Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A nova xuntanza coas redactoras céntrase en revisións técnicas e no estudo dos urbanizables


# Luns, 10/09/2007
O luns o Concelleiro de Urbanismo e técnicos municipais reuníranse con responsables da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia para axilizar prazos

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares e responsables políticos municipais, reuníronse coas redactoras do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para continuar co estudo de diferentes aspectos técnicos do documento urbanístico.

Fernández Liñares, destacou que a filosofía de traballo do equipo de goberno local é a do acordo "queremos un plan aprobado con consenso e con sentido, por iso non escatimamos en horas de traballo".

O Concelleiro salientou que nesta xuntanza dedicaron unha boa parte do traballo a repasar os urbanizables, que "marcarán as pautas de futuro do urbanismo lucense". Neste senso, aclarou que unha vez falado coas redactoras os tres partidos políticos con representación municipal, aceptaron non eliminar o límite de vivendas por hectárea, "porque os urbanizables poden ser de vivendas unifamiliares, pero tamén vivendas colectivas, bloques de baixa altura". Fixan, iso si, un número de vivendas máis alto nas cercanías de Lugo que nas parroquias.

Na zona de Galegos decidiron que os urbanizables levasen baixo máis dúas alturas, que "non houbese bloques de gran altura, pero si vivenda colectiva de 6 ou 8 vivendas".

En San Cibrao, o urbanizable podería ir "con baixo máis tres alturas, cunha edificabilidade igual que en Galegos de 0,30 metros cadrados por metro cadrado de superficie". O número de vivendas aquí sería de 45 vivendas por hectárea "a edificabilidade de 0,3 non permite que se amontonen as vivendas".

No Barrio da Ponte, "o equipo redactor calculará o número de vivendas".
O Concelleiro de Urbanismo referiuse tamén á zona rural, "hai áreas de expansión e debaterán que non sexan moi diferentes na súa concepción urbanística ás urbanizacións derivadas de solo urbanizable, tendo en conta as pautas que marca a Lei do Solo".

Entendemento entre os grupos
Para Fernández Liñares o entendemento entre os tres partidos é total.

O edil de Urbanismo pediu "que ninguén se poña medallas que non lle corresponden. Estamos traballando todos e perseguimos todos o mesmo, que é un plan aprobado co máximo consenso". Segundo Liñares todos temos que ceder algo polo interés da cidadanía "nós queremos un Plan Xeral para todas e todos os veciños de Lugo e están representados polos 25 concelleiros. O noso obxectivo foi sempre -co PP, co bipartito, coa maioría e con minoría-, aprobar o Plan co apoio de todos os grupos políticos".

Francisco Fernández Liñares anunciou que o vindeiro luns 17 de setembro terán unha xuntanza na Dirección Xeral de Urbanismo para ir presentando os documentos que conforman o PXOM de Lugo e axilizar os prazos para a súa aprobación provisional.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova