Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo aproveita as súas vacacións para visitar a localidade de Täby


# Venres, 24/08/2007
Hai dez anos que os rapaces desta vila sueca celebran intercambios cos alumnos da Nosa Señora dos Ollos Grandes

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, aproveitou a súa viaxe privada a Estocolmo para visitar ó Alcalde da localidade sueca de Täby, Leif Gripenstam.

López Orozco, cumpre así co compromiso adoptado co mandatario de Täby, de devolver a visita que cada ano fan eles á cidade de Lugo con motivo dos intercambios culturais dos alumnos suecos cos estudantes do Instituto A nosa Señora dos Ollos Grandes.

Nesta visita, ámbolos dous Alcaldes destacaron a intención de colaborar para que estas viaxes de rapaces lucenses e suecos se manteñan no tempo. Para López Orozco é fundamental “o fortalecemento do concepto de Europa entre a mocidade e o potenciamento das relacións humanas entre mozos europeos do século XXI”. Estas viaxes culturais levan 10 anos realizándose e contan coa colaboración económica do Concello de Lugo.

Na xuntanza estiveron presentes o Alcalde de Lugo, o de Täby, a Concelleira de Educación da vila Sofia Paulsson, a Directora do Instituto Maj Delistiäm, e a supervisora dos intercambios e mestra do centro Kristina Westerberg.

José López Orozco agasallou ó anfitrión cun prato de Sargadelos que reproduce o escudo da cidade e que representa a artesanía máis internacional da provincia de Lugo. Á Concelleira de Educación e á Directora do Centro, entregoulles unha medalla tamén de Sargadelos, conmemorativa da Declaración da Muralla Patrimonio da Humanidade.

O Alcalde de Lugo é a primeira vez que visita esta vila de 60.000 habitantes e que se atopa a 14 quilómetros de Estocolmo. Aproveitou ademais para anunciar que a seguinte viaxe que farán os estudantes de Täby á cidade de Lugo será o vindeiro día 22 de setembro.

Como todos os anos, esta visita permitiralles ós rapaces, un grupo de arredor de 20, coñecer a Casa Consistorial, a cidade de Lugo e a súa cultura e patrimonio, acompañados por un guía que pon á súa disposición o Concello.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova