Cargando....
Concello de Lugo
25/09/22
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo contará por vez primeira cun Plan Estratéxico para o desenvolvemento da provincia


# Venres, 16/11/2007
O Foro nace cun carácter aberto a novos participantes e co ánimo de fomentar o desenvolvemento socioeconómico da provincia de Lugo.

O Presidente da Deputación salienta “o fito histórico que supón ter unha folla de ruta para o crecemento da provincia e, ademais, sumando esforzos”. José Luis Méndez destacou o apoio decidido de Caixa Galicia a un proxecto vital para Lugo, como exemplo de compromiso co futuro da provincia. Lugo, 16 de novembro de 2007. A Deputación Provincial de Lugo, a Fundacción Caixa Galicia, o Concello da cidade, a Universidade de Santiago, a Confederación de Empresarios de Lugo, a Cámara de Comercio, a Fundación CEL, e a Federación de Comercio de Lugo constituíron esta mañá o Foro ProLugo, unha iniciativa que aglutina ós principais axentes públicos e privados que operan na provincia co fin de promover o seu desenvolvemento social e económico. A sinatura do acordo de constitución foi realizada esta mañá, na sede da Deputación, polos máximos directivos das entidades participantes nesta iniciativa e xa aprobou, como primeira medida, a redacción do Plan Estratéxico da provincia, que será elaborado polo Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) de Caixa Galicia. O acordo, que está aberto a novos participantes, promoverá a mellora da capacidade competitiva da provincia, activando os seus sectores clave, fomentando o seu desenvolvemento tecnolóxico, a formación empresarial, así como a mellora da cualificación profesional e técnica do seu capital humano, a integración territorial e a mellora das súas infraestruturas culturais, educativas e de comunicación. Todo isto a partir da colaboración entre os axentes institucionais, públicos e privados, implicados no desenvolvemento da provincia. Foro Prolugo será, como queda reflectido no texto do convenio, un marco estable de reflexión e intercambio de experiencias, opinións e coñecementos que sirvan para a consecución dos seus obxectivos. O documento foi asinado polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Director Xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Presidente da Fundación CEL, Guillermo Sánchez Vilariño, o Presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Alfredo Horacio Mosteirín Castañar, o Presidente da Confederación de Empresarios de Lugo, Eduardo Jiménez Rodríguez e o Vicerreitor do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, en representación do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro. No acto no que tamén estivo presente o Vicepresidente Primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao, o Presidente do organismo provincial subraiou “o fito histórico que supón ter unha folla de ruta para o crecemento e o desenvolvemento da provincia de Lugo e, ademais, facela posible sumando esforzos. Iso é realmente o importante, e os 67 concellos serán os grandes beneficiarios”. Pola súa banda, José Luis Méndez reiterou o compromiso de Caixa Galicia co futuro de Lugo e manifestou a súa satisfacción por poñer a disposición de Lugo a experiencia da entidade que dirixe na elaboración de estudos e plans deste tipo destacando que “existen múltiples razóns, que van desde a distribución espacial da actividade económica ata a ordeación do territorio e a dinámica demográfica, que xustifican plenamente o interese e a necesidade de abordar os retos estratéxicos desde a óptica provincial”. Foro ProLugo comezará coa elaboración dun Plan Estratéxico para a provincia para o periodo 2008-2013, que analice a súa realidade actual e sinale as medidas máis axeitadas para potenciar o seu desenvolvemento. Neste Plan Estratéxico colaborará o Concello de Lugo e sectores e axentes socioeconómicos da provincia. Entre as actividades que se fomentarán figuran iniciativas de formación, información, promoción e incentivos para dinamizar a provincia.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova