exclusiva por Quim Guixá, enxeñeiro recoñecido mundialmente polo seu traballo en eventos do nivel dos Xogos Olímpicos do 92, a Expo de Sevilla ou a Exposición Universal do Xapón, entre outros moitos escenarios. Xogos para todos No interior das cúpulas o visitante pode percorrer varios módulos e descubrir, divertíndose, novas dimensións das tecnoloxías da información e a comunicación. Os máis pequenos teñen a súa propia zona, onde poderán montar un crebacabezas xigante e debuxar ás súas anchas. Noutro módulo da cúpula instaláronse dous bólidos clásicos deseñados con total fidelidade ós orixinais dos anos 60: a través dunha consola, os pilotos compiten nunha carreira que se proxecta nunha pantalla lateral da cúpula, co que o público tamén pode gozar do espectáculo. Outro dos grandes atractivos da cúpula inchable son os chamados "eye - toy", nos que o participante é protagonista do seu propio xogo virtual: unha cámara proxecta nunha pantalla a súa imaxe lanzándolle 'chutes' ó Pato Donald, limpando os cristais dun rañaceos ou competindo en deportes urbanos, por mencionar só algunhas das actividades dispoñibles. Ademais, as cúpulas albergan un "vídeomatón" -para que o visitante sexa o actor principal da súa propia minipelícula durante 30 segundos-, un panel para acoplar o noso rostro a corpos fotografados ou unha zona de ordenadores con aplicacións interactivas para saber como funcionan e aprender a identificar doadamente os distintos compoñentes dun equipo informático, entre outras cousas.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova