Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Consellería de Vivenda e Solo e a Consellería de Innovación e Industria invisten 302.662 ¿ na mellora de infraestruturas de 9 parques empresariais na provincia de Lugo


# Venres, 21/09/2007
Os investimentos quedan plasmados en convenios de colaboración asinados hoxe cos concellos de Lugo, Begonte, Bóveda, Castro de Rei, Guitiriz, Meira, Cospeito, A Pastoriza e Quiroga

A Consellería de Vivenda e Solo e a Consellería de Innovación e Industria invisten a cantidade de 302.662 euros na mellora de infraestructuras de 9 parques empresariais na provincia de Lugo. En concreto, a Consellería de Vivenda aporta 93.280,62 € e Innovación e Industria os 209.381 € restantes.

Estas consellerías asinaron hoxe convenios de colaboración cos concellos de Lugo, Begonte, Bóveda, Castro de Rei, Guitiriz, Meira, Cospeito, A Pastoriza e Quiroga co obxecto de mellorar as infraestructuras dos seus respectivos parques empresariais. As obras de mellora deberán estar finalizadas antes do 29 de decembro deste ano.


PARQUE EMPRESARIAL C. DE VIVENDA E SOLO C. DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA CONCELLO
O Ceao-Lugo (926.562 m2)...........17.883 €.................40.237€..........5.748 €
Begonte (103.531 m2)...................10.372 €................23.338 €.........3.334 €
Bóveda (74.157 m2)............ 8.060 €..................18.136 €.........2.590 €
Castro Ribeiras de Lea-Castro de Rei (95.262 m2) 8.727 €...19.636 €..... 2.805 €
Guitiriz (97.619 m2).......................12.647 €............... 28.457 €........ 4.065 €
Meira (75.708 m2).........................7.949 €................17.886 €......... 2.555 €
Muimenta-Cospeito (42.279 m2)...1.419 €...............25.694 €...........3.670 €
A Pastoriza (102.065 m2).............7.929 €................17.841 €...........2.548 €
Quiroga (107.054 m2)...................8.290 €..............18.654 €............2.664 €

As obras consistirán fundamentalmente na mellora e reposición das redes de abastecemento, de saneamento e de alumeado público. Asimesmo, levarase a cabo o acondicionamento de beirarrúas, a supresión de barreiras arquitectónicas, a reposición da sinalización e diversas medidas medioambientais. Estas últimas consistirán basicamente na retirada de lixo depositado en lugares non destinados para este fin e na colocación de contenedores para a súa recollida, así como o acondicionamento de zonas verdes coa plantación de novas especies arbóreas.

A financiación destas melloras é unha actuación transversal entre as Consellerías de Vivenda e Solo e Innovación e Industria para dotar a estes parques das infraestruturas e servizos propios do século XXI. Con estas actuacións quérese dar unha resposta acaída ás demandas de solo produtivo de calidade que formulan as empresas, de tal xeito que ningunha firma deixe de instalarse en Galiza por falla de solo empresarial competitivo.


4 millóns de metros cadrados de solo empresarial na provincia
Ademais destas actuación de mellora dos parques xa existentes, a Consellería de Vivenda e Solo está a desenvolver arredor de 4 millóns de metros cadrados de solo empresarial na provincia de Lugo, cun investimento total previsto de 104,8 millóns de euros.

As grandes actuacións previstas son o Parque empresarial de As Gándaras, en Lugo, con 2,2 millóns de metros cadrados e un investimento de 75 millóns de euros. Estes terreos foron cedidos polo Concello de Lugo, o seu propietario desde o pasado mes de xuño, despois de que o Ministerio de Defensa aceptara o convenio proposto polo Concello de Lugo, no que se establecía a cesión de 16.480 metros de edificabilidade no polígono Sur K, situado na zona de Montirón-Sanfiz, a cambio dos terreos das Gándaras, por parte de Defensa.

Outras actuacións son a Plataforma Loxística de Pacios-Baamonde, en Begonte, con 1 millón de metros cadrados e 23 millóns de euros, e a Plataforma Loxística de Monforte de Lemos con 300.000 metros cadrados ampliables ata 700.000 metros cadrados cun investimento inicial de 3,1 millóns de euros.

Estas grandes actuacións están incluídas no Proxecto Galiza Suma de creación de solo empresarial de carácter estratéxico, en coordinación coa Consellería de Innovación e Industria. O Galiza Suma abrangue actuacións de carácter estratéxico e terá como resultado a execución de parques empresariais de grandes dimensións, entendidos non só como contedores de empresas senón tamén como espazos de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, e como puntos de formación e coñecemento.

Ademais destas grandes actuacións, a Consellería de Vivenda e Solo está a desenvolver o Parque Empresarial de Landrove, en Viveiro, con 150.000 metros cadrados de superficie e un investimento previsto de 3,5 millóns de euros. E o Parque Empresarial de Valadouro-Alfoz con 118.000 metros cadrados ampliables ata os 250.000 e un investimento inicial previsto de 3,3 millóns de euros.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova