Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Sánchez Piñón salienta que as novas instalacións deportivas do CEIP das Mercedes fomentan a apertura dos centros a toda a cidadanía


# Venres, 07/12/2007
A conselleira de Educación e o alcalde de Lugo inauguraron esta mañá estas instalacións, que darán servizo á comunidade escolar da zona, e tamén poderán ser utilizadas polos veciños en horario non lectivo

Esta actuación, consistente na realización de diversas obras de mellora no campo de fútbol do Polvorín, ten un investimento de 418.914 euros

Santiago, 7 de decembro de 2007.- A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, salientou que as novas instalacións deportivas do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) das Mercedes están en consonancia co obxectivo da Administración educativa de abrir os centros educativos a toda a cidadanía. Así, salientou que estas instalacións, situadas no barrio de Montirón, poderán ser utilizadas polos veciños en horario extraescolar. A máxima responsable do departamento educativo galego e o alcalde do Concello de Lugo, José Clemente López Orozco, inauguraron esta mañá as obras realizadas no campo de fútbol do Polvorín, no que a Administración autonómica e a local investiron 418.914 euros.

Esta actuación, froito dun convenio asinado en xuño entre a Consellería de Educación e o Concello de Lugo, consistiu na dotación de céspede artificial no campo de fútbol de terra do campo de fútbol do Polvorín, así como na colocación do sistema de rego, instalación de varandas e porterías, pavimentación, etc.

Durante a inauguración destas instalacións, Laura Sánchez Piñón afirmou que hai agora un ano a Consellería comprometíase a levar a cabo a adecuación destas instalacións, e manifestou a súa satisfacción por proceder á súa inauguración. Así mesmo, indicou que “non hai nada máis gratificante que ver hoxe aos nenos e nenas xogando nun campo destas características”.

Esta actuación pretende satisfacer as demandas da comunidade escolar da zona, sen que isto impida que as instalacións programadas se destinen a usos máis amplos e se poñan ao servizo dos colectivos deportivos municipais, mediante unha axeitada planificación da súa xestión.

Así, atenderanse prioritariamente as necesidades que presente a comunidade escolar da zona, especialmente do CEIP das Mercedes. As actividades programadas polos centros educativos en horario lectivo terán prioridade, mentres que as actividades do Concello realizaranse fóra deste horario. Ademais, o Goberno Municipal deberá ter en conta as necesidades dos centros educativos para programar actividades extraescolares, e levará a cabo un axeitado mantemento das instalacións, de forma que o uso fóra do horario lectivo non impida ou dificulte as actividades dos centros educativos da zona dentro do horario escolar.

O obxectivo destas novas instalacións é o incremento e mellora da práctica deportiva, que esixe unha maior dotación de infraestruturas que permita dar satisfacción á crecente demanda social.

Pola súa banda, o alcalde de Lugo salientou que o Goberno Municipal vén realizando importantes esforzos na mellora das infraestruturas deportivas, polo que ademais das obras efectuadas no campo de fútbol do Polvorín, o Concello leva investido nos últimos 8 anos máis de 3,3 millóns de euros ma mellora dos campos de A Cheda, Luis López Gorgoso, Gándaras, Nadela e Ceao.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova