Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Ludus Party.net desconecta a súa segunda edición consolidada como un referente das festas tecnolóxicas do norte de España


# Luns, 03/12/2007
Contou coa participación de 650 participantes de toda España

6.000 lucenses visitaron as instalacións durante a fin de semana
O Concello de Lugo repartiu 12.000 en premios


A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, ofreceu un balance da segunda edición de Ludus Party.net, que desconectou o pasado domingo, 2 de decembro tras un éxito de participación e de recepción de visitantes.

Luisa Zarzuela destacou tras esta edición Ludus Party.net consolídase como unha festa tecnolóxica de referencia no norte de España e “xa ten un nome propio como feira tecnolóxica ao traspasar as fronteiras da autonomía e recibir participantes de toda España, en especial do norte, como Gijón, Oviedo ou León”.

A edil explicou que “Ludus Party.net non é unha party ao uso, xa que incorpora unha zona deseñada especialmente para visitantes con actividades especialmente preparadas para o público en xeral”. Ao longo da fin de semana visitaron as instalacións da party máis de 6.000 persoas. Tanto os talleres de informática e de robótica, como as actividades organizadas como torneos de xogos ou exhibicións contaron cunha participación do 100%.

Unha das actividades que máis expectación levantou foi o taller de animación dixital impartido polo director cinematográfico Coque Rioboó que recibiu o premio Goya 2007 á mellor curtametraxe de animación pola obra “El viaje de Said”. Este creador ofreceu charlas a preto de 1.000 escolares de toda a cidade que descubriron da súa man as técnicas máis innovadoras na animación cinematográfica.

A Ludus Party.net recibiu a visita dun grupo de 70 membros da asociación Aspnais, que fixeron un percorrido polas instalacións e participaron nun taller sobre informática.

A festa tecnolóxica contou cunha participación de 650 internautas de toda España que chegaron de Madrid, Valencia, diversos puntos de Andalucía, Asturias, Cantabria, Zaragoza, Barcelona e de toda Galicia. A concelleira salientou que se recibiron máis de 800 solicitudes o que superou con creces as prazas ofertadas.

A edil destacou que Ludus Party.net é unha festa que tamén se caracteriza por servir de encontro interxeracional, A idade media dos participantes na party foi de 26 anos de idade, sendo o máis novo un rapaz de 14 anos e de 52 anos de idade o máis veterano. Entre o público asistente houbo representación de todas as idades, especialmente de familias con nenos pequenos “polo que para o ano que ven o teremos moi en conta e deseñaremos actividades para os máis cativos” suliñou Zarzuela.

O Concello de Lugo repartiu 12.000 euros en premios entre os gañadores dos 16 torneos celebrados.

Luisa Zarzuela destacou que “o Concello de Lugo aposta polas novas tecnoloxías e xa é a cidade punteira de Galicia en incorporarse á esta revolución do século XXI”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova