Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo e o Presidente da Deputación desbloquean asuntos importantes para o concello e a provincia


# Xoves, 30/08/2007
A apertura do Paseo Interior e a creación dun centro da UNED en Lugo, principais asuntos acordados nesta primeira xuntanza

O Alcalde de Lugo, José López Orozco e o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acordaron desbloquear varios temas pendentes historicamente entre as dúas administracións.

A apertura do Paseo Interior da Muralla nos xardíns da Deputación, a creación dun centro da UNED en Lugo e a colaboración na rehabilitación do centro histórico foron algúns dos asuntos acordados na primeira xuntanza.

O Alcalde de Lugo acudiu como o rexedor do concello de máis poboación da provincia e onde ademais se asenta a Deputación. O Presidente provincial definiu a López Orozco como "meu querido profesor e amigo". "Iniciamos con el a rolda de entrevistas cos 67 alcaldes e alcaldesas da provincia. Son vitais para a Deputación e tamén para a redacción do Plan Estratéxico Provincial", dixo. O Alcalde de Lugo, pola súa banda, deu as grazas polo recibimento a José Ramón Gómez Besteiro, ó Vicepresidente primeiro e ós representantes de todos os grupos políticos que participaron no mesmo e avanzou ó Presidente que "vai ter a miña colaboración leal, persoal e institucional".

Volta á normalidade
"Din que unha noticia é un feito excepcional, anormal, pero hoxe a noticia é a excepcional normalidade. A Deputación e o Concello de Lugo normalizan as súas relacións porque nunca debeu ser doutro xeito. Os 350 metros de distancia que separan a Deputación e o Concello parecían un auténtico océano. Eu reivindico hoxe a normalidade dunha institcuón que nunca debeu perder o contacto cos Concellos nin co municipio onde se asenta", explicou Gómez Besteiro. "Grazas por facer normal o que a nivel da rúa é normal", concluiu o Alcalde de Lugo sobre este asunto.

Os máximos representantes das dúas institucións trataron moitos asuntos, desbloqueando "vellas contas pendentes importantes para o municipio e a provincia", dixo o Presidente. O Alcalde destacou nese senso que "o Concello é un veciño da provincia. Na medida en que lle vaia ben á provincia, tamén lle irá ben a Lugo". Os temas abordados foron moitos pero os principais son:

1.-O Paseo Interior "unha idea do Alcalde de Lugo que defendín como Concelleiro e agora como Presidente da Deputación, é un compromiso hoxe adquirido", afirmou Besteiro. Os xardíns da Deputación formarán parte dese ambicioso proxecto que ademais está conseguindo o Concello sen ter que pagar ós propietarios, senón grazas á súa colaboración desinteresada.

2.- A UNED, outra das reivindicacións do Alcalde de Lugo, contará co apoio da Deputación. "Todos os que formamos este equipo de goberno sabemos da importancia de ter este centro na provincia e poñer fin a unha débeda histórica. Ademais esta é unha decisión de goberno, das que se toman con consenso", afirmou o Presidente.

3.-A segunda fase do Plan Paradai será outro dos proxectos que contará coa colaboración do ente provincial.

4.-A delimitación do Campus universitario e a gardería. O Alcalde de Lugo adiantou que "por vez primeira, dentro do novo PXOM e así está aceptado polo equipo de goberno e os redactores, está delimitado o Campus. Isto permitirá desbloquear asuntos como a gardería".

5.- Un equipo técnico das dúas administracións comezará traballar "na que pode chamarse Praza de San Marcos. Hai que darlle unha solución a esta rúa e darlle outra entrada ó Pazo, restrinxindo o tráfico ben a través de zonas 30 ou facendo a rúa peonil", explicou López Orozco.

6.- Para un desenvolvemento no seu conxunto, procurarase a creación dun consorcio do centro histórico no que tamén podan estar presentes outras administracións como a Xunta de Galicia ou entidades como a APEC.

7.- No tocante ó futuro traspaso do Hospital de San José ó SERGAS, o Alcalde de Lugo dixo que "lle garanticei ó Presidente que o solar será de uso rotacional, que non haxa ningún temor por persar que o uso poda ser diferente".

8.- A creación dun parque comarcal de Bombeiros foi otra das peticións de López Orozco. "Xunta, Deputación e Concello estamos dispostos a colaborar para crear un parque comarcal de Bombeiros", afirmou despois da reunión.

9.- O CETAL será un novo lazo de unión. O Alcalde dixo que se "enchera de satisfacción" cando escoitou ó Presidente da Deputación poñer a Granxa provincial Gayoso Castro a disposición do CETAL, un centro xa constituído como fundación.

10.- A colaboración no complexo medioambiental río Rato-Río Miño. A Deputación implicarase economicamente e no mantemento destas zonas verdes, incluídas as do Pazo de Feiras e Exposicións, colaborando nesta tarefa co Concello.

11.- En materia turística, o Alcalde demandou un patronato ou empresa de turismo provincial que "coordine todas as administracións que están a traballar polo turismo".

Visita intensa
Na recepción oficial ó Alcalde de Lugo tamén estiveron presentes o Vicepresidente primeiro da Deputación e os voceiros dos tres grupos políticos provinciais. Antes de comezar a xuntanza de traballo entre o Alcalde e o Presidente no Despacho de Presidencia, toda a comitiva estivo reunida na Sala de Xuntas durante vinte minutos.

Alí Gómez Besteiro fíxolle entrega ó Alcalde dun agasallo institucional. Trátase dunha peza de vidro deseñada por 3 artistas lucenses -Matalobos, Anna Marco e Alberto Vázquez Torrón- e editada pola empresa lucense Vidreiría Lara para o CENTRO DE ARTESANÍA E DESEÑO. O seu título é "A forza do movemento", que simboliza o movemento que quere imprimir o novo equipo de goberno á Deputación provincial. O Presidente cumpre así co seu obxectivo de promocionar ós artesáns e deseñadores lucenses, facendo da institución o mellor dos escaparates para os creadores da provincia.

Unha vez rematada a reunión no Despacho do Presidente, os dous mandatarios visitaron os xardíns do Pazo Provincial para supervisar in situ o percorrido do futuro Paseo Interior. Foi un momento histórico e moi esperado que simboliza as novas relacións entre Concello de Lugo e Deputación.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova