Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo serve de referente para a busca de apoios á candidatura da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade


# Xoves, 15/11/2007
O Alcalde de Lugo ofreceu a colaboración da cidade e propuxo a creación dun circuíto galego de bens patrimonio da Humanidade, encabezado pola Muralla, para atraer o turismo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu ao Presidente do Instituto de Estudos Torre de Hércules, Segundo Pardo-Ciórraga, e ao Vicesecretario desta fundación, Arsenio Iglesias, que se achegaron ata a cidade amurallada para iniciar unha ronda de contactos con distintas administracións galegas para recabar apoio para a candidatura da Torre de Hércules ante a Unesco para que o faro sexa declarado Patrimonio da Humanidade.

A reunión tivo lugar este xoves, día 15 de novembro, ás 10:30 horas no despacho da Alcaldía e prolongouse preto dunha hora, durante a que o mandatario municipal e os membros da fundación puxeron en común iniciativas para promocionar a candidatura e acadar a implicación das administracións, institucións, empresas privadas e da cidadanía, aproveitando a experiencia de Lugo despois de conseguir a declaración da Muralla Ben Patrimonio da Humanidade xa vai case sete anos.

O Alcalde ofreceu o seu total apoio aos traballos que leva realizando esta fundación desde o ano 2001 para conseguir que a Unesco conceda a declaración de Patrimonio da Humanidade ao Faro de Hércules. José López Orozco afirmou que “como Alcalde de Lugo acabo de ofrecer a este instituto toda a colaboración desta cidade, en primeiro lugar porque o merece a Torre de Hércules e a cidade de A Coruña e, en segundo lugar, porque sería moi beneficioso para toda Galicia.”

Ademais, o mandatario municipal destacou a importancia que tería esta declaración para atraer o turismo a Galicia e destacou que “sería marabilloso para Lugo, A Coruña e toda Galicia que se crease un circuíto de cidades galegas con bens patrimonio da Humanidade que se vendese en todos os touroperadores do mundo e que estivese encabezado pola Muralla de Lugo”.

Segundo Pardo-Ciórraga amosou o seu total acordo coa proposta do Alcalde desta creación un circuíto turístico que promocionaría a Muralla Romana xunto a Catedral de Santiago e a Torre de Hércules -se finalmente é declarada Patrimonio da Humanidade- para dar a coñecer o patrimonio galego por todo o mundo.

O Presidente do Instituto de Estudos Torre de Hércules agradeceu o apoio do Alcalde de Lugo e comentou que se escolleu a cidade de Lugo para comezar con esta ronda de reunións para recabar apoios para esta candidatura porque “para nós Lugo é un vieiro, é o sendeiro a seguir para acadar a declaración da Torre de Hércules xa que Lugo representa mellor que ningunha outra cidade en Galicia o pasado romano”, tal e como dixo Pardo-Ciórraga.

Unha das iniciativas máis ambiciosas que está desenvolvendo esta fundación para promocionar a candidatura é o irmanamento do Parque da Torre de Hércules co Parque da Estatua da Liberdade de Nova York no que levan meses traballando conxuntamente co goberno estadounidense. Tanto o Alcalde como Segundo Pardo-Ciórraga coincidiron en salientar que este feito tería unha repercusión mediática mundial que daría a coñecer Galicia.

Desde que o pasado 11 de outubro o Consello de Patrimonio Histórico, reunido en Cartagena, acordou que a Torre de Hércules sexa unha das candidaturas a presentar por España no ano 2008 ante a UNESCO, co fin de que o emblemático faro romano e o seu parque sexan declarados Patrimonio da Humanidade, o Instituto de Estudos Torre de Hércules intensificou a súa actividade na procura de apoios.

A presentación formal e definitiva da candidatura efectuarase antes do 1 de febreiro de 2008. Entre esta data e o 1 de marzo o Centro de Patrimonio Mundial seleccionará, de entre todas as candidaturas recibidas, as 45 que serán evaluadas polo Comité de Patrimonio Mundial na sesión do ano 2009. No caso de que a Torre de Hércules resultase seleccionada, o ICOMOS efectuaría unha misión de evaluación sobre o terreo no outono de 2008.

Unha vez superada a inspección técnica o faro coruñés deberá esperar ata que a mediados do ano o Comité de Patrimonio Mundial se pronuncie sobre a inclusión da Torre de Hércules na Lista de Bens Patrimonio da Humanidade na sesión que acollerá a cidade de Sevilla.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova