Cargando....
Concello de Lugo
21/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O equipo de goberno presenta uns orzamentos deseñados para garantir o benestar familiar dos lucenses


# Venres, 16/11/2007
O obxectivo desta proposta presentada ós grupos da oposición é mellorar a calidade de vida dos lucenses

Os barrios teñen un protagonismo absoluto na idea do futuro de Lugo de López Orozco Supón un incremento do 9,75% con respecto ós orzamentos do ano 2007 e a media por habitante supera os 1.000 euros por persoa O Alcalde de Lugo, José López Orozco e a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, presentaron o proxecto de orzamentos do equipo de goberno á oposición. Definen a proposta como equilibrada en ingresos e gastos, superando os 100 millóns de euros. Para o 2008 o equipo de López Orozco quere contar cuns orzamentos de 100.887.848,77 euros, e así o recolle o borrador que presentaron, o que supón un incremento do 9,75% con respecto ós do ano anterior que eran de 91.924.875,78 euros. Comparativa orzamentos 2007 e 2008 A isto hai que engadirlle o orzamento destinado á Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA) que é de 1.281.115,53 euros, o que supón que o presuposto consolidado ascenda ós 101.954.964,30 euros. Con esta proposta realista e realizada co apoio dun equipo de técnicos municipais que analizaron detidamente as posibilidades económicas do Concello, o goberno quere beneficiar ás familias e mellorar a calidade de vida e o poder adquisitivo dos lucenses, garantindo a execución de obras importantes para a cidade sen subir os impostos. Como xa adiantou hai uns días a edila de Economía, para o 2008 o IBI e o Imposto de Circulación non subirán nin un céntimo. Estes impostos contan con máis de 150.000 recibos, converténdose na taxa que máis lucenses están obrigados a pagar. Trátase dunha proposta na que a media por habitante queda en 1.068 euros o que supón unha das medias máis altas de Galicia e unha garantía de futuro para a cidade e de estabilidade para a xestión do goberno local. As contas presentadas polos responsables locais recollen as propostas plantexadas pola cidadanía a través do Plan Estratéxico, polo tanto é un proxecto de orzamentos feito tendo en conta as iniciativas de todos os veciños. Tamén recolle as liñas básicas da Axenda 21 Local e inclúe proxectos para poñer en marcha neste novo mandato. Para Sonia Méndez este “é un orzamento equilibrado en ingresos e gastos”, indicador, xunto coa conxelación de impostos, da boa saúde económica que vive o Concello de Lugo. En comparación interanual o orzamento aumenta en 8.962.172 euros, debido sobre todo ós ingresos procedentes do mutuo acordo coa Consellería de Vivenda para a expropiación das Gándaras e ó aumento notable do conxunto dos ingresos. En canto ós gastos, na proposta presentada, aumenta o gasto corrente e o do plan de investimentos. Os ingresos correntes (76.769.094) ademais, financian todos os gastos correntes, a débeda e parte do plan de investimentos. Outro dato moi positivo é que coa proposta do goberno local baixa a débeda a longo prazo en 468.000 euros. Política para as persoas Destaca o capítulo II de gastos, dedicado á Política para as persoas, prioridade para o Alcalde lucense “as persoas son o máis importante da cidade de Lugo”. Neste apartado prodúcese un incremento de case 5 millóns de euros con respecto ó ano 2007. “A familia, a mellora da calidade de vida da xente de Lugo, ese é o obxectivo que nos marcamos para este novo exercicio económico. Non subimos os impostos e seguiremos facendo obras que axuden a modernizar a cidade, neste momento podemos facelo”. O incremento máis elevado nos gastos prodúcese no eido dos servizos sociais, cun aumento do 56,07% convertendo ó Concello de Lugo nun dos que máis se implica na Lei de Dependencia. Entre as propostas do Alcalde para garantir a mellora na calidade de vida dos veciños destaca a da construción dun novo Centro Cívico en Montirón-Sanfiz para o que este borrador de orzamentos destina 120.000 euros co fin de elaborar o proxecto. Tamén aparece recollido o edificio do Centro socio-cultural de Fontiñas cunha aportación prevista de 165.617,15 euros. Os orzamentos presentados recollen tamén a ampliación do edificio da Casa da Muller situado no parque da Milagrosa. Para levar a cabo esta obra destínase unha partida proposta de 300.000 euros. Cultura A Cultura tamén é outra das prioridades do equipo de goberno de López Orozco, neste eido o incremento é do 46%. Neste apartado, unha das propostas presentadas polo goberno é o da construción da biblioteca da Piringalla que ten un investimento previsto de 1.319.384 euros. Gasto en persoas e en obras para a cidade O presuposto recolle ademais cartos para a consecución dun dos proxectos máis desexados polo Alcalde lucense, a Casa das línguas da Piringalla. Para a súa posta en marcha o goberno quere dedicar 499.545,69 euros na primeira anualidade. O futuro nos barrios López Orozco sempre estivo considerado como o gran impulsor dos barrios da cidade. Hoxe o norte e o sur de Lugo están igualados en servizos e en calidade de vida, grazas ó esforzo inversor deste equipo de goberno. Agora é necesario implicarse nos novos barrios e garantir que todos teñan os mesmos dereitos e as mesmas atencións. Neste momento o goberno pode decir satisfactoriamente que coa proposta presentada todas as zonas da cidade terán biblioteca, Centro Cívico e gardería, dotacións básicas e fundamentais para López Orozco. A proposta para o ano 2008 inclúe obras importantes na zona norte e na zona sur, así como no centro. Inclúese unha proposta de investimento para a rexeneración de pavimentos no centro histórico -nas rúas Teniente Coronel Teixeiro e Armanyá- e tamén nas rúas San Froilán, Raíña e Nova, cun importe que supera os 300.000 euros. Tamén se pretende a renovación de pavimentos e servizos nas rúas Yáñez Rebolo, Flor de Malva e Mallorca cunha proposta de orzamento de 677.199,95 euros. So na mellora das rúas dos barrios está prevista unha partida que supera os 3 millóns 500.000 euros. Plan Urban Esta é unha das maiores apostas do goberno local. A cidade de Lugo obtería importantes beneficios de contar con esta axuda que non conseguiu en ocasións anteriores. Para a súa posta en marcha e a rexeneración económica e social do centro histórico destínase unha proposta de 2.166.667 euros nesta primeira anualidade. Zona Rural A zona rural é outro dos obxectivos prioritarios do goberno local. Nesta proposta de orzamentos, aumentan os investimentos nesta zona un 5% con respecto ó ano anterior. Destínase unha proposta de 1.970.000 euros ó saneamento e afirmado de nucleos rurais e 900.000 euros ó asfaltado de pistas. O compromiso do goberno local é claro unha vez máis coas parroquias do Concello de Lugo. Medio Ambiente Seguindo o compromiso adquirido polo Goberno local ó aprobar a Axenda 21, a proposta de orzamentos propón un aumento do 5% nos investimentos destinados ó medio ambiente Segundo os datos da Axenda 21, a superficie verde por habitante en Lugo é na actualidade de 11,3 metros cadrados, unha das máis altas das cidades galegas. Incluíndo as zonas permeables e semipermeables, este dato ascende a 15,47 metros cadrados. A ONU recomenda 10 metros cadradados de zonas verdes por habitante,e a OMS 15, ámbalas dúas cifras son superadas pola cidade de Lugo. Ademais, o 75% dos cidadáns teñen unha zona verde a menos de cinco minutos e o 94,5% a menos de quince. Aínda así a proposta do goberno inclúe novas actuacións neste senso. Propón que se destinen 1.042.172,78 euros á mellora das zonas verdes existentes e á creación de novos parques e xardíns.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova