Imprimir

PRESTIXIOSOS EXPERTOS ACHEGARÁN O USO DO SOFTWARE LIBRE NUNHA XORNADA ORGANIZADA POLO CONCELLO DE LUGO


5/12/2007 Está aberta a todo o público e desenvolverase o 13 de decembro a partir das 9:30 horas nas instalacións do CEI

A Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, presentou xunto á Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, a actividade que pecha o proxecto Lugo Dixital que se veu desenvolvendo desde o ano 2005. Luisa Zarzuela destacou que se remata un proxecto, pero que o Concello de Lugo continuará desenvolvendo novos programas en materia de novas tecnoloxías para seguir sendo unha Cidade Dixital.

Lugo Dixital dispuxo dun orzamento de 1.550.000 euros e no seu marco desenvolveuse: o proxecto Abred, as edicións do programa formativo Conéctate en Lugo, o estudo da tarxeta cidadana, a construción da Aula Multimedia de O Castiñeiro ou a creación dunha plataforma de portais do Concello de Lugo, entre outras accións.

O Concello de Lugo nunha nova aposta por achegar as novas tecnoloxías aos cidadáns lucenses organiza esta xornada para difundir entre a poboación en xeral e os empresarios que é o software libre, as súas aplicacións e as súas vantaxes con respecto ao software privativo.

Esta acción formativa desenvolverase o próximo 13 de decembro nas instalacións do CEI e está aberta a todo o público, pois é gratuíta. Luisa Zarzuela destacou que nesta actividade participan todos os sectores imnplicados no desenvolvemento do software libre como son os seus creadores e os usuarios ao contar coa representación das princiapais asociacións de empresarios usuarios de software libre e as tres universidades galegas.

Sonia Méndez salientou que a celebración desta xornada no Cei-Nodus “forma parte do compromiso deste goberno ampliar as funcións deste centro e dinamizalo de xeito que non só estea aberto a todas as empresas de Lugo senón tamén a todos os cidadáns.” A edil engadiu que “precisamente, este centro está dotado con tecnoloxía punteira polo que se presta acoller esta xornada de divulgación do software libre”.

Baixo o título de “O software libre: unha realidade de futuro” celebraranse catro conferencias impartidas por prestixiosos expertos e usuarios de software libre. Para completar a formación terminarase a xornada cun taller práctico no que os participantes poderán comprobar por si mesmos os contidos, as aplicacións e as vantaxes do software libre.

A xornada comezará ás 9:30 horas cunha charla impartida por Juan Antonio Añel, reperesentante do Grupo de Usuarios de Linux de Ourense e España. Durante 45 minutos achegará a súa visión do software libre e as licenzas libres.

Ás 10:15 horas tomará a testemuña Borja López, un experto analista de software libre e membro de AGASOL (Asociación galega de software libre) que analizará a situación do software libre nas empresas galegas.

A charla estrela da xornada, ás 12:00 horas, estará protagonizada por Enrique Sierra, ex Radio Futura e creador do portal 127.es, que falará sobre “A revolución do creador” e presentará esta plataforma libre e gratuíta na que se recollen as últimas tendencias artísticas e da vangarda creativa.

Pechará as conferencias ás 13:00 horas, Luís gago González, profesor da USC que explicará as experiencias sobre o software libre na USC.

Pola tarde, a partir das 16:00 horas os expertos en Linux, Óscar Amor e Francisco Javier Tsao Santín impartirán os talleres prácticos sobre a instalación de sistemas GNU/Linux, Debian, Ubuntu e Gentoo e o seu emprego.
Para formalizar as inscrcipciones pode facerse chamando ao 010 ou nas oficinas do CEI.

O software libre
O software libre é por definición o software que, unha vez obtido, pode ser usado, copiado, estudado, modificado e redistribuído libremente, polo tanto isto supón un beneficio para usuarios particulares e empresas, de que forma? ... é a gran pregunta, pois conseguindo unha independencia da necesidade de licenzas (polo tanto, de custos) e sabendo que detrás de moitos dos proxectos de software libre atópase unha comunidade que coopera para a súa mellora e difusión, noutros casos, como é en concreto do paquete de ofimática openoffice, brinde a posibilidade de ter documentos (de texto, de cálculo ou de diapositivas) en formatos abertos de tal forma que se eliminan tamén as barreiras da dependencia dunha empresa con software privativo.

VANTAXES DO SOFTWARE LIBRE:
1. Económico (máis de mil millóns de euros en licenzas de Microsoft en España anuais)
2. Liberdade de uso e redistribución
3. Independencia tecnolóxica
4. Fomento da libre competencia ao basearse en servizos e non licencias
5. Soporte e compatibilidade a longo prazo
6. Formatos estándar
7. Sistemas sen portas traseiras e máis seguros
8. Corrección mais rápida e eficiente de fallos
9. Métodos simples e unificados de xestión de software
10. Sistema en expansión

VANTAXES DO SOFTWARE PRIVATIVO:
1. Propiedade e decisión de uso do software por parte da empresa
2. Mellor acabado da maioría de aplicacións ... aínda que isto é unha das cousas que máis está cambiando.
3. O lecer para computadores persoais está destinado ao mercado propietario
4. Menor necesidade de técnicos especializados xa que ata agora é o que máis existiu
5. Mellor protección das obras con copyright

O software libre non é sinónimo de gratuidade, aínda que moitas veces está dispoñible gratuitamente, ou a prezo do custo da distribución a través doutros medios.