Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Uns 20 escritores participan en Lugo no I Encontro de poesía galega


# Luns, 26/11/2007
Coincide coa celebración do VII aniversario da declaración da Muralla Patrimonio da Humanidade

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, Elías Torres Feijó, o Delegado provincial da Consellería de Cultura, Xoan Xosé Molina, a Directora do Centro Territorial de RNE-Galicia, Celia Díaz Reija e o Director do programa La Estación Azul, Ignacio Elguero, presentaron o I Encontro de poetas galegos que terá lugar en Lugo os vindeiros días 29 e 30 de novembro.

Coincidindo co VII aniversario da Declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, 18 poetas galegos de prestixio e con nomes recoñecidos dentro e fóra das nosas fronteiras, levarán a cidade de Lugo por toda España a través das ondas.

O Encontro, pioneiro en España, servirá de exemplo para outras comunidades con lingua propia e reunirá a expertos das letras galegas no que será o primeiro encontro literario destas características que ten lugar en Galicia.

O Alcalde de Lugo foi o promotor desta iniciativa que contou coa boa acollida e respaldo da entidade pública Radio Nacional de España que organiza o evento e que emitirá en directo todo o encontro a través do seu programa nacional La Estación Azul.

Para levar a cabo este ambicioso proxecto, tamén colabora o Ministerio de Cultura a través da súa Dirección Xeral do Libro, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais.

Enmarcado no VII Aniversario da Muralla Serán dous días intensos que comezarán oficialmente o día 29 de novembro ás 12:00 horas coa inauguración do Encontro por parte de José López Orozco, e que contribuirán ó recoñecemento da cidade de Lugo e da súa muralla en toda España, coincidindo ademais co aniversario da súa declaración Patrimonio da Humanidade.

Rematará o mesmo día 30, data central deste aniversario, coa presenza do Ministro de Cultura, César Antonio Molina. Este mesmo día estará en Lugo a cantante María Dolores Pradera que dará un concerto no Auditorio Gustavo Freire a partir das 21:00 horas.

Esta gran dama da música e do teatro español conta con máis de 40 discos e aproximadamente 500 cancións. A súa suave voz e capacidade de cambio permiten atopar na súa discografía diversos rexistros: baladas, boleros, coplas, rancheras, fados, etc.

María Dolores Pradera é tamén unha gran dama do teatro. Protagonizou diferentes obras como: La Inés de D. Juan Tenorio, Soledad de Unamuno, El Rey se muere, El jardín de los cerezos o Cyrano de Bergerac. Obtivo premios tan importantes como o Premio Nacional de Teatro, a medalla de Bellas Artes, o premio Lara, a Medalla de Oro de Madrid ó Mérito Artístico ou a Medalla ó Mérito Cultural e Artístico da Universidad Complutense.

O obxectivo destas xornadas é promocionar a poesía galega, fomentar a súa lectura e analizar a situación na que se atopa na actualidade en Galicia. O sector editorial estará representado polos editores Manuel Bragado de Edicións Xerais e Carlos Lema de Editorial Galaxia.

Cada unha das tres sesións nas que se divide o Encontro, e que durarán arredor de dúas horas, contarán coas interpretacións musicais dos cantautores Fran Pérez, Xabier Díaz e Luis Emilio Batallán. * A Primeira sesión, será o xoves día 29 ás 12:00 horas e contará coa participación dos poetas Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Suso Pensado, Luz Pozo Garza e Claudio Rodríguez Fer.

* A Segunda sesión, será o xoves ás 19:00 horas, cos poetas Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Arcadio López-Casanova, Chus Pato, Ana Romaní e Xavier Seoane

* A Terceira e última Sesión será o venres ás 19.00 horas, coa participación de Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Salvador García-Bodaño, Luís González Tosar e Manuel Rivas

O Ministro de Cultura, César Antonio Molina, que tamén participará na mesa de debate da Terceira Sesión, será o encargado de clausurar o evento.

I Encontro de Poesía Galega

YOLANDA CASTAÑO: Naceu en Santiago de Compostela no ano 1977. Trasladouse en 1990 á Coruña, onde rematou a carreira de Filoloxía Hispánica e cursou estudos audiovisuais. Alí vive na actualidade.

Como poeta deuse a coñecer, na adolescencia, a través dunha serie de premios de poesía menores ata que, grazas ó Premio Fermín Bouza Brey 1994, publicou o seu primeiro libro, Elevar as pálpebras (1995), contando só 17 anos.

Seguíulle Delicia (1998), e máis tarde Vivimos no ciclo das Erofanías (1998), que recibiu o Premio da Crítica Española 1998. A súa última publicación, O libro da egoísta (2003), que xa vai pola 2ª edición, estivo de número un en ventas de libro galego durante varias semanas, colleitando ademáis moi boas críticas.

Como poeta, e tamén como crítica literaria, ten colaborado en numerosas revistas e publicacións periódicas.

Algunhas das súa obras foron traducidas ó castelán, catalán, inglés, francés, alemán, ruso e árabe.

ANA ROMANÍ: Poeta e periodista cultural nacida en 1962 en Noia. Actualmente dirixe o programa "Diario Cultural", de emisión diaria, na Radio Galega.

Entre as súas publicacións destaca:

o Palabra de Mar (1987, poesía) o Das últimas mareas (1994, poesía) o Arden (1998, poesía) o Marmelada de amoras (1997, conto) o Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (2003)

Coordinou o volume de relatos Narradio. 56 historias no ar (2003), promovido polo Diario Cultural.

Participou en distintos proxectos artísticos, entre os que se atopan O Son da Pedra de Milladoiro, Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once poetas galegas da Fundación Rosalía de Castro, Son Delas coordinado por Uxía Senlle, Estalactitas (2002) con Anxos Romeo e Lupe Gómez, Catro poetas suicidas.

A súa obra está recollida en diferentes antoloxías e libros colectivos.

CLAUDIO RODRÍGUEZ FER: Naceu en Lugo no 1956. Foi catedrático de ensinanza media en Galicia e profesor das Universidades da Cidade de Nova York, da Alta Bretaña en Rennes e de Santiago de Compostela, onde actualmente é director da Cátedra Valente de Poesía e Estética e da revista de investigación Moenia.

Coordina con Carmen Blanco Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, e promoveu a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.

Así mesmo, dirixiu diversos congresos e encontros e participou en dúcias de actas, enciclopedias e revistas europeas e americanas.

Entre outros recoñecementos, no campo da poesía, recibiu o Premio Nacional da Crítica por Tigres de ternura; no campo da investigación, por dúas veces o Premio Losada Diéguez, concretamente por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil, e, no campo académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento.

Foi traducido a numerosos idiomas e foi obxecto de tres libros: Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (1996) e O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1998), de Olga Novo, e Os mundos de Claudio Rodríguez Fer (1998) de Natalia Regueiro.

Poesía o Poemas de amor sen morte (1979) o Tigres de ternura (1981) o Cinepoemas (1983) o Historia da lúa (1984) o A boca violeta (1987) o Lugo blues (1987) o Vulva (1990) o Cebra (1991) o A muller núa (1992) o Extrema Europa (1996) o A unha muller descoñecida (1997) o Rastros de vida e poesía (2000) o Moito máis que mil anos (2000) o A vida. Gravados sobre corpo (2002) o A loita continúa (2004)

Narrativa o Meta-relatos (1988) o A muller loba (1993) o Belas e bestas (2002) o O muiñeiro misterioso (2005) o A bela mestra (2005)

Estudo e ensaio o A Galicia misteriosa de Ánxel Fole (1981) o Antonio Machado e Galicia (1989) o Poesía galega (1989) o Arte literaria (1991) o José Ángel Valente (1992) o Comentarios de textos contemporáneos (1992) o Comentarios de textos populares e de masas (1994) o A literatura galega durante a guerra civil (1994) o Material Valente (1994) o Acometida atlántica. Por un comparatismo integral (1996) o Ánxel Fole. Vida e obra (1997) o O mundo lucense de Ánxel Fole (1997) o Ánxel Fole. Unha fotobiografía (1997) o Guía de investigación literaria (1998)

Edición e introdución o Contos de lobos, de Ánxel Fole (1985, 1989) o Cántigas de alén, de José Ángel Valente (1987, 1989, 1996) o Con pólvora e magnolias, de X. L. Méndez Ferrín (1989) o Os eidos, de Uxío Novoneyra (1990) o Guerra literaria, de Rafael Dieste (1991) o Verbas de chumbo, de Castelao (1992) o Poesía perdida, de Ricardo Carballo Calero (1993) o Obras reunidas, de Angel Johán (1993) o Cartafolio galego, de Ánxel Fole (1996) o Obra galega completa, de Ánxel Fole (1997) o A lenda do Grande Inquisidor, de Fiódor Dostoievski (1998) o Cuaderno de versiones, de José Ángel Valente (2001) o Cima del canto, de José Ángel Valente (2002) o Obra literaria completa, de Ánxel Fole (2003)

CHUS PATO: María Xesús Pato Díaz naceu en Ourense no ano 1955.

A súa obra manifesta a característica transgresión posmoderna dos xéneros literarios, conformando unha escritura baseada na superación do concepto tradicional de 'poesía'.

Escrita en prosa, a súa poesía acolle non só distintos tipos textuais, dende o estrictamente biográfico ata o ensaísmo filosófico, senón tamén unha polifonía de voces.

Tematicamente, Chus Pato asume o compromiso da literatura coas reivindicacións ideolóxicas o seu eixo temáticos máis habitual. Neste senso, a importancia da linguaxe como sistema de creación simbólica na sociedade contemporánea ten un papel destacado na súa reflexión crítica.

Exerce ademais como profesora de Ensino Secundario (Xeografía e Historia) no IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín).

Os primeiros poemas de Chus Pato apareceron na revista Escrita (1984) e, dende entón, aparte de nos seus libros, nunca deixou de colaborar en múltiples publicacións.

Poemarios publicados o Urania. Ourense: Calpurnia, 1991. o Heloísa. A Coruña: Espiral Maior, 1994. o Fascinio. Muros: Toxosoutos, 1995. o A ponte das poldras. Santiago de Compostela: Noitarenga, 1996. 2ª ed., Vigo: Galaxia, 2006. o Nínive. Vigo: Xerais, 1996 (Premio Losada Diéguez, 1997). o m-Talá. Vigo: Xerais, 2000. o Charenton. Vigo: Xerais, 2004.

LUZ POZO GARZA: Poetisa galega e membro da Real Academia Galega. Naceu en Ribadeo no ano 1922. Ós catorce anos, por mor da Guerra civil española e da persecución á que foi obxecto seu pai, trasladouse coa súa familia primeiramente a Lugo e, logo, a Larache (Marrocos).

De volta en Galicia, instalouse en Viveiro. Ten estudos musicais que deixarán unha singular pegada na súa poética, estudos de maxisterio e de filoloxía románica. Posteriormente desenvolveu en Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario. É membro da Real Academia Galega dende o 29 de novembro de 1996.

É unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral.

Obra o A bordo de "Barco sin luces" (ou o mundo poético de Luís Pimentel). o A semente aquecida da palabra. o Álvaro Cunqueiro e "Herba aquí ou acolá". o Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000. o As arpas de Iwerddon. o Códice calixtino. o Concerto de outono. o Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas. o Diálogos con Rosalía. o Galicia ferida: a visión de Luis Seoane. o Historias fidelísimas: poesía selecta 1952-2003. o I Festival de Poesía no Condado. o Medea en Corinto. o Memoria solar. o Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra. o O paxaro na boca. o Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo. o Poemas pola memoria (1936-2006). o Poetas e Narradores nas súas voces (Vol. I). o Prometo a flor de loto. o Ribadeo, Ribadeo. o Últimas palabras / Verbas derradeiras. o Vida secreta de Rosalía.

MARÍA DO CEBREIRO: naceu en Santiago no ano 1976. É Filla dos escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes e irmá do pianista Abe Rábade, é unha das poetas galegas máis recoñecidas da actualidade.

Licenciouse en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1998. No 2002 acada o Premio de Investigación Dámaso Alonso coa obra As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña, extraída da sua tese de doutoramento Aproximación teórica ó fenómeno antolóxico desde a perspectiva do espacio (2004), na que ensaia unha teoría das antoloxías poéticas no contexto literario peninsular, e máis especificamente nas sociedades galega e catalá contemporáneas.

En 1998 viu a luz o seu primeiro libro de poemas O estadio do espello. Seguírono (nós, as inadaptadas) (2002, accésit do XXI Premio Esquío de Poesía en Língua Galega), Non queres que o poema te coñeza (2004, galardoado co II Premio Caixanova 2003 de Poesía), O barrio das chinesas (2005) e Os hemisferios (2006).

No ano 2005 publica As terceiras mulleres, ensaio trazado ao redor da nova maneira de entender a representación da subxectividade feminina e a creación artística feita por mulleres.

Obra poética o O estadio do espello (Xerais, 1998) o (nós, as inadaptadas) (accésit do XXI Premio Esquío de poesía en lingua galega; Sociedade de cultura Valle-Inclán, 2002) o Non queres que o poema te coñeza (gañador do II Premio Caixanova de Poesía 2003; P.E.N. Clube de Galicia 2004) o O barrio das Chinesas (O Correo Galego, 2005) o Os hemisferios (Galaxia, 2006)

SUSO PENSADO: Naceu en Arteixo en 1971. Recibiu o III premio Uxío Novoneyra de poesía, en 2004 polo seu libro A Tarde (Espiral Maior, 2005).

Como tradutor publicou Cantos de Giacomo Leopardi (Espiral Maior, 1998), O Barco Ebrio de Arthur Rimbaud (Revista Clave Orión, 2000), Serodio Amor de Emilio Coco (Espiral Maior, 2006) e Os Alimentos Terrestres de André Gide (próxima aparición en Laiovento, 2007). Traduciu ao francés a escolma de Xulio L. Valcárcel titulada Le Volume de l'Absence (Auliga-Espiral Maior, 2006) e o libro de poemas Le Feu Blanc de X.M. Álvarez Cáccamo (próxima aparición en Auliga-Espiral Maior, 2007).

o Le Volume de l?Absence, Xulio L. Valcárcel (tradutor ao francés) o A Tarde o Campo de Marte, de X.L. Valcárcel (tradutor ao español) o Cantos, de Giacomo Leopardi (tradutor ao galego) o El volumen de la ausencia, de X.L. Valcárcel (tradutor ao español) o Le Feu Blanc, de X.M. Álvarez Cáccamo (tradutor ao francés) o Les planches courbes, de Yves Bonnefoy (tradutor ao español) o O Barco Ebrio, de Arthur Rimbaud (tradutor ao galego) o Os Alimentos Terrestres, de André Gide (tradutor ao galego) o Serodio Amor, de Emilio Coco (tradutor)

XAVIER SEOANE: Naceu na Coruña en 1954, é un poeta galego. Estudou Filoloxía Románica en Compostela, e é hoxe profesor de Lingua e Literatura en A Coruña no IES Monelos. Desde 1975 ven desenvolvendo a súa actividade nos terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural, tanto en prensa e revistas, como conferenciante.

En colaboración con Raúl Reguera publicou o libro "Poesía experimental" (1978).

O seu primeiro poemario individual foi "Os bosques encendidos" (1981). Logo editaría "A caluga do paxaro" (1979), "Presencias" (1985), "Iniciación e regreso" (1985) co que recibiu o premio Cidade da Coruña en 1982, "O Canto da Terra" (1987), "Regreso e Advenimento" (1990), "Eu tamén oín as voces do orvallo" (1994), "Umbral de Vida" (1996), premio Esquío de poesía e "Don do horizonte" (1999), que abrangue a súa obra poética reunida, á que engade os volumes "A néboa invisíbel" e "Agra da Brea".

En colaboración con Manuel Rivas publicou o cartafol de poemas "Anisia e outras sombras" (1981). Colaborou nas antoloxías poéticas "De Amor e Desamor I" (1984) e "De Amor e Desamor II" (1985). Editou un libro de reflexións e aforismos titulado "Arca cotidiana / Irispaxaros" (1984).

O gravador Manuel Facal realizou a carpeta de gravados "As quatro estacións", sobre poemas de Seoane, e o libro de artista "Irispaxaros", sobre aforismos do autor.

En 1989 publicou, en colaboración con Lino Braxe, a escolma de textos radiofónicos de Luís Seoane, "Galicia Emigrante". Tamén en colaboración con Lino Braxe editou o volume de colaboracións radiofónicas de Álvaro Cunqueiro, "A máxia da palavra" (1991), o volume "Luís Seoane e o cine" (1994), "Luís Seoane e o teatro" (1996) e "Luís Seoane: Textos sobre arte" (1997). En 1990 saíu á luz o seu libro "Identidade e convulsión: Palavra e imaxe da nova arte galega", e, en 1994, "Reto ou rendición", análise dos presupostos teóricos e criativos da arte galega contemporánea. Recentemente publicou o ensaio "A voz dun tempo. Luis Seoane: o criador total" (1994). Con Antón Patiño publicou o manifesto "Hai suficiente infinito" (1999). Recentemente, saíu do prelo (2000) o ensaio, sobre o mundo do libro e da lectura, "Atravesar o espello" (Ed. Xerais), así como a novela "Ábrelle a porta ao mar" (Ed. Espiral Maior).

Ten realizado exposicións de poesía visual e experimental na Coruña, Compostela e no Estado Español, e participado en mostras de mail art.

Foi seleccionado en diversas antoloxías de poesía galega actual: "Escolma da poesía galega, 1976-1984" (Sotelo Blanco, 1984), "Desde a palabra, doce voces" (Sotelo Blanco, 1986), "Antoloxía da poesía galega erótica e amatoria" (O Castro, 1988), "Poesía Gallega de Hoy" (Visor, 1990), "Fin de un milenio" (Libertarias, 1991), "50 anos de poesía galega" (Penta, 1994), "Poesía gallega actual" (Litoral, 1996), e "Antologia de poesia galega" (Universidade de Campinas, Brasil, 1996).

VICENTE ARAGUAS: Naceu en Xubia en 1950. Cantautor, crítico literario e escritor galego.

Foi un dos fundadores do grupo Voces Ceibes en 1968. Estudou en Santiago de Compostela filosofía e letras onde entrou en contacto con Xerardo Moscoso e Pedro Luaces, quen foi fundamental para que empezase a escribir en galego. En 1968 deu os seus primeiros recitais como cantautor, ó tempo que participou nas manifestacións universitarias que se realizaron nese ano en Compostela.

No curso 1972-1973 deu clases de español en Glasgow, e é aquí onde comezou a escribir os seus primeiros poemas que formarán Paisaxe de Glasgow. Desde setembro de 1974 reside en Madrid.

Obra o Paisaxe de Glasgow, 1978 (poemario) o Ás veces en domingo abonda coa tenrura, 1980 (poemario) o Poemas pra Ana Andrea, 1982 (poemario) o Xuvia, 1984 (poemario) o Caleidoscopio, 1988 (poemario) o Voces Ceibes, 1992 (ensaio) o Oficio de ollar, 1992 (poemario) o Campo santo, 1994 (poemario) o O gato branco, 1995 (poemario) o Billarda, 1999 (antoloxía de poesía galego-castelán) o Río Matinal, 2000 (poemario) o Agora xa foi, 2000 (novela) o A canción do verán, 2001 (novela)

DARÍO XOHÁN CABANA: Escritor galego nacido en Roás (Terra Cha de Lugo) o 19 de abril de 1952. Unha das súas novelas máis coñecidas é Galván en Saor. Recibiu a Medalla de ouro do concello de Florencia (Italia) pola súa tradución da A Divina Comedia de Dante. Desde o 22 de abril de 2006 é académico da Real Academia Galega.

Obras o A fraga amurallada o Ábrelle a porta ó día o Amor e tempo liso o Antoloxía poética o As aventuras de Breogán Filgueira (1990) o As viaxes do principe azul (1992) o Cándido Branco e o Cabaleiro Negro (1992) o Canta de cerca a morte (1994, Premio Martín Códax) o Cantigas de amor vilao o Cerco de ferro o Chirlo merlo na figueira o Chucho Cacho o Cinco lendas o Elexía nunha escuridade mortal o Fortunato de Trasmundi (1990) o Galván en Saor (1989, premio Xerais) o Home e terra o Inés e a cadela sabia o O libro dos moradores (1990) o Mitos e memorias o Morte de rei o Mortos por que Galicia viva o Narradio. 56 historias no ar o Noticias dunha aldea o O avión de Cangas (1992) o O castrón de ouro (1993, premio Barco de Vapor) o O cervo na torre (1994, premio Xerais) o O milagre das estrelas (1993) o O quiquiriquí e outras narracións o Os contos da campaña o Patria do mar o Recolleita o Romanceiro da Terra Cha o Verbas a un irmao o Vidas senlleiras (1992) o Vinte cadernos: Poemas 1969-2002 o VII Fragmentos (1986) o Xuro que nunca volverei pasar fame: poesía escarlata

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO: Nacido en Cospeito en 1958. É membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e AGAL.

Fundou Edicións Espiral Maior (1991) e foi un dos fundadores das revistas Cen augas e Agália. Deuse a coñecer ao ser premiado no VIIº Concurso Modesto R. Figueiredo co relato Anti-memória dun dia.

Obra o Auto insólito do autor, 1985 (teatro) o Livro das paisaxes vivas, 1985 (poemario) o Conversas en Compostea con Carballo Calero, 1986 (con Pillado Mayor) o Entre água e fogo (Cantos da terra posuída), 1987 (poemario) o Cuarteto para unha noite de verao, 1988 (teatro) o A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras, 1989 (con Pillado Mayor) o A casa dos afogados, 1989 (teatro) o Poemas da lenta nudez, 1994 (poemario) o As certezas do clima, 1996 (poemario) o Territorio de desaparición, 2004 (poemario)

RAMIRO FONTE: Naceu en Pontedeume en 1957). Foi un dos fundadores do colectivo poético Cravo fondo (1977). Director do Instituto Cervantes de Lisboa.

Obra o As cidades da nada, 1983 (poemario) o Designium, 1984 (poemario) o Pensar na tempestade, 1986 (poemario) o Pasa un segredo, 1988 (poemario) o Catro novelas sentimentais, 1988 (novela) o As regras do xogo, 1990 (novela) o Aves de paso, 1990 (novela) o As lúas suburbanas, 1991 (poemario) o Adeus norte, 1991 (poemario) o Fermín Bouza-Brey e a súa obra literaria, 1992 (ensaio) o Os leopardos da lúa, 1993 (novela) o Soños eternos, 1994 (narrativa) o Luz do mediodía, 1995 (poemario) o O cazador de libros, 1997 (poemario) o Mínima moralidade, 1998 (poemario) o Capitán Inverno, 1999 (poemario) o Os meus ollos, 2003 (narrativa) o Os ollos da ponte, 2004 (narrativa) SALVADOR GARCÍA BODAÑO: Naceu en Vigo en 1935. Poeta pertencente á Xeración das Festas Minervais e cofundador do grupo O Galo. Colaborou con diversas publicacións e é autor de varias traduccións ó galego. Os temas sobre os que xira a súa poesía son, como sinala Dolores Vilavedra, Galicia e a muller.

Entre os seus libros destacan Ao pé de cada hora (1967), Tempo de Compostela (Premio da Crítica Española, 1978) e o libro de relatos Os misterios de Monsieur D'Allier (Premio da Crítica, 1993). Ingresou como membro numerario da Real Academia Galega en 1992. Ó longo da súa vida recibiu numerosos premios e recoñecementos.

A breve obra de Garcia-Bodaño xira principalmente ó redor da conciencia cívica e das vivencias eróticas.

Sobrio de expresión pero latexante de emoción lírica, aparece afestado do socialrealismo e máis dado á expresión directa do sentimento patriótico. O libro Tempo de Compostela é unha espléndida visión lírica da cidade expresada en versos de gran poder evocador. O seu verso tende a ser libre, pero nalgunha das súas últimas parcas entregas cultiva con extraordinario acerto unha forma tan cerrada coma o soneto clásico. Poeta limpo e claro, Garcia-Bodaño é unha das grandes voces da súa xeración.

MANUEL RIVAS: Nacido o 26 de outubro de 1957 no coruñés barrio de Montealto. Estudou no IES Monelos. A totalidade da súa obra literaria desenvólveses en galego, aínda que tamén escribe artigos en castelán. O seu libro de contos ¿Qué me queres amor? (1996), Premio Torrente Ballester e Nacional de Narrativa, inclúe o relato A lingua das bolboretas, no que se basou a película do mesmo título. A súa obra complétase cos libros de relatos Ela, maldita alma (1999), A man negra do emigrante (2001), e As chamadas perdidas (2002).

É autor de tres novelas curtas: Os comedores de patatas (1992), O lápiz do carpintero (1999), Premio da Crítica española, levada ó cine por Antón Reixa, e En salvaxe compañía (1994), que foi reeditada en 2004. As súas últimas obras son O héroe(2006), teatral, e Os libros arden mal (2006), una novela.

En canto á súa obra periodística, boa parte das súas mellores reportaxes están compiladas en O periodismo es un cuento (1998), usado como libro de texto en numerosas facultades de Ciencias da Información.

Os seus traballos poéticos están recollidos na antoloxía O pobo da noita, Do descoñecido ao descoñecido e Mohicania revisada.

LUIS GONZÁLEZ TOSAR: Fillo de emigrantes, naceu en Buenos Aires en 1952, onde viviu ata que regresou a Galicia, con 17 anos. En Arxentina realizou estudos primarios, que completaría co Bacharelato en Vigo -sendo alumno de Xosé Luis Méndez Ferrín e Rufo Pérez-, para licenciarse en Filoloxía Hispánica, sección de Galego-Portugués, pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor titular de Lingua e Literatura Galegas no Instituto San Clemente, da capital galega.

Na emigración, coñeceu a Luis Seonae, Eduardo Blanco Amor e Rodolfo Prada, entre outros destacados exiliados e emigrantes e, unha vez en Galicia, mantén contactos con Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Francisco Fernández del Riego, Xesús Alonso Montero e Agustín Sixto Seco.

Polo que se refire á súa produción literaria, o seu primeiro libro de poemas foi A caneiro cheo (1985), seguido de Remol das travesías (1989). Tamén son seus títulos como Seis cánticos labrados co recordo de seis cidades mouras, Campás de Recalada e Coa forza da palabra, así como Invocación dun tempo/Invocació d'un temps, editado en galego e catalán. Publicou a colección de relatos Estación Marítima (1996), na que recolle narracións baseadas no rico mundo das xentes emigradas á Arxentina, Uruguai, Brasil, Chile, Cuba, México, Panamá e Venezuela. A súa obra tense traducido a diferentes idiomas como o inglés, italiano, francés ou alemán.

Fundador e actual presidente do P.E.N. Clube de Escritores de Galicia, membro da Comisión de Literatura do Consello da Cultura Galega, director literario de Edicións Danu, é asiduo colaborador nos medios de comunicación.

Recibiu o Premio Esquío de poesía e o Losada Diéguez de creación literaria; o Premio da Asociación da Crítica Española en 1990; e o Julio Camba de xornalismo e o Modesto R. Figueiredo de narrativa breve, en 1999.

ARCADIO LÓPEZ CASANOVA: Nace en Lugo no 1942, e pasa a súa infancia (1942-1947) na casa da avoa paterna, nas terras luguesas de O Páramo, ámbito que acadará dimensión poética no seu libro Palabra de honor. Na súa cidade, estudia o bacharelato no Instituto de Ensino Medio (1952-1959), onde vai perfilando a súa afición literaria e obtén o seu primeiro premio.

Ós catorce anos colabora en El Progreso, e pouco despois publica o libriño Tío Mingos. Contos de Galicia, sendo asemade cofundador, con outros mozos lugueses (Marina Mayoral, Ramón Clemente, etc.), e baixo a dirección do prof. Luis Quintela Ferreiro, da revista Escritos.

Entre o 1959-1964 cursa a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Compostela, entrando en relación cos mestres do galeguismo (Otero Pedrayo, García-Sabell, R. Piñeiro), e cos escritores das últimas xeracións (Novoneyra, Franco Grande, Xohana Torres, García-Bodaño). Ó longo deses anos de formación, participa en amplas actividades de política cultural na Universidade, organizando o primeiro "Día das Letras Galegas"(1963) , a "Festa da Poesía", a "Homenaxe a Antonio Machado", o "Premio Castelao", e moi diversas actuacións promovidas dende a Asociación Cultural "O Galo".

Colabora asiduamente nas páxinas de La Noche e La Voz de Galicia, e no 1961 edita o seu primeiro libro de poemas, Hombre último. Gana varios anos o premio das Festas Minervais, e inicia unha actividade de conferenciante e de lecturas poéticas por toda España. Xa de volta na súa cidade natal, prosegue coa súa actividade de política cultural organizando e dirixindo o primeiro Curso de galego (1965), e unha memorable homenaxe a Luís Pimentel. No 1967 publica Palabra de honor, libro tamén retirado por orde gobernativa.

No eido creativo inicia o ciclo dos Mesteres, que adianta en varios Pliegos a amigos, publica a antoloxía Memoria dunha edá (1976) e, nese ano, saca a edición bilingüe -e primeira- de Mesteres. No 1978 obtén o Premio "Adonais" con La oscura potestad (1979), e defende a súa Tese de doutoramento sobre Estructuras correlativas en la poesía española contemporánea, calificada con Sobresaliente cum laude. No 1983 publica Liturxia do corpo, obra á que se lle concede o Premio da Crítica-Galicia á creación literaria. Catro anos despois (1986), obtén por oposición praza de Profesor Titular da Universitat de València, proseguindo o seu labor de investigación con estudios como Estructuras correlativas y función estilística (1989), Lenguaje de la poesía y figuras gramaticales (1990), La poesía romántica (1991), Miguel Hernández, pasión y elegía (1993) e El texto poético. Teoría y metodología (1994).

En relación coa literatura galega, edita a Antología poética de Rosalía de Castro (1985), Luís Pimentel e "Sombra do aire na herba" (1990), Álvaro Cunqueiro e a vangarda poética (1994), e o Diccionario metodolóxico de análise literaria. I. A Poesía (2001), así como estudios sobre Ramón Cabanillas (1976), Luís Seoane (1994), E. Blanco Amor (1993), Curros Enríquez (2001) e sobre "Fin de século e modernidade literaria" (1997) ou o "Modernismo en Galicia" (1999). A Real Academia Galega concédelle o Premio "Menéndez Pidal" de investigación por un traballo sobre a obra de E. Pondal.

No eido da creación poética, da última década son os seus libros Razón de iniquidad (1991, Premio Internacional "Ciudad de Melilla"), Noite do degaro (1994) e Asedio de sombra (1997, Premio "Tiflos").

XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO: Naceu en Vigo en 1950. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e dende 1973 exerceu de profesor de Literatura en varios institutos de Galicia.

Destaca como poeta, aínda que tamén publicou relatos breves, algunha peza teatral e textos para o público infantil. Como ensaísta centrouse na poesía galega da segunda metade do século XX, con estudos como Vida de Antón Avilés de Taramancos, A comezos do 2006 publica en Galaxia as súas memoria baixo o título de Memoria de poeta.

Da súa obra lírica destacan os poemarios Luminoso lugar de abatimento, Premio Esquío 1986, e Calendario perpetuo, Premio da Crítica de Galicia 1998. Formou parte dos consellos de redacción dos suplementos Galicia Literaria de Diario 16 de Galicia e Faro das Letras de Faro de Vigo. Foi membro do Foro da Cultura e na actualidade forma parte do consello de redacción da revista Grial e do colectivo Burla Negra. Formou parte do consello editorial das coleccións de Poesía "Mogor" (1976-1980) e "Pero Meogo" (1980) e dos consellos de redacción dos suplementos "Galicia Literaria" de Diario 16 de Galicia (1990-1992) e "Faro das Letras" de Faro de Vigo (1993-1996).

Entre os anos 1984 e 2002 integrou a directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Entre as súas obras destacan: A escrita das aves de marzo, Arquitecturas de cinza , Calendario perpetuo , Casa dormida , Colección de espellos, De mañá que medo, Depósito natural (1995-2001) , Dinosaurio Belisario, Escolma, Fragmentos de mar, Galego Cero, Vida de Antón Avilés de Taramancos ou Vocabulario das orixes.

MANUEL TORNEIRO: Naceu na Coruña en 1932 e dende os 17 ou 18 anos, escribir poesía converteuse para el nunha necesidade. Foi un dos fundadores do grupo poético "Amanecer" na década dos cincuenta.

Os primeiros versos non pasaron de ser exercicios líricos en castelán para revistas que se publicaban en Madrid e en Barcelona.

Ten publicados dous libros en castelán e nove en galego. O seu primeiro poemario é, Memoria dun silencio (1982).

Os antólogos sitúanno na Xeración das Festas Minervais, na primeira promoción da poesía de posguerra: os nados entre 1928 e 1942. No prólogo ó libro As doazóns do incendio, o profesor Basilio Losada apunta: o que vele na poesía de Torneiro é o poema, non é un verso illado, e menos unha palabra-fetiche. Veñen os versos e as palabras nestes poemas sen desaxustes semánticos, traballadas con sutileza e emoción. Con verdade, sen grandes sorpresas nin fulgores irritantes.

Ten no seu haber algúns importantes galardóns como o Premio Esquío (1994), o González Garcés (gañado en dúas ocasións: anos 1998 e 2000) e o Premio da Crítica Española (1999).

Hai na súa última producción un tema recurrente: a memoria, que dicta unha sorte de variacións sobre un só tema. Torneiro cre no poder da palabra, nas potencias da beleza. Escribe contra o mundo e a favor da Vida. Como poeta, cre na utopía.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova