Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde recibe ao novo Conselleiro Maior do Consello de Contas na súa primeira visita a Lugo


# Mércores, 14/11/2007
A recepción tivo lugar este mércores ás 13:00 horas na Casa Consistorial

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu, xunto aos voceiros dos tres grupos políticos municipais, ao novo Conselleiro Maior do Consello de Contas, Antonio López Díaz. O acto tivo lugar ás 13:00 horas desta mañá no despacho de Alcaldía. Esta recepción estivo encadrada na primeira visita institucional que realiza á cidade de Lugo o novo Conselleiro Maior do Consello de Contas. O Alcalde destacou a cordialidade coa que transcurriu a visita e e agradeceulle a Antonio López a súa presenza na cidade. O mandatario municipal destacou a importancia dos servizos realizados polo Consello de Contas e transmitiulle a total colaboración do Concello “que ve no Consello de Contas un gran aliado para o desenvolvemento da función pública e mellorar a xestión dos fondos públicos”. Nesta visita de presentación, Antonio López Díaz asinou no Libro de Ouro da cidade e recibiu de mans do Alcalde un exemplar do Libro da Muralla, como agasallo institucional. O Conselleiro Maior do Consello de Contas asinou no Libro de Ouro da Cidade o seguinte texto: “Con motivo da miña primeira visita institucional ao Concello de Lugo, capital da provincia que me veu nacer, en testemuña da miña gratitude e co desexo de que a colaboración e a lealdade institucional sirvan para mellorar a xestión dos fondos públicos”. O Consello de Contas de Galicia iniciou as súas actividades como ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego o primeiro de marzo de 1991. Esta institución foi creada ao amparo do Estatuto de Galicia aprobado en 1981 e emana do Parlamento de Galicia. O Consello de Contas exerce as súas funcións con plena independencia e sometemento ao ordeamento xurídico. Para o exercicio das súas funcións poden actuar ben de oficio ben a petición do Parlamento de Galicia, ou por delegación do Tribunal de Cuentas ou do Tribunal de Cuentas Europeo, cos que ademais pode colaborar en tarefas fiscalizadoras. A función fiscalizadora do Consello de Contas comprende a actividade económico e financeira e contable do sector público de Galicia, as subvencións, créditos, axudas, avais, e exencións fiscais concedidas por aquel, así como os contratos celebrados polos entes públicos sinalados. Todo elo seguindo criterios de legalidade, eficacia, eficiencia e economía. Ten ademais encomendado a emisión dos ditames e consultas que en materia de contabilidade pública e de xestión económica e financeira lle soliciten as institucións e os entes públicos. Os traballos de fiscalización do Consello de Contas conclúense na emisión de informes que se presentan ó Parlamento de Galicia. Os informes de fiscalización realízanse ou ben a iniciativa do propio Consello de Contas, que os inclúe no plan de traballo que anualmente se remite ó Parlamento de Galicia, ou ben a iniciativa deste último.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova