Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello instala un monumento conmemorativo de Lugo como epicentro viario do noroeste peninsular


# Xoves, 18/10/2007
As tres antigas capitais do noroeste en época romana acordaron conmemorar este feito cun monumento

O Alcalde de Lugo presidiu a presentación dun monumento conmemorativo da cidade como epicentro viario do noroeste peninsular. No acto, estiveron presentes membros da Coporación municipal así como diversas autoridades entre as que se atopaban o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro e o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero.

Este é un proxecto que consiste na realización dun miliario en bronce fundido que simboliza a importancia que tivo a cidade romana de Lvcvs Avgvsti como epicentro viario do noroeste peninsular.

Por ista razón, a súa forma é cilíndrica e cunha inscrición en latín que percorrerá prácticamente todo o seu perímetro en varias liñas, a imitación dos miliarios que marcaban as distancias das vías romanas.


INSCRICIÓN EN LATÍN E TRADUCIÓN Ó GALEGO

LATÍN

IMPERATORI CAESARI DIVI FILIO AVGVSTO
PONTIFICI MAXIMO IMPERATORI XX
CONSVLI XIII TRIBVNICIA POTESTATE XXIV
PATRI PATRIAE CETERISQVE EIVS SVCCESSORIBVS
QVI VIAS PVBLICAS A LVCO AVGVSTI
IN VRBES IMPERII LONGINQVAS HAS FECERVNT:

- ITEM A BRACARA ASTVRICAM M.P. CCXCVIIII (I.A. 429,5).
- ITEM PER LOCA MARITIMA A BRACARA ASTVRICAM VSQVE... (I.A. 423,6).
- VIA A LVCO AVGVSTI AD DACTIONVM (I. de B. 2).
- VIA A LVCO AVGVSTI AD LVCVM ASTORVM (RAV. 320,16)
- VIA A LVCO AVGVSTI AD AQVAS QUERQVENNAS (miliaria)

ANNO CIRCITER MMXXI AB VRBIS
LVCI AVGVSTI CONDITIONE HODIERNVS
SENATVS POPVLVSQVE LVCENSIS
MILIARIVM INITIALE IN HOC CAPITE
VIARVM INSIGNI RESTITVI CVRAVIT



GALEGO

Dedicatoria ao emperador César Augusto, fillo do Divino (Xulio), pontífice máximo, emperador por vixésima vez, cónsul por décimo terceira vez, investido coa tribunicia potestade por trixésimo cuarta vez e sendo xa pai da patria, que mandou construír, xunto cos demais emperadores que o sucederon, dende Lugo ata cidades afastadas do Imperio, as vías públicas seguintes:

- Vía dende Braga ata Astorga con 299 millas.
- Vía dende Braga ata Astorga, en parte por mar.
- Vía dende Lugo ata Dactonio.
- Vía dende Lugo ata Lugo dos Ástures.
- Vía dende Lugo ata Augas Quarquennas.

Arredor do ano dous mil vinte e un despois da fundación da cidade de Lugo, a actual Corporación Municipal e o Pobo de Lugo decidiron que se restituíse, nesta insigne cabeceira de múltiples vías romanas, o miliario inicial de referencia para todas elas.
Lugo, 2007.


O Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo, decidiu colocar o miliario na rúa Armanyá debido a que era por esta zona por onde transcurría un dos Decumani Maximi da cidade de Lucus Augusti, ademais está moi preto do foro, centro cívico da cidade romana e en pleno centro histórico a medio camiño entre tres recursos museísticos importantes como son o Museo Provincial, a casa dos Mosaicos, e o tramo do Decumanus Maximus que moi pronto se musealizará na rúa Gustavo Freire.

Lugo na historia

Lvcvs Avgvsti, a semellanza do que aconteceu coas outras dúas capitais conventuais do Noroeste, constituíu un auténtico epicentro viario de comunicación no que confluirían e partirían toda unha serie de calzadas, atestiguadas principalmente polas fontes clásicas e os miliarios.

Partindo desta premisa, as tres cidades, Lugo, Astorga e Braga, antigas capitais en época romana do noroeste peninsular, decidiron erixir nunha praza dos seus respectivos centros históricos un monumento conmemorando este feito. Astorga xa o fixo en febreiro do ano 2006 cun monumento instalado na súa Praza Maior.

Esta obra englóbase dentro das actuacións que se están a levar a cabo no marco do proxecto europeo “Vías Atlánticas” (INTERREG III A) no que o Concello Lugo participa como socio e que está sendo xestionado polo Servizo Municipal de Arqueoloxía.

O monumento funcionaría, non só como símbolo da importancia que tivo en época romana a cidade de Lugo como epicentro viario do noroeste peninsular, senón tamén como fito principal da sinalización das trazas das vías romanas XIX e XX do Itinerario de Antonino ao seu paso polo territorio do Concello de Lugo que se vai acometer en datas próximas, unha vez efectuado o estudo científico do seu decurso polo noso territorio, convertindo estas vías romanas en itinerarios turístico-culturais.

O Concello de Lugo participa como socio no Proxecto que baixo o título Vías Atlánticas: valoración y conservación de recursos patrimoniales y naturales, y lugares de interés arqueológico, a través de la promoción del Itinerario turístico-cultural de las antiguas Vías Romanas XIX y XX de España y Portugal, se está a executar ó amparo da Iniciativa Comunitaria Interreg III-A ESPAÑA – PORTUGAL.

Este proxecto ten como obxectivo principal a recuperación das antigas Vías romanas XIX e XX do Itinerario de Antonino, propoñendo a preservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico, histórico e natural galaico-minhoto que hai ó seu carón para o seu aproveitamento como reclamo turístico a través da promoción e difusión dun gran roteiro turístico-cultural de carácter transnacional que cruzaría espazos de innegable valor patrimonial, ambiental e cultural.

No proxecto participan como socios tódalas institucións territoriais polas que discurren estas vías romanas:

- Norte de Portugal: as Câmaras portuguesas de Braga, Vila Verde, Paredes de Coura, Ponte de Lima e Valença.

- Galicia: as Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, máis o propio Concello de Lugo.

O proxecto Vías Atlánticas conta, ademais, coas Universidades de Santiago de Compostela e a do Minho (Braga), así como co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) como socios científicos, que colaboran cos socios territoriais nos traballos de determinación da traza das vías. Estes socios dotan ó proxecto da vertente científica necesaria toda vez que é un proxecto que toma como base os elementos patrimoniais.

Neste proxecto, propóñense diversas actividades, que teñen como obxectivo facilitar un desenvolvemento sostible do sector turístico, que reverta na mellora da calidade de vida dos cidadáns desta eurorexión e unha mellor cohesión social dos seus habitantes, mediante un proceso de posta en valor dos recursos patrimoniais, culturais e turísticos, que permitan a súa óptima promoción e comercialización, creando deste xeito un novo destino turístico.

A historia de Lugo como epicentro viario do noroeste peninsular ven de lonxe. Temos que remontarnos ás Guerras Cántabras, a finais do século I a.C. Supuxeron a integración do Noroeste Peninsular no Imperio Romano.

A nova administración romana afrontou a empresa de dotar ás rexións de Asturia e Gallaecia dunha rede viaria básica que permitise unha comunicación rápida entre as recén creadas cidades de Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga) que de seguido se converteron nos tres principais centros administrativos do noroeste peninsular como capitais dos seus respectivos conventos xurídicos.

En concreto, as diferentes fontes que temos para o estudo da rede viaria romana falan da existencia de polo menos cinco vías de importancia que tiñan a Lugo como punto de partida ou de paso. Todas elas tiñan como finalidade principal comunicar as tres capitais conventuais do Noroeste Peninsular (Bracara, Lvcvs e Astvrica).

Características da obra

A obra caracterízase pola combinación de dous elementos de diferente material:

1.- A realización dun cilindro de chapa de bronce de 3 milímetros de grosor, que terá unha altura de 2.50 metros e un diámetro de 60 centímetros que reproduciría a tamaño natural, o miliario inicial a partir do cal contaban as millas as vías que partían da cidade de Lvcvs Avgvsti.

Sobre este soporte, e adaptándose a súa forma circular, aparece un texto en latín, que percorrerá practicamente todo o seu perímetro en varias liñas, como o facían as inscricións dos miliarios que marcaban as millas das vías romanas.

Este texto realízase en letras capitais cadradas dunha altura entre 5 e 3.5 centímetros, cortadas á auga sobre o propio cilindro.

O texto consistirá, por unha banda, nunha inscrición honorífica ao emperador Augusto e posteriores emperadores que construiron as distintas vías e, por outra, unha dedicatoria conmemorativa asinada polo pobo e o Concello de Lugo actuais en conxunto.

Xa, por último, na parte inferior do soporte colocarase unha placa de bronce, que tamén se adaptará á forma circular do miliario coa tradución ao galego do texto orixinal en latín, con letras dunha altura de 1.5 centímetros.

2.- Como complemento, e servindo de base a este monumento conmemorativo, sobre o chan haberá un círculo de granito dun diámetro de 3.60 metros e un grosor de 12 centímetros, realizado en tres pezas, no que se marcarán as vías de saída de Lugo con frechas direccionais e cos nomes das cidades de destino, cada unha insertada nunha placa de bronce fundido de 90x12 centímetros, ademais da colocación dos logos do proxecto Vías Atlánticas, do Concello de Lugo, da Unión Europea e da iniciativa comunitaria Interreg III A

Esta obra conta cun orzamento total de 20.132,30 € íntegramente asumido polo Proxecto Europeo “Vías Atlánticas” (INTERREG III A), do que o Concello de Lugo é socio participante. Este proxecto conta cunha subvención FEDER do 75%, sendo o 25% restante aportado polo Concello.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova