Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo e o Ministro de Cultura clausuran o encontro de poetas


# Luns, 03/12/2007
O peche tivo lugar no Salón de Actos cedido ó Concello para a ocasión pola Deputación Provincial de Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Ministro de Cultura, César Antonio Molina, foron os encargados de clausurar o I Encontro de Poesía galega que tivo lugar en Lugo os días 29 e 30 de novembro enmarcado nos actos de aniversario da muralla organizados polos Concello de Lugo.

Na clausura o Ministro amosou a súa satisfacción por estar na súa terra, rodeado de poetas e lembrou a figura de García Lorca que lle rendeu tributo á cidade de Lugo, escribindo aquí o seu primeiro poema en galego.

Rematou así o que os poetas participantes cualificaron como “un encontro histórico”, que reuniu na cidade ó longo de tres xornadas a 18 dos mellores poetas galegos da actualidade.

Nomes prestixiosos e recoñecidos dentro e fóra de Galicia polas súas aportacións á literatura, pasaron polo salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, cedido ó Concello e a RNE para o desenvolvemento deste evento.

Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Suso Pensado, Luz Pozo Garza, Claudio Rodríguez Fer, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Arcadio López-Casanova, Chus Pato, Ana Romaní, Xavier Seoane, Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Salvador García Bodaño, Luis González Tosar e Manuel Rivas, foron os poetas e poetisas galegas que achegaron os seus versos e a súa voz a Lugo coincidindo coa celebración do aniversario do monumento romano.

Cada unha das sesións foi retransmitida en directo polo programa La Estación Azul da cadea de radio pública Radio Nacional de España, e as xornadas contaron ademais coas interpretacións musicais dos cantautores Fran Pérez, Xabier Díaz e Luis Emilio Batallán.

López Orozco plantexoulles ós poetas a posibilidade de recoller as súas lecturas nun cd recopilatorio, que sexa recordatorio do acto e deste VII Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. A iniciativa foi moi ben acollida polos escritores e será plantexada a todos os participantes das tres xornadas.

A terceira e última sesión contou coa participación de Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Salvador García-Bodaño, Luís González Tosar e Manuel Rivas.

Primeira visita a Lugo do Ministro de Cultura

O acto estivo presidido polo Ministro de Cultura César Antonio Molina, que visita por primeira vez a cidade de Lugo dende que en xullo do 2007 substituise no cargo á anterior responsable, Carmen Calvo.

O Ministro de Cultura coñece ben o eido literario, de feito, doutorouse cum laude cun traballo de investigación sobre A prensa literaria española, e publicou máis de trinta libros de ensaio, prosa e poesía. No ano 2004 foi nomeado Director do Instituto Cervantes.

Esta primeira visita rematou na Casa do Concello onde o Ministro foi recibido polos voceiros municipais, asinou no libro de Honra e recibiu o Libro da Muralla de mans do Alcalde lucense.

Posteriormente, César Antonio Molina compartiu un aperitivo cos poetas participantes no encontro e con representantes da cultura da cidade, fundamentais na proxección da muralla cara o exterior e da obtención do distintivo Patrimonio da Humanidade hai hoxe sete anos.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova