Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo reúnese cos veciños do Sagrado Corazón para que coñezan o proxecto de rehabilitación do barrio


# Venres, 07/09/2007
A reunión superou todas as expectativas de xente facéndose preciso un cambio de lugar a outro de máis capacidade

O Alcalde de Lugo, José López Orozco e o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, reuníronse cos veciños do Sagrado Corazón para explicarlles o proxecto de rehabilitación integral do barrio do Sagrado Corazón, pioneiro no concello.

A xuntanza que nun primeiro momento ía ser no Centro Social, tivo que trasladarse ó salón de Actos do Colexio debido á masiva participación dos veciños da zona que se amosaron moi interesados no proxecto.

Neste encontro, o Alcalde aproveitou para explicarlles en persoa o que vai a supoñer para o barrio que teña a declaración de Área de Rehabilitación Integral (ARI).

Explicoulles que os obxectivos son rehabilitar o barrio, revitalizalo e recuperar a poboación e a boa calidade de vida.

Esta declaración supón que o Ministerio de Vivenda e a Consellería destinarán un orzamento de 3.825.000 euros para subvencionar obras de rehabilitación que poderán afectar a fachadas, cambios de cubertas, obras en interiores das casas, instalación de ascensores.

Os veciños poderán optar a subvencións de ata o 80% do custe das obras, o 20% restante correrá ó seu cargo.

O Concello, dando un paso máis para facilitar ós vecinos a rehabilitación, está negociando con diversas entidades bancarias, un convenio para que os veciños que o desexen poidan acollerse a uns plans de financiación cuns xuros e prazos especiais.

A historia do Sagrado Corazón

O polígono do Sagrado Corazón edificouse na segunda metade do século XX, respondendo a un problema severo de falla de vivenda naquel momento. Foi promovido pola antiga Caja de Ahorros da Coruña e Lugo e proxectado por un arquitecto de recoñecido prestixio: Efrén García Fernández.

A súa construción comezou no 1967. Conta, a día de hoxe, con 25 edificios de uso residencial con 340 vivendas e 569 veciños, á marxe das construcións dotacionais. O 92% dos edificios ten unha antigüidade superior ós 30 anos, sen embargo a calidade das construccións é boa, polo que a rehabilitación integral será conservadora.

As principais características socioeconómicas do barrio, segundo o amplo estudo elaborado pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo, son: poboación moi envellecida–maioritariamente feminina- e en descenso, nivel de ingresos medio-baixo, un gran arraigo dos veciños co seu barrio (case a metade leva máis de 30 anos vivindo nel e o 99% quere permanecer alí) e unha valoración positiva cara a rehabilitación do mesmo.

As principais actuacións desta ambiciosa rehabilitación son:

1.- Colocación de 23 ascensores no exterior dos edificios que comunicarán coas plantas a través de pasarelas. Serán básicos para unha poboación envellecida, cunha considerable taxa de persoas discapacitadas e terán unha estética innovadora.

2.- Creación de dous ascensores públicos que comunicarán o barrio coa cidade. Estarán en Carlos Azcárraga e na rúa Fontaneira (onde existen dúas escaleiras con case 50 escalóns cada unha).

3.- Pintura, limpeza e reparación de fachadas.

4.- Reparación de todas as cubertas e eliminación das actuais uralitas. As cubertas estarán preparadas para ser accesibles, poder acoller paneis solares –como indica o Código Técnico de Edificios- ou ser tendedeiros.

5.- Reposición de instalacións comunitarias hoxe obsoletas ou en mal estado.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova