Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde e a Conselleira de Educación presentan o proxecto de UNED ás entidades financieiras e empresariais da cidade


# Venres, 07/12/2007
É a terceira xuntanza para poñer en marcha esta iniciativa para a que o Concello xa conta cunha aportación de 130.000 euros

O cambio político na Deputación Provincial posibilita que a UNED comece a coller forma

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, o Vicepresidente Primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao, e o Vicerreitor dos Centros Asociados da UNED, José Luis Prieto, mantiveron unha nova xuntanza, esta vez cos representantes das Caixas e organizacións empresariais da cidade, para presentarlles o proxecto de Universidade a Distancia que están a elaborar.

É a terceira xuntanza mantida co obxectivo de facer realidade un proxecto moitas veces falado pola Conselleira de Educación e o Alcalde lucense e que hoxe comeza a ter forma grazas ó cambio político experimentado na Deputación Provincial tralas eleccións do 27 de maio.

O obxectivo desta nova reunión é dar a coñecer ás entidades financieiras e empresariais da cidade o proxecto de UNED para Lugo e a súa provincia, e implicalos na súa posta en marcha, prevista para o curso 2008-2009.

O Alcalde sinalou a importancia de que participen estas entidades no comezo dun proxecto educativo “moi importante para Lugo e a súa provincia, que complementará ó campus lucense”. López Orozco anunciou ademais que a implicación do Concello é clara “fixemos unha modificación de crédito por 130.000 euros que será a primeira aportación do Concello ó Consorcio co que nacerá a UNED”.

Pola súa banda, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, salientou que constitúe “un motivo de satisfacción sacar adiante un proxecto tan ilusionante para a cidade de Lugo”, coma o novo centro da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). Neste senso, afirmou que “vén a complementar a formación presencial que oferta o Campus de Lugo”, e apuntou que a Administración educativa participa no financiamento dos centros da UNED en Galicia.

Así, Sánchez Piñón anunciou que Consellería de Educación realizará en 2008 unha achega excepcional para a posta en marcha do centro asociado da UNED en Lugo. Así mesmo, a máxima responsable do departamento educativo galego afirmou que a Administración agarda que este centro sexa unha realidade no curso 2008-2009.

As entidades presentes nesta xuntanza teñen a posibilidade de colaborar a través de dúas fórmulas diferentes, que son o Consorcio ou o Padroado.

O Vicepresidente primeiro da Deputación explicou que a posta en marcha da UNED foi a primeira meta que se marcou a nova Deputación, “que a sede se faga realidade e que se colabore coas aulas implantadas na Mariña e en Monforte”.

Na actualidade hai arredor de 12.000 alumnos matriculados na Universidade a distancia en toda Galicia, dos que 940 pertencen á provincia de Lugo e están matriculados nas sedes de Ourense e A Coruña, polo tanto espérase un número importante de matrículas para o primeiro curso.

En canto á ubicación do novo centro, López Orozco explicou que aínda non se tomou ningunha decisión definitiva, “estamos a dar os pasos por orde”.

Na xuntanza estiveron o Presidente da Cámara de Comercio, Alfredo Mosteirín, o Vicepresidente da CEL, David Vilela, o Director Comarcal de Caixanova, Jesús Fernández Vidal, o Director Comercial de Caixanova en Lugo e A Coruña, Luis Vela e o Director Territorial de Caixa Galicia, Walter Álvarez.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova