Imprimir

O CONCELLO E AUXILIA PRESENTAN A PRIMEIRA GUÍA DE TURISMO ACCESIBLE DE LUGO


1/1/2007 É pioneira en España ó ofrecer rutas accesibles concretas

As igrexas e hoteis da cidade presentan os principais problemas de accesibilidade en Lugo.

O Concello destinará 237.703 euros nos presupostos do próximo ano para asociacións de persoas con discapacidade.

Concluíron hoxe as Xornadas de Accesibilidade a centros históricos que resumiron o traballo desta temática dentro do programa europeo Pagus, no que participaron durante dos anos o Concello de Lugo e 5 cidades máis. Como colofón, o Concello, Auxilia e dous arquitectos da cidade presentaron a primeira guía de turismo accesible de Lugo, pioneira en España por ofrecer rutas definidas. A publicación -editada en galego, castelán e braille- ofrece toda a información para que o usuario non atope sorpresas no seu tránsito.

A guía ofrece toda a información que pode necesitar unha persoa cando visita o se despraza por Lugo. Desde rutas accesibles, ata situación de obstáculos, pasando por locais de ocio como restaurantes, bares, cines, tendas de artesanía, aparcamentos, transporte público, etc. É unha das poucas guías de turismo accesible que existen en España e a primeira en ofrecer itinerarios concretos. Editáronse 2.000 guías en castelán e 1.000 en galego, ademais de braille.

Diagnose da cidade Dentro do programa Accesibidade a centros históricos, a asociación Auxilia fixo unha diagnose de Lugo que foi esbozada, a continuación, polos arquitectos Martín Morán e Julio Fernández para buscar solucións concretas de accesibilidade. O Concello recolleu estas propostas e xa confirmou que executará as obras necesarias xunto ás administracións que corresponda.

A Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, Aquilino González -representante de Auxilia- e os dous arquitectos presentaron os principais problemas. Concluíron que o centro histórico de Lugo "ten unhas condicións que fan que sexa bastante fácil actuar nel", como destacou o membro de Auxilia. Principais conclusións:

1.- Con respecto ó patrimonio, as igrexas da cidade son as que presentan os principais problemas, xa que a maioría non son accesibles como a Capela do Carmen, a Igrexa da Nova... Sen embargo, e segundo os expertos, estes problemas poderían subsanarse con rampas móbiles. Con respecto á Catedral, precisaría rampa pero o interior non presenta maiores problemas de accesilidade. No tocante á Muralla, as asociacións demandan barandas nas escaleiras. O Concello solicitounas a Patrimonio pero aínda non houbo unha resposta positiva. Estase a arranxar unha rampa de subida detrás da zona da Tinería e estúdase a creación de ascensores nalgún edificio lindante coa Muralla. As asociacións solicitan que o acceso sexa sinxelo, sen provocar desgaste físico para chegar a el. Os museos de Porta Miñá e Casa dos Mosaicos son accesibles. Os demais precisarían rampas.

2.- No tocante á hostelería, só existe unha habitación totalmente accesible nos hoteis da cidade. "O faio está na normativa autonómica, que non se mete cos cartos de baño", afirmou Aquilio González.

A Concelleira de Servizos Sociais, Carmen Basadre explicou que o Concello de Lugo investiu nos últimos 3 anos máis dun millón de euros en accesibilidade urbana. Ademais o Concello destinará 237.703 euros o vindeiro ano para subvencións de asociacións de persoas con discapacidade. Todos os presentes coincidiron en subliñar que o gabinete de accesibilidade do Concello, que está a funcionar axilmente, é unha das mellores ferramentas hoxe en día para converter Lugo en cidade accesible.

Pagus
O programa europeo PAGUS traballa con cascos históricos de mediano e pequeno tamaño para acadar un desenvolvemente e rehabilitación sostible, prevalecendo o uso residencial dos mesmos. Países de toda Europa están a traballar conxuntamente, buscando solucións prácticas a problemas comúns. Dentro do PAGUS, Lugo lidera o proxecto de "Accesibilidade a centros históricos", no que participan a cidade italiana de Todi, La Velletta (Malta) e as españolas Ribadavia, Vigo e Carmona.