Cargando....
Concello de Lugo
17/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e R colaboran para promover as novas tecnoloxías a través dunha cúpula con xogos gratuitos


# Mércores, 21/09/2005
O operador galego instalou en Lugo unha cúpula xigante que alberga xogos e actividades lúdicas para promover a Sociedade da Información

O operador galego de comunicacións por fibra óptica, escolleu ó Concello de Lugo para continuar coa súa acción de cúpulas inchables que albergan actividades didácticas, xogos e entretemento co obxectivo de lles achegar a Sociedade da Información a persoas de todas as idades. Esta mañá a concelleira de Participación Cidadá de Lugo, Luisa Zarzuela, e Malú Bergantiños, responsable de Comunicación Externa de R, presentáronlles a acción das cúpulas ós medios de comunicación na Casa do Concello da cidade. Trátase dun fito en Galicia, pois é a primeira vez que unha marca utiliza este soporte para familiarizar ó público coas novas tecnoloxías. Dez localidades galegas Nunha primeira fase, dez localidades galegas, escollidas en función das súas características e dispoñibilidade, acollen as cúpulas móbiles ata o próximo mes de novembro. Miles de persoas de todas as idades xa gozaron este verán en Ames, Narón, Vilagarcía e Culleredo dos atractivos e xogos da cúpulas que, tras a paréntese de agosto, retomou a súa andaina a semana pasada en Marín e que agora recala en Lugo, onde a cúpula permanecerá aberta ó público na Praza de Santa María ata o domingo 25 de setembro, de 11,00 a 14,00 h e de 17,30 h a 22,00 h. Catro monitores encargaranse de coordinar a entrada do público e de orientar ós visitantes no desfrute de calquera das actividades lúdicas da cúpula para que todos poidan aproveitar con comodidade as posibilidades que estes recintos ofrecen. Tras a súa estadía en Lugo, a cúpula viaxará ás localidades de Santiago de Compostela, Ourense, Betanzos e Arteixo. Pese á espectacularidade das cúpulas inchables, estas instalacións móntanse en só 20 minutos. Trátase dunha grande estrutura inchable -de 175 metros cadrados de superficie, 15 metros de diámetro e 9 de altura-, deseñada en exclusiva para R por Quim Guixá, enxeñeiro recoñecido mundialmente polo seu traballo en eventos do nivel dos Xogos Olímpicos do 92, a Expo de Sevilla ou a Exposición Universal do Xapón, entre outros moitos escenarios. Un percorrido lúdico No interior das cúpulas o visitante pode percorrer varios módulos e descubrir, divertíndose, novas dimensións das tecnoloxías da información e a comunicación. Os máis pequenos teñen a súa propia zona, onde poderán montar un crebacabezas xigante e debuxar ás súas anchas. Noutro módulo da cúpula instaláronse dous bólidos clásicos deseñados con total fidelidade ós orixinais dos anos 60: a través dunha consola, os pilotos compiten nunha carreira que se proxecta nunha pantalla lateral da cúpula, co que o público tamén pode gozar do espectáculo. Outro dos grandes atractivos da cúpula inchable son os chamados "eye - toy", nos que o participante é protagonista do seu propio xogo virtual: unha cámara proxecta nunha pantalla a súa imaxe lanzándolle 'chutes' ó Pato Donald, limpando os cristais dun rañaceos ou competindo en deportes urbanos, por mencionar só algunhas das actividades dispoñibles. Ademais, as cúpulas albergan un "vídeomatón" -para que o visitante sexa o actor principal da súa propia minipelícula durante 30 segundos-, un panel para acoplar o noso rostro a corpos fotografados ou unha zona de ordenadores con aplicacións interactivas para saber como funcionan e aprender a identificar doadamente os distintos compoñentes dun equipo informático, entre outras cousas.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova