Imprimir

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE LUGO 25 DE XULLO-DÍA DE GALICIA


25/7/2007

Cada 25 de xullo o noso país celebra a súa festa grande. É a festa de Galicia, a festa dun pobo que conta cunha historia e un pasado que o fan estar presente no mundo enteiro.

O Día de Galicia é o día de todas e todos os galegos, dos que estamos na nosa terra e podemos gozar de vivir, traballar e medrar como persoas no noso país, e tamén o día daqueles que tiveron que marchar á diáspora e hoxe miran cara aquí coa morriña e o sentimento forte de unión a un país.

Non podemos esquecer a quen xa non está e tampouco a quen deu a súa vida na loita pola liberdade. Un ano máis desexamos con todas as nosas forzas a chegada da paz e que se faga realidade o soño de vivir en liberdade no noso fogar.

Ábrense novos retos, e o Concello de Lugo non se vai quedar atrás. Imos continuar no camiño cara a diante, cara á modernización. Por iso, non podemos perder o tren da innovación e o desenvolvemento, seguiremos apostando polas novas tecnoloxías, polas persoas emprendedoras, polo I+D+i. Continuaremos buscando o apoio de Europa e as axudas que recolle o Plan de reequilibrio territorial da Xunta de Galicia.

Nun día coma o de hoxe, Galicia celebra a súa festa, a de todas as galegas e galegos que abrimos as nosas portas aos que volven, aos que soñan, e aos que traballan por conseguir un mundo mellor para todas e todos.