Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello organiza o programa Diversiarte para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade


# Venres, 30/11/2007
Concienciar a poboación da diversidade para vivir en igualdade é o principal obxectivo

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, presentou xunto ás representantes de asociacións de persoas con discapacidade da cidade o programa deseñado polo Concello de Lugo para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o vindeiro 3 de decembro en todo o mundo.

Na presentación acompañaron a edil Blanca Roibás, de Aspnais, Mónica Álvarez, de Cogami, Ángeles Fernández Mayra, de Anade, e Delia Lorenzo, de Alcer, en representación das dezanove asociacións que colaboraron co Concello de Lugo para organizar estes actos conmemorativos.

Esta serie de actividades están destinadas a chamar a atención sobre a necesidade de garantir a consecución dos dereitos cidadáns en igualdade e superar as barreiras mentais. A concelleira alabou todo o traballo que levan desempeñando ao longo de moitos anos nesta loita e destacou que levan moito tempo amosando que “son tan capaces como calquer persoa tal e como demostran no deporte, no traballo e nas artes día tras día” suliñou a edil.

As actividades tamén teñen como obxectivo concienciar das barreiras que enfrontan as persoas con discapacidade no mercado laboral e difundir os esforzos destinados a superalas que levan a cabo os gobernos e as asociacións.

O programa de actividades Diversiarte desenvolverase entre os días 1 e 5 de decembro. Ademais das asociacións de colectivos de persoas con discapacidade colabora a artista uz Darriba, que deseñou o proxecto “Labirintos” que estará montado estes cinco días no fondo da Praza Maior e trátase dun reto para amosar que a única discapacidade que limita ás persoas é a incomprensión.
Os lucenses poderán experimentar a sensación de adentrase nun labirinto e ter que guiarse para acadar a saída.

Os actos arrincarán ás 12:00 horas do sábado, 1 de decembro, cun percorrido pola Muralla deseñado por Auxilia que servirá para analizar os niveis de accesibilidade deste monumento. A saída terá lugar diante da Casa Consistorial e partirá cara á Praza de Pío XII onde se subirá ao adarve ata a Tinería.

O domingo, 2 de decembro, o templete da Praza Maior acollerá a representcaión da obra de Fernando Arrabal, “Picnic”, adaptada pola compañía Pinchacarneiro da asociación Anade. Ao seu remate, a Banda Municipal de Música ofrecerá a partir das 13:00 horas un concerto en homenaxe a todas as persoas con diversidade funcional.

O 3 de decembro, con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Concelleira de Muller e Benestar Social lerá un manifesto ás 12:00 horas, coincidindo coa inauguración do Mercadillo Solidario que se instalará no fondo da Praza Maior e permanecerá aberto os días 3, 4 e 5 de decembro, entre as 12:00 e as 14:00 horas pola mañá, e de 17:00 a 20:00 horas pola tarde.

A edil explicou que para elaborar o cartel anunciador das actividades o Concello de Lugo organizou un concurso de debuxo nos colexios da cidade para invitar aos rapaces a que reflexionarán sobre a discapacidade e para sensibilizalos de que na diversidade é posible a igualdade. Os gañadores do concurso foron Bárbara Novo del Río e Francisco Pérez Fernández, que estudan no Colexio Cervantes.

Carmen Basadre entregoulle a Bárbara Novo unha bolsa con agasallos como un Mp4 e diverso material escolar.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova