Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo recibe ó Secretario Xeral de Emprego de Arxentina


# Martes, 20/11/2007
Enrique Deibe visita a cidade por vez primeira para coñecer as políticas de emprego desenvolvidas en Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco recibiu na Casa do Concello ó Secretario Xeral de Emprego da República Arxentina, Enrique Deibe, na súa primeira visita oficial á cidade. Foi recibido polo Alcalde e outras autoridades locais e asinou no libro de honra do Concello.

Ademais o Alcalde agasallou ó responsable arxentino cunha representación da muralla feita por Sargadelos e cun pin de plata da mosquera. O Alcalde explicou que na súa viaxe a Arxentina o pin que levaban “non aguantou a forte tela do traxe e houbo que esperar esta nova visita para que leve este recordo de Lugo”.

José López Orozco mantivo un encontro co responsable arxentino grazas á xestión do Consejero de Trabajo da Embaixada de España na Arxentina, Rafael Herrera, no transcurso da visita que realizou o mandatario lucense ó país austral a principios de mes convidado pola Cámara de Comercio lucense.

Nese encontro López Orozco convidou a Deibe a visitar Lugo, aproveitando unha viaxe que tiña prevista por Europa, e a coñecer o Centro de Empresas e Innovación (CEI) que chamou a atención dos emprendedores arxentinos cos que se reuniron o Alcalde e a Concelleira de Emprego, Sonia Méndez, a comezos de novembro.

Enrique Deibe quixo coñecer de primeira man o traballo realizado dende o Concello de Lugo en materia de emprego xa que el é un gran defensor da autonomía municipal e do papel que xogan os municipios no desenvolvemento xeral.

López Orozco destacou que a experiencia dos técnicos responsables de emprego no Concello de Lugo permitirá un intercambio moi productivo de experiencias cos técnicos arxentinos. Non en van a Concellería de emprego lucense conta con proxectos de moito prestixio recoñecidos internacionalmente.

O Alcalde explicou que dende o Concello “non pretendemos ensinar nada, senón compartir o noso traballo e aprender do que eles fan”

O responsable estatal de Emprego arxentino agradeceu o recibimento das autoridades locais e expresou a súa satisfacción por voltar á terra dos seus avós “son días que non esquecerei na vida”.

Deibe explicou, que dende que coñeceu ó Alcalde lucense “souben que nacería unha fonda amizade entre os dous, son cousas que só pasan ás veces”.

Para Enrique Deibe as experiencias en materia de emprego levadas a cabo dende o Concello, son moi interesantes para explicar na Arxentina a importancia de colaborar dende a Administración cos emprendedores.

A súa viaxe á cidade continuou cunha visita acompañado polo Alcalde ó Centro de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, onde foron recibidos polo Delegado Provincial da Consellería, Miguel Vázquez Calvo.

Posteriormente visitaron o Centro de Empresas e Innovación (CEI) onde se uniu á visita a Concelleira de Emprego, Sonia Méndez. Alí Deibe coñeceu as instalacións e as empresas ubicadas no Centro.

Rede de intercambio de experiencias
A edila de Emprego aproveitou a visita para reafirmar o compromiso adquirido por ela mesma cos emprendedores e mozos arxentinos, para crear unha rede de intercambio de experiencias entre Lugo e Arxentina, que terá como base o Centro de Empresas municipal.

Para o xantar participaron tamén o Delegado Provincial da Consellería de Traballo e os representantes da Cámara de Comercio de Lugo e da CEL.

Pola tarde Enrique Deibe visitou a cidade acompañado polo Alcalde lucense.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova