Imprimir

A USC E O CONCELLO DE LUGO DESENVOLVERÁN UN CURSO SOBRE PLATAFORMAS WEB PARA ORGANIZACIÓNS DA SOCIEDADE CIVIL


26/11/2007 Será do xoves 29 ao sábado 1 nas instalacións do Campus cunha xornada no marco da Ludus Party

O Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentaron o curso 'Plataformas web de software libre para organizacións da sociedade civil', que se desenvolverá de xoves a sábado nas instalacións do Campus de Lugo e no Pazo de Feiras e Congresos, no marco da Ludus Party Net 2007, e que está organizado polas dúas institucións.

Esta é a primeira acción formativa que se organiza de forma conxunta entre as dúas entidades destinada a Organizacións da Sociedade Civil, tales como asociacións cidadás, organizacións non gubernamentais e outras asociacións sen ánimo de lucro.

A edil destacou o esforzo que realiza o Concello de Lugo por combatir a famosa fenda dixital. Luisa Zarzuela afirmou que "o proxecto de cidade dixital é o primeiro gran paso, ao que seguirán múltiples esforzos para que ata o último cidadán teña acceso ás novas tecnoloxías".

Luisa Zarzuela incidiu na importancia das asociacións na sociedade civil, "pois son sen dúbida algunha un dos pilares fundamentais". Desde o Concello de Lugo estánse a elaborar iniciativas de apoio para a difusión das TICs e dos novos usos de Internet, plataformas de código aberto, ou o software libre para a creación de: o periódicos e revistas dixitais, o aulas virtuais o canales de televisión a través de internet, o comunidades de blogs, o redes sociais o e novas posibilidades, modos e ferramentas, sexan de utilidade no uso social da rede de Internet.

A edil anunciou que desde o Concello xa se está a pensar na repetición destas xornadas, dado o gran número de asociacións existentes e o limitado número de prazas obrigado pola propia natureza das sesións, pois teñen unha marcada orientación práctica, que poderán complementarse con talleres e outras actividades de apoio que estánse a elaborar desde a Concellería de Servizos Xerais, como son os programas de Conéctate en Lugo.

A concelleira agradeceu á USC a súa colaboración neste ámbito e anunciou que "estamos estudando coa universidade outras futuras actuacións que reforcen ás xornadas que presentamos, que doutra banda, hai que decir que son pioneiras, tanto a nivel galego como a nivel do estado español".

O vicerreitor destacou a importancia destas xornadas que buscan difundir o emprego do software libre entre as Pemes e que apostan pola formación continua, tan necesaria no ámbito das novas tecnoloxías no que o ciclos de vida son tan breves e están en continua evolución.

O representante da Universidade salientou que a colaboración entre o Concello e a USC é fundamental para acabar coa fenda dixital.

O curso consta de nove horas repartidas en tres días. A primeira xornada terá lugar o xoves 29, entre as 16:30 e as 19:30 horas, na Aula de Informática nº 3 da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. A segunda será no mesmo lugar pero en horario de 10:00 a 13:00 horas e a última xornada celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo no marco da Ludus Party Net 2007, co mesmo horario de mañá.

O obxectivo do curso é amosar ás organizacións da sociedade civil unha ampla variedade de plataformas web, de código aberto, de utilidade para a presenza na rede e difusión de actividades, a xestión da aprendizaxe e do coñecemento, a creación de secretarías virtuais e a organización de e-comunidades sociais.

Cada sesión constará dunha pequena introdución ás diferentes familias de aplicacións, seguida dun taller de práctica sobre unha delas. Cada asistente terá o seu propio ordenador para traballar e comprobar a funcionalidade das ferramentas escollidas. A primeira das sesións estará destinada á creación de portais web, a segunda a ferramentas de aprendizaxe en liña e a terceira a plataformas multi-blog e redes sociais. Cada sesión terá unha duración de tres horas, sumando un total de nove, que serán impartidas polo profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Luís Gago González.

O prazo de inscrición para o curso estará aberto ata o propio xoves cun límite de prazas de 15. Aínda así, se a demanda é maior convocarase unha nova edición do curso proximamente.