Imprimir

OS LUCENSES FOMENTARÍAN O AUMENTO DA NATALIDADE CON MÁIS SERVIZOS DE ESCOLAS INFANTÍS GRATUÍTAS


1/8/2007

Os resultados obtidos na enquisa realizada polo Concello a través da páxina web municipal, para coñecer que medidas adoptarían os lucenses para fomentar o aumento da natalidade, sinalan que a creación de máis servizos de escolas infantís gratuítas é a medida máis apoiada.

O 32,10% dos participantes, con 131 votos, responderon á pregunta “Que medida adoptaría para fomentar o aumento da natalidade?” que construirían máis servizos de garderías gratuítos. A segunda opción máis votada é a de ampliar os permisos de maternidade e paternidade, que foi elexida por 120 lucenses, co 29,41% do total.

Un total de 89 participantes, co 21,81%, consideran que non é necesario fomentar o aumento da natalidade; e o 16,66%, con 68 votos, seleccionaron a opción de “Reducir a xornada laboral a 35 horas semanais”.

Nesta enquisa participaron 408 internautas e mantívose activa entre o 20 de xullo e o 1 de agosto. Ademais, recibiu a opinión de seis lucenses que destacan a necesidade de modificar as condicións laborais, tanto en materia de salarios como de horarios, para facilitar a conciliación da vida familiar.