Imprimir

O ALCALDE RECIBE AOS ACTORES DOS GRUPOS DE TEATRO GAMUSINOS E ACHÁDEGO


15/9/2007 O acto tivo lugar ás 11:30 horas deste sábado no Salón de Plenos da Casa Consistorial

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu aos actores portugueses que conforman o grupo Gamusinos, que acudiron acompañados por membros da agrupación lucense Achádego.

O acto tivo lugar ás 11:30 horas deste sábado, 15 de setembro, no Salón de Plenos da Casa Consistorial.

Os trinta actores intercambiaron co Alcalde impresións sobre a cidade e, sobre todo, conversaron sobre o teatro. López Orozco declarouse un gran admirador de todos os artistas que son capaces de subir a un escenario para transmitir aos espectaodores infinitos sentimentos e sensacións. O mandatario municipal expresou “canto me gustaria poder representar algún día a magnífica obra “Calígula” de Albert Camus, que é unha auténtica lección da verdadeira democracia”.

O Alcalde salientou a importancia de que os países estreiten lazos a través do intercambio da cultura, “xa que desde o coñecemento mutuo pódense establecer relacións baseadas no respeto”. Puxo de exemplo simbólico a Muralla de Lugo, que “non pecha a cidade, senon que a través das súas dez portas está aberta a todos os homes e mulleres, a todas as razas e a todas as cores”:

López Orozco agradeceulles a súa presencia na cidade e a representación da obra “Viaxe á peor fin do mundo”, da que interpretarán a segunda sesión esta tarde ás 20:30 horas no Centro Social de Fingoi. Nenos e maiores poderán disfrutar gratuítamente desta versión do conto Os tres cabelos do demo dos hermanos Grimm, producida polo Grupo de Teatro Gamusinos.

A actuación deste grupo de teatro portugués débese ao intercambio que realizan coa agrupación lucense Achádego, e que recibe a subvención do Concello de Lugo e a Consellería de Vicepresidencia, de Igualdade e do Benestar Social.