Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo, Premio Nacional Reina Sofía de Accesibilidade 2006


# Luns, 01/01/2007
O galardón deuse a coñecer hoxe no II Congreso Nacional de Discapacidade sobre Accesibilidade Universal, en Palencia

Os municipios de Santiago, Ribadesella (Asturias) e Fontanar (Guadalaxara) recibiron este galardón noutras categorías.

A Reina Sofía entregará os premios nas próximas semanas na Zarzuela.

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado pola Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, e representantes dos colectivos ONCE –Juan Leirós-, Auxilia –Fernanda Arrojo- e COGAMI –Mónica Álvarez- anunciou que o Concello de Lugo é un dos Premios nacionais Reina Sofía de Accesibilidade 2006. “É un premio para a cidade de Lugo pero fundamentalmente para as asociacións de discapacitados”, afirmou, agradecido, López Orozco.

O Xurado, reunido na tarde de onte, valorou o traballo na eliminación de barreiras que dificultan a vida das persoas con discapacidade. A Secretaria de Estado de Servizos Sociais, Familias e Discapacidade, Amparo Valcarce, comunicou hoxe telefonicamente ó Alcalde e publicamente, no II Congreso Nacional de Discapacidade que se está a celebrar en Palencia, que os municipios de Lugo, Santiago de Compostela, Ribadesella (Asturias) e Fontanar (Guadalaxara) eran os galardoados na segunda edición destes Premios Nacionais.

O Premio Reina Sofía de Accesibilidade Universal 2006 recoñece o labor das cidades españolas na eliminación de barreiras arquitectónicas e virtuais que dificultan a vida diaria das personas con discapacidade. Lugo acadou o galardón que se concede ós municipios españois de entre 10.000 e 100.000 habitantes.

Segundo o Xurado, “o municipio de Lugo foi premiado pola súa contribución destacada no campo da accesibilidade universal nas zonas públicas (parques, entornos naturais, patrimonio artístico e cultural), así como o seu traballo en favor da accesibilidade na comunicación e na información”.

O Xurado tamén “recoñeceu as iniciativas do municipio para eliminar barreiras no transporte e nos servizos públicos na colaboración co Imserso e a Fundación ONCE, entre outras actividades”.

O premio está dotado con 15.000 euros para cada cidade. O Alcalde anunciou que con estes cartos mercaranse ordenadores especiais adaptados ós discapacitados e outras necesidades que se van estudar. Nas próximas semanas López Orozco acudirá á Zarzuela para recibir os premios de mans da Súa Maxestade a Reina Sofía.

López Orozco comprometeuse a seguir traballando a prol da accesibilidade pero afirmou que este recoñecemento débese ás asociacións de persoas discapacitadas: “Prémiase o traballo continuo durante máis de 5 anos para lograr que a cidade sexa accesible para todas aquelas persoas que teñan unha discapacidade. Ese traballo fíxose porque hai vocación política para facelo pero fundamentalmente porque hai un traballo feito por estas asociacións de reivindicación constante”.

Pola súa banda, os representantes das asociacións agradeceron os pasos progresivos que se están a dar desde o Concello e a vontade e sensibilidade política. Subraiaron que Lugo está destacando entre as cidades máis avanzadas neste ámbito e animaron á institución municipal a seguir traballando.

Próximos pasos

O Alcalde anunciou novos compromisos a favor da accesibilidade como, por exemplo, o traballo que se vai levar a cabo no barrio do Sagrado Corazón. Nos próximos orzamentos municipais haberá unha partida presupostaria para colocar un ascensor no aparcadoiro subterráneo da Praza da Constitución e tamén dous ascensores no barrio do Sagrado Corazón (na Avenida de Carlos Azcárraga e na rúa Fontaneira) para facilitar ás persoas maiores os seus desprazamentos.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova