Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Consellería de Vivenda destina 1,9 millóns de euros á financiación da oficina de rehabilitación


# Venres, 20/07/2007
O Alcalde de Lugo suliñou a aposta decidida do Goberno Municipal pola rehabilitación nas distintas zonas da cidade

A provincia de Lugo conta con 10 Áreas de Rehabilitación nos concellos de Chantada, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro cun investimento de 4,9 m. de € para a rehabilitación de 1.004 vivendas

A subvención por oficina pode chegar ata os 60.000 € para sufragar gastos de mantemento e do persoal encargado de informar e xestionar as axudas públicas que reciben os particulares


A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe Teresa Táboas, destina unha partida de 1,9 millóns de euros á financiación das oficinas de rehabilitación de 32 concellos que contan con Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) e Áreas de Rehabilitación de Centro Histórico (ARCH). O obxectivo é contribuír a dotar ás oficinas dos recursos económicos necesarios para desenvolver plenamente o seu labor como instrumento técnico e de información, asesoramento e incentivación das actuacións nas Áreas de Rehabilitación.

A Consellería de Vivenda e Solo concederá unha subvención por oficina que pode chegar ata os 60.000 euros en concepto de axuda aos gastos de mantemento e de persoal. O importe das axudas non poderá superar o 100% dos gastos previstos para 2007, e os concellos remitirán esta previsión á Consellería trala sinatura destes convenios.

López Orozco satisfeito da aposta do Concello de Lugo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco asistiu en Santiago de Compostela, á sinatura deste acordo. López Orozco, dixo que estaba “moi satisfeito” coa aposta que está a facer o Concello de Lugo “somos animadores da rehabilitación e apostaremos decididamente por ela. A Empresa Municipal de Vivenda e Solo contará con máis técnicos e traballará a pé de obra na rehabilitación do Centro Histórico e de zonas ARI”. Os técnicos de Evislusa serán os que inspeccionen as vivendas que soliciten cédula de rehabilitación de calidade, que lles permite acceder a axudas ós inmobles que cumpran uns requisitos.

A Consellería de Vivenda e Solo ten adquiridos no barrio da Tinería, no centro histórico de Lugo un total de 52 edificios para rehabilitar, que van permitir a obtención dunhas 70 vivendas protexidas destinadas para mozos menores de 35 anos en réxime de aluguer. Trátase da maior actuación que se desenvolve en Galiza en materia de rehabilitación no casco histórico dunha cidade, cun investimento de 31 millóns de euros ata o ano 2010 por parte da Consellería de Vivenda e Solo.

Provincia de Lugo

A provincia de Lugo conta con 10 Áreas de Rehabilitación declaradas nos concellos de Chantada, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro. A Consellería de Vivenda e Solo destina un total de 4.922.267 euros para a rehabilitación de 1.004 vivendas incluídas nas Áreas de Rehabilitación destes concellos e para a urbanización dos espazos públicos.

CONCELLO

CONVENIO

Nº ACTUACIÓNS

SUBVENCIÓN REHABILITACIÓN E URBANIZACIÓN

CHANTADA

ARI CASCO ANTIGO DE CHANTADA

111

525.450

LOURENZA

ARI VILANOVA DE LOURENZÁ

55

290.500

LUGO

ARCH CENTRO HISTÓRICO DE LUGO

186

903.980

MONDOÑEDO

ARCH CENTRO HCO. MONDOÑEDO E BARRIO S.LÁZARO E OS MUIÑOS

137

643.359

MONFORTE

ARCH BURGO MEDIEVAL

46

236.500

RIBADEO

ARCH CENTRO HISTÓRICO DE RIBADEO

75

369.850

SARRIA

ARI CASCO ANTIGO DE SARRIA

75

379.000

VILALBA

ARI CASCO ANTIGO DE VILALBA

152

747.109

VIVEIRO

ARCH CENTRO HISTÓRICO DE VIVEIRO

167

826.519

(*) LUGO

ARI BARRIO SAGRADO CORAZÓN

(*)pendente de asignar actuacións

 

 

TOTAL

1.004

4.922.267




En toda Galicia a Consellería de Vivenda e Solo ten declaradas a día de hoxe un total de 41 Áreas de Rehabilitación localizadas nos 32 concellos cos que hoxe se asinaron os convenios para a cofinanciación das oficinas de rehabilitación. En concreto trátase de 17 Áreas de Rehabilitación Integral (ARIs) e 24 Áreas de Rehabilitación de Centro Histórico (ARCHs), cun total de 23.843.428 euros de investimento para cofinanciar a rehabilitación de 4.742 vivendas.

Liña de traballo prioritaria
Nese sentido, Táboas explicou que a rehabilitación é unha “liña de traballo prioritaria” do seu Departamento, por canto supón “promover un desenvolvemento sustentable, recuperando o noso patrimonio construído evitando seguir invadindo territorio innecesariamente”. Ademais, a conselleira salientou que a rehabilitación “nos permite mellorar a calidade de vida dos galegos e das galegas, dotando a esas edificacións rehabilitadas dos servizos propios da Galiza deste principio de século, á vez que nos permite revitalizar socialmente os espazos rehabilitados, xa que non se trata só de recompoñer estruturas arquitectónicas, senón de dotalas de vida contribuíndo á recuperación social do barrio onde se ubican os inmobles rehabilitados”.

Salientou a importancia da colaboración institucional entre o Departamento Autonómico e as administracións locais para desenvolver estas actuacións en materia de rehabilitación. Así, Táboas destacou o “importante papel” dos concellos a través das oficinas de rehabilitación municipais para “informar aos propietarios do beneficio particular e colectivo da rehabilitación, e levar a cabo unha tarefa explicativa e divulgativa das axudas públicas e de como xestionalas”, subliñou a conselleira, quen definiu como “imprescindible” o asesoramento técnico que se debe levar a cabo desde estas oficinas municipais para “garantir que os proxectos e as obras de rehabilitación son ás máis acaídas ás necesidades dos edificios e, ao mesmo tempo, garantir que se executan con calidade”.

Os concellos nos que se encontran as oficinas de rehabilitación cos que se asinaron os convenios esta mañá son: A Coruña, Allariz, Betanzos, Cambados, Cangas, Castro Caldelas, Celanova, Chantada, Corcubión, Ferrol, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Mugardos, Muros, Neda, Noia, Ourense, Padrón, Poio, Pontevedra, Ribadavia, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sarria, Tui, Verín, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Viveiro.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova